DEPORTE

O nacemento do Celta Feminino afianza o vínculo entre o club celeste e Mos

A nova sección feminina do RC Celta será o actual UD Mos Feminino

Alcaldesa edís coas xogadoras.   | // FDV

Alcaldesa edís coas xogadoras. | // FDV / D. P.

D. P.

“Emocionada, ilusionada e sobre todo moi orgullosa das nosas xogadoras da UD Mos”, así se amosaba a alcaldesa Nidia Arévalo no acto de presentación, na Madroa, da nova sección feminina do RC Celta. O equipo feminino celeste, que será o actual UD Mos Feminino, comezará a xogar a próxima tempada en Terceira Federación, máis equipos infantil, cadete e filial.

“Atopámonos ante un feito histórico que, como lembraba a presidenta Marian Mouriño, coincide cando se cumpren 100 anos da unión entre o Fortuna e o Victoria para crear o Celta. Agora, en 2024, a unión histórica ten un marcado carácter feminino”, destacou Nidia Arévalo, quen tamén apuntou que “como alcaldesa de Mos vivo este momento máxico chea de afouteza e corazón ante este proxecto tan ilusionante e ambicioso”.

A alcaldesa insistiu en que “con este novo paso damos continuidade ao forte vínculo establecido entre o Celta e Mos: primeiro coa Cidade Deportiva Afouteza, agora co UD Mos Feminino converténdose no Celta Feminino e sendo As Baloutas canteira do Celta Feminino, en nun futuro próximo co vindeiro Galicia Sports 360”.

Nidia Arévalo cualificou o momento, ademais de “histórico”, como un “soño feito realidade” tanto para o deporte mosense en xeral como para as xogadoras do Mos Feminino en particular. Xa que “o máximo ao que pode aspirar unha futbolista da área metropolitana é a xogar no Celta” dixo a rexedora municipal.

E é que esta é unha gran oportunidade para as xogadoras, tanto no que respecta á súa formación, como na oportunidade de dispoñer dos recursos adecuados para loitar polo seu soño: xogar ao fútbol. Por todo elo as xogadoras da UD Mos están a vivir o novo vínculo co club celeste con enorme emoción, ilusión e orgullo.

Arévalo rematou as súas declaracións cun “sincero agradecemento, un gracias con maiúscula, para o presidente da UD Mos, Pablo Serodio, e para os adestradores das nosas abellas; pola súa xenerosidade infinita a prol do futuro do fútbol feminino de Mos e de toda a Área”.

Ao acto asistiron tamén a concelleira de Deportes, Feli Rodríguez, e demais membros do equipo de goberno local do Concello de Mos.