Infantil

O Boi Xulián terá a súa morada no Parque da Palma

A historia da mascota de Baiona será o eixo dun contaconto e dun espectáculo

Photocall coa mascota de Baiona, o Boi Xulián, na pasada edición da Festa da Arribada.   | // ALBA VILLAR.

Photocall coa mascota de Baiona, o Boi Xulián, na pasada edición da Festa da Arribada. | // ALBA VILLAR. / l. costas

A creación da Morada do Boi Xulián é unha das novidades da vixésimo sétima edición da Festa da Arribada. A mascota oficial de Baiona volve para estar coa veciñanza e visitantes, sobre todo cos máis pequenos, que poderán coñecer a súa casa, a súa historia, os seus antepasados e o seu vencello coa vila mariñeira.

Noria medieval.   | // R. GROBAS

Noria medieval. | // R. GROBAS / l. costas

A morada estará instalada no Parque da Palma e poderá visitarse os tres días, 3, 4 e 5 de marzo, en horario de mañá e de tarde, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

A maiores, organízanse dúas actividades para o público familiar que xiran arredor deste personaxe que se presentou, precisamente, fai agora un ano. Por unha banda, un contaconto sobre a historia do Boi Xulián e o seu vínculo con Baiona, con sesións as tres xornadas, o venres e o sábado será ás 16.30 horas e o domingo ao mediodía. E, por outro lado, a compañía Oviravai representará o espectáculo “Terra á vista”, un musical centrado tamén na historia do Boi Xulián e os seus antepasados, con sesión photocall incluída coa presenza da mascota. Neste caso, as funcións do venres e sábado serán ás 19.00 horas e a do domingo ás 16.00 horas.

Atraccións medievais

No mesmo Parque da Palma será onde, maiormente, se concentre a oferta lúdica para a cativada. Organizaranse obradoiros infantís de acuñación de moedas, olería tapices de época, escritura gótica, coiro, lacrado, bordados, gravados en madeira e ourivaría.

Tampouco faltarán as atraccións, neste caso medievais: norias, barca pirata, troncomóbil, carrusel, cadeiras voadoras e camas elásticas.

Haberá un parque de aventuras con xogos ecolóxicos, tren eco roller, torre de escalada e baqueta medieval. E tamén mesas de quebracabezas de madeira e máis de 30 xogos tradicionais de madeira para traballar o enxeño.

Tiro con arco, adestramento de cabaleiros e contenda de esgrima histórica son outras das atraccións das que se poderá desfrutar no Parque da Palma.