Deporte

As carrilanas serán as protagonistas en Arcade

Celébrase o vindeiro sábado a XVII Baixada de Carrilanas y Haberá concertos e zona gastronómica

Un dos participantes na Baixada de Carrilanas de Arcade.   | // BREIKUS.

Un dos participantes na Baixada de Carrilanas de Arcade. | // BREIKUS.

l. c.

Impulsada pola Asociación Veciñal e Cultural Pozovello, coa colaboración do Concello de Soutomaior como coorganizador, celébrase o vindeiro sábado, 2 de setembro, a XVII Baixada de Carrilanas de Arcade. A cita automobilística converterá Soutomaior no epicentro deste sector durante toda a xornada, xa que contará coa participación dalgúns dos mellores pilotos deste tipo de probas.

Porén, as Carrilanas de Arcade van moito máis alá dese día. Tanto é así que a asociación Pozovello organizou varios talleres de carrilanas para que aquelas persoas interesadas puidesen achegarse para construír as súas ou simplemente para observar os diferentes traballos de mantemento que requiren este tipo de vehículos. Realizáronse os dous últimos sábados e celebrarase hoxe tamén.

O programa da XVII Baixada das Carrilanas comezará ás 11.30 horas cos adestramentos por parte dos pilotos participantes, co obxectivo de que poidan ter unha primeira toma de contacto co circuíto antes da proba da tarde. Será ás 16.30 horas cando está previsto que comecen a baixar as primeiras carrilanas. Un dos alicientes desta proba é que os seus resultados serán puntuables para a Copa Galicia. Trala entrega de premios, que terá lugar ás 21.30 horas, o público asistente poderá desfrutar dun concerto de Monoulious DOP e do DJ Meu Carinho.

Por outra parte, tanto o Concello de Soutomaior como a asociación Pozovello destacan que haberá zona gastro, na que se ofrecerá churrasco e na que tamén estarán varias bocaterías locais, ademais de que se habilitarán aparcadoiros no Restaurante Casas e no campo de fútbol de Salgueirón.