Saúde

A comarca do Condado Paradanta conmemora o Día Termal Europeo

Mondariz Balneario acolle un congreso do 11 ao 13 de outubro

Instalacións termais interiores e exteriores do Balneario de Mondariz.   | // FDV

Instalacións termais interiores e exteriores do Balneario de Mondariz. | // FDV / l. c.

l. c.

O Día Termal Europeo porá no mapa internacional o valor da comarca do Condado Paradanta. Do 11 ao 13 de outubro, a vila de Mondariz Balneario acollerá o Día Europeo do Patrimonio Termal 2023, organizado pola Asociación Europea de Villas Termales Históricas en colaboración co Grupo de Desenvolvemento Rural GDR Condado Paradanta, Balneario de Mondariz e o Concello de Mondariz Balneario. Durante tres días, expertos internacionais abordarán o tema “Paisaxes terapéuticas” e tomarán como referencia para o encontro o exemplo de Balneario de Mondariz e a súa importancia para o crecemento da zona e da industria balnearia nacional. Un proxecto asinado por Enrique Peinador que innovou dende un primeiro momento, fundamentado na idea de potenciar as augas mineromedicinais como medicina natural, así como o feito de que é o único caso no mundo que creou, por necesidades administrativas, o seu propio concello, o Concello de Mondariz Balneario.

A comarca do Condado Paradanta conmemora o Día Termal Europeo

A comarca do Condado Paradanta conmemora o Día Termal Europeo / l. c.

Trátase este ademais, dun evento enmarcado na conmemoración do 150 aniversario do Balneario de Mondariz e da declaración de utilidade pública das augas mineromedicinais de Mondariz.

Foro internacional

O Día Europeo do Patrimonio Termal comezará o mércores 11 de outubro coa cerimonia de apertura a cargo das máximas autoridades e representantes do comité de organización. Posteriormente, a directora executiva de EHTTA presentará os antecedentes e logros deste evento que neste 2023 alcanza a súa sexta edición e que foi galardoado como un exemplo de boas prácticas polo Instituto Europeo de Itinerarios Culturales.

Durante o panel de conferencias, expertos de Europa e América analizarán a orixe, elementos estruturantes de desenvolvemento urbano e perspectivas futuras de catro das cidades termais máis emblemáticas a nivel mundial: Mondariz Balneario (España), Caldas da Rainha (Portugal), Spa (Bélxica) e Saratoga Springs (Estados Unidos). Estas conferencias serán impartidas por Mario Crecente, presidente do Comité Científico de EHTTA; Jorge Mangorrinha, PhD, Centro de Estudos Globais da Universidade Aberta; Anne Pirard, xestora local en Spa do sitio do Patrimonio Mundial Great spa towns of Europe e Samantha Bosshar, directora executiva da Saratoga Springs Preservation Foundation.

Por outra banda, o arquitecto Álvaro Bonet intervirá en directo desde Madrid para presentar a figura e obra de Antonio Palacios, un dos máis importantes arquitectos de España durante a primeira parte do século XX, quen deseñou algúns dos edificios máis representativos da capital e tivo un papel fundamental na configuración da vila termal de Mondariz.

A maiores da parte científica do evento, levarase a cabo un programa de visitas e actividades paralelas, que se estenderá dende a tarde do mércores 11 ao domingo 15 de outubro

O primeiro día haberá unha visita guiada á paisaxe terapéutica da vila termal, visitando fontes, edificios, xardíns e parques e coñecendo as súas lendas e mitos da man dun guía turístico local.

O 12 de outubro pola mañá realizarase un paseo ao longo do río ata a Fonte de Troncoso, onde o autor do seu proxecto de rehabilitación amosará os detalles das obras, logo unha visita arqueolóxica ao Castro de Troña, así como a outros puntos de interese nas proximidades e finalizarase no xardíns da vila cun obradoiro botánico e unha visita teatralizada baseada na vida social no balneario a comezos do século XX.

O día 13 ofrécese unha incursión nalgunhas das principais atraccións do destino Condado-Paradanta, visitando a planta de embotellado de Aguas de Mondariz, o Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea de Arbo, dous dos principais produtos da gastronomía local, e o Museo da Ciencia do Viño, un dos maiores espazos para a divulgación da viticultura e a enoloxía en España. Finalmente, una visita dramatizada recreará algúns dos acontecementos históricos máis relevantes do Condado Paradanta.

A fin de semana, sábado 14 e domingo 15 de outubro, está deseñada para experimentar un completo programa de relaxación no Balneario de Mondariz a través do “programa especial Mondariz 150 anos”, composto de clases privadas de aquagym, circuítos termais e outras actividades complementarias, como recorrido en buggy polo campo de golf e clase de iniciación nesta disciplina deportiva.

GDR

En liña coa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), que busca revalorizar o patrimonio territorial, a programación deste encontro inclúe visitas a diferentes puntos do Condado Paradanta, como adegas, museos e espazos naturais. Una inmersión turística, económica, social e cultural que supón todo un principio de intencións por parte do GDR ao considerar que é unha fórmula gañadora para poñer no mapa internacional a comarca tanto a nivel turístico, como empresarial e histórico.

Como parte da EDLP elaborada polo GDR do Condado Paradanta, a entidade deseñou unha serie de actuacións coas que poñer en valor o patrimonio material e inmaterial da vila termal durante o período 2023-2027. Unha programación que comezou cun ciclo de visitas guiadas ás obras arquitectónicas máis emblemáticas do territorio, a primeira delas ao Balneario de Mondariz onde, en colaboración coa asociación cultural Búrbida e o Concello, o arquitecto Álvaro Bonet fixo un repaso á obra de Palacios no municipio. As visitas guiadas continúan neste mes de setembro por diferentes espazos patrimoniais da zona e finalizarán en outubro coa participación na reunión da Asociación de Ciudades Termales Históricas Europea.