Música

“Primavera de Jazz” inaugura a nova estación en Nigrán

Comeza hoxe co concerto de Abe Rábade, ás 20.00 horas no auditorio

Abe Rábade.   | // JUDITH R. IGLESIAS

Abe Rábade. | // JUDITH R. IGLESIAS / D.P.

D.P.

O Concello de Nigrán abre hoxe, co grande pianista galego Abe Rábade o seu segundo ciclo “Primavera de Jazz”, un evento que novamente ofrece tres citas impresicindibles cos mellores músicos galegos: Rábade hoxe, David Regueiro Trío o sábado 20 de abril e, finalmente, Diego Alonso o sábado 1 de xuño. Todos estes concertos son gratuítos, no Auditorio Municipal, e ás 20:00 horas.

“Mantemos o obxectivo co que naceu, que non é outro que ofrecer aos mellores músicos de jazz do noroeste peninsular en directo e fora da tempada estival”, explica o alcalde, Juan González, en referencia ao Nigranjazz, o festival máis lonxevo de toda a comarca dentro deste xénero musical e que cada ano o Concello celebra en Xullo no esteiro de A Foz mesturando aos mellores músicos internacionais cos máis destacados do noroeste peninsular.

“Despois de 18 anos ininterrompidos de Nigranjazz temos xa un público moi consolidado que demandaba concertos en directo tamén o resto do ano, e un alumnado da Escola de Música que tamén o reclama, e por iso nace este festival que, paralelamente, quere promover aos mellores músicos galegos e do norte de Portugal”, explica o rexedor.

O encargado de abrir o ciclo será o pianista e compositor compostelano Abe Rábade, que conta con quince discos como líder (Botánica, o máis recente, editado por Nuba Records no 2022), estreou dúas composicións sinfónicas (Tránsitos no 2015 e Tempos Velados no 2018), outras tres obras poético-musicais (Rosalía 21 no 2008, Travesía dos Poetas no 2010 e Lorca Namorado no 2019). É autor de 200 composicións en estilos como jazz, clásica, experimental e músicas de raíz. Actúa con numerosas figuras de reconocido prestixio internacional en concertos e festivais de todo o mundo. Así mesmo, ofrece múltiples masterclasses en centros especializados.

Licenciado Cum Laude en Jazz Composition e Piano Performance por Berklee College of Music (Boston, EEUU) no 1999, actualmente é docente nos conservatorios superiores de música de Galiza e Portugal.

Os próximos convidados serán David Regueiro Trío (Gonçalo Mendoça coa guitarra rítmica e Juyma Estévez co contrabaixo) con Thomas Kretzaschmar, violinista internacional de primeiro nivel; e Diego Alonso, que lidera o quinteto Nihil, formado a súa vez por algúns dos mellores músicos de jazz de Galicia e de prestixio internacional: Xan Campos (piano), Virxilio da Silva (guitarra), Pablo Patiño (contrabaixo) e Antón Quintela (batería).