Tomiño

A Escola de Música mantén o ritmo

Concello e Agrupación Musical de Goián asinan un novo convenio

d. p.

Tomiño soa a partituras, solfexo e melodías. Para manter e fomentar esta importante tradición musical, o Concello vén de asinar coa Agrupación Musical de Goián un convenio de colaboración para o financiamento da Escola de Música, un centro que acolle a máis de 150 alumnos e alumnas de todas as idades que cursan estudos oficiais que lles permiten dar o salto ao conservatorio.

Entre as especialidades que ofrece actualmente atópase a de xardín musical, dirixida á cativada de 3 e 4 anos para que sexan os protagonistas da súa primeira etapa musical; música e movemento, de 4 a 7 anos; linguaxe musical, clases de solfexo enfocadas á formación de músicas e músicos a partir dos 6 anos; música para adultos; corda; percusión; vento madeira; vento metal e as bandas infantil e xuvenil.