GDR

Auxe do método “aprender facendo” con prácticas en empresas

Un dos piares da EFA A Cancela é o coñecemento do tecido empresarial de primeira man

Alumnado do EFA A Cancela.   | // FDV

Alumnado do EFA A Cancela. | // FDV / d. p.

d. p.

É media mañá, fóra recende a doce porque o alumnado do Grado Medio de Panadería, Repostería e Confeitería da EFA A Cancela de As Neves prepara as súas primeiras orellas de entroido. Na cociña todo o alumnado está ocupado e a súa profesora desvela un dos piares deste centro educativo de carácter concertado. “Aquí investimos tempo en coñecer a cada alumno, non se trata só de titorizar, vai moito máis aló. Gústame observalos, coñecer as súas habilidades, os seus medos e os seus soños. Só así podemos axudalos a trazar o seu presente e o seu futuro”, explica Fátima Estévez. O alumnado amasa, frite, estira e prepara as bandexas con sumo detalle. O resultado son unhas exquisitas orellas de entroido, as primeiras do alumnado de primeiro ano porque nada máis pór un pé neste centro, o alumnado comeza a practicar nas aulas e tamén nas empresas. De preto acompáñao o profesorado de tódolos ciclos que visitan as empresas durante as estadías.

Aquí ven o segundo piar da EFA A Cancela, asociado ao Grupo de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta e presidido por Mª Carmen Gil, a realización de prácticas dende o primeiro trimestre do primeiro ano de ciclo. Segundo relata a presidenta “é a mellor metodoloxía para espertar curiosidade, sentido da responsabilidade e motivación no alumnado”. Coincide con ela a profesora do ciclo superior de Educación Infantil, Mª del Pilar Estévez “cando ao cabo duns meses de teoría saen á realizar as prácticas ás escolas infantís, colexios, ludotecas, aulas

de natureza… é cando se decatan da utilidade dos coñecementos teóricos e volven con máis madurez, máis gañas de prestar atención e non perder detalle”.

Gil remarca que, “máis que o estudo teórico, o tecido empresarial valora a formación como persoas, a actitude vale tanto ou máis ca aptitude por iso é fundamental transmitir valores de traballo en equipo, de resolución de conflitos, capacidade para tomar decisións…”.

O centro, que está a preparar a ampliación da súa oferta formativa, actúa como dinamizador social, cultural e económico, recibindo alumnado de toda Galicia e de tódalas idades. Nel prepáranse grandes profesionais do territorio, que atopan no centro, unha oportunidade de seguir medrando e espertando vocacións.