Música

A salcedense Sghae, entre as charangas máis prestixiosas do país

A agrupación vén de representar a Galicia no campionato de España

Integrantes de Sghae xunto co concelleiro de Cultura en Poza de la Sal.   | // FDV

Integrantes de Sghae xunto co concelleiro de Cultura en Poza de la Sal. | // FDV / d. p.

d. p.

Non gañaron pero non por iso os integrantes da Charanga Sghae deixan de sentirse agradecidos e satisfeitos da súa música e de todo o seu traballo e implicación. Esta agrupación salcedense vén de participar no X Festival Nacional de Charangas de Poza de la Sal, Burgos, considerado o campionato de charangas con máis prestixio de España. Nel competiron unha ducia de charangas de toda a xeografía española, sendo Sghae a encargada de representar a Galiza.

A agrupación salcedense conta xa con 13 anos de historia, sendo fundada no 2011 por nove músicos do municipio, integrantes da Banda Cultural, que estaban na procura de novas modalidades coas que gozar da súa paixón pola música, creando así unha nova formación coa que divertirse e facer divertir ao público.

Ao longo da súa traxectoria foron adaptando o seu repertorio, incorporando os temas máis actuais, sen esquecerse dos estilos máis clásicos das charangas. Participan en moitas festas e festivais por toda a xeografía galega e do norte de Portugal, onde a formación conta cunha gran aceptación.

Dende o ano 2022, a Charanga Sghae organiza coa colaboración do Concello de Salceda o Concurso Galego de Charangas, co obxectivo de converterse tamén nun festival referencia na península como o é o celebrado de Pozas de la Sal, o cal curiosamente está considerado como o concello mais pequeno de Europa con banda de música.