Deporte

Máis de 220 nenos e nenas de primaria achéganse á loita

Alumnado de 4 municipios participou nunha xornada deportiva coordinada por Agrudebam

Xornada de loita en Goián.   | // D.P.

Xornada de loita en Goián. | // D.P. / d.p.

d.p.

Fomentar a actividade física entre o alumnado e achegalo a diferentes deportes dun xeito entretido, ameno e divertido. Ese é un dos obxectivos da Asociación Deportiva Baixo Miño, Agrudebam, que reuniu no pavillón deportivo de Goián a máis de 220 nenos e nenas de primaria de diferentes centros escolares de Tomiño, O Rosal, Gondomar e Salceda de Caselas nunha xornada de introdución á loita.

Durante toda unha mañá participaron en diferentes actividades os escolares de 4º de primaria do CEIP Plurilingüe de Tebra, do CEIP Barrantes, do CEIP Pintor Antonio Fernández e do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán tomiñeses. Ademais, ata as instalacións deportivas tamén se desprazaron para participar alumnos e alumnas do CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal, así como do CEP Altamira de Salceda de Caselas e do CEP Neira Vilas de Gondomar, convidado por Agrudebam.

Nesta xornada competiron un total de 25 equipos en cinco lonas dispostas no pavillón deportivo de Goián, no que cativos e cativas puideron gozar da loita nunha competición simultánea con probas moi variadas. A competición, denominada ‘Xogaloita’, procura “achegar dunha forma moi lúdica ao alumnado aos deportes de agarre, como poden ser a loita ou o judo. E faise a través dunha competición na que se busca diversión e axilidade e que as e os participantes poidan desfrutar mentres se inician nestes deportes”, salientan dende a organización.

Así, equipos mixtos formados por entre 5 e 9 xogadoras e xogadores van rotando entre as distintas probas nas que deben tentar vencer ao equipo contrario. Entre as actividades que máis chamaron a atención da rapazada foi ‘Dar a volta á tortilla’, unha proba na que un dos ou das competidoras ten que tentar en menos de 10 segundos darlle a volta completamente á persoa contrincante, que estaba colocada boca abaixo sobre a lona.

Loita de xeonllos no tapiz agarrados polos cóbados tentando derrubar á persoa rival sen soltar o agarre, roubar un balón de baloncesto empregando só as palmas das mans ou coller a cola de cabalo, tentando roubar o rabo do equipo rival sen saír dun círculo, foron algunhas das probas coas que o alumnado desfrutou dunha entretida xornada deportiva e de convivencia. As actividades completáronse co xogo de expulsar da zona, nos que armadas e armados cuns escudos brandos debían empurrar á ou ao rival para tentar botalo fóra do círculo, ou co ‘Sogatira’, no que catro xogadoras e xogadores de cada equipo tentan gañar traendo a corda cara ao seu lado do tapiz.