As telleiras que se bañaban no UIla

O emprego do barro en Catoira e Valga é parte da historia dos pobos

Unha demostración da construcción de tellas, naFeira Franca celebrada en Pontevedra.

Unha demostración da construcción de tellas, naFeira Franca celebrada en Pontevedra. / Gustavo Santos

Cristina Conde Escaloni

O domingo un cento de cidadáns tivemos a oportunidade de desfrutar dunha ruta organizada pola asociación cultural Os Penoucos e Obaixoulla.gal na que o eixo central eran as telleiras.

Tiven a sorte de poder guiar esta actividade coa que quixemos desfrutar do diverso patrimonio que hai pola beira do río, dando ós participantes a oportunidade de coñecer máis e mellor como era o oficio dos telleiros.

Aprendendo en Pontevedra

Para isto, o pasado sábado achegueime ata a Feira Franca de Pontevedra, onde me agardaba Pepe Buraco, o último telleiro do Rosal e bo coñecedor do idioma dos telleiros: o cavaqueiro.

Ensinoume encantado como era o oficio e o método da creación das tellas e ladrillos dende que chegaba o barco cargado de barro, as ferramentas empregadas e a finalización do proceso de cocción.

O barro chegaba de Dena (Meaño) para as tellas e o do mar era para os ladrillos, porque era máis forte. Botábase nunha pía que era un buraco na terra onde o amasaba un animal (cabalo, vaca ou burro), e o carretilleiro o pasaba ó oficial, que no banco de traballo, e grazas a unha gravilla, daba forma rectangular á tella.

Cun formal metálico ou de madeira, coma os atopados nas telleiras de Valga, o oficial daba forma dobrada á tella e poñíaa a secar ó aire libre dous días e unha noite.

O proceso

Unha vez pasado este tempo, no cal a tella podía encoller ata un centímetro pola pérdida de humidade, esta metíase na cámara de combustión da telleira.

Primeiro os ladrillos, colocados como unha rede onde circulaba o aire e enriba, as tellas, ata unha altura de oito amoreadas unhas enriba doutras.

Unha vez introducido todo o material bloqueábase a porta, chamada porteiro, con ladrillos cocidos e cubertos de barro para que non escapara a calor.

A visita á zona das telleiras.

A visita á zona das telleiras. / FDV

Transcorridos os dous días e unha noite de cocción, pola chimenea saía fume negro, que sinalaba que xa non había humidade. O fume branco significaba que aínda estaban sen cocer de todo.

Tamén se sabía cando remataba o proceso porque os telleiros tiñan na parede unha guía e sabían cando e canto encollía a tella.

Cando todo remataba sacábase o material con moito coidado e metíase nunha zoa de almacenaxe, ata que chegaran os barcos e o levaran para comercializalos.

Na ruta que fixemos o domingo pola beira do Ulla, tamén explicamos que este oficio era moi duro, cunhas xornadas moi longas, dende as seis da mañá ata as once da noite, con descansos de 15 minutos para comer e outros 15 minutos para merendar.

Telleira das Rañas

Podíanse chegar a crear 20.000 tellas e uns 8.000 ladrillos ó día, encargándose as mulleres de axudar carrexando o material para as embarcacións ou ben achegándose cá comida.

Nesta ruta polo Ullán poidemos centrarnos en telleiras que aparecen moi ben recollidas na páxina web de Obaixoulla.gal, na que se di, por exemplo, que a Telleira das Rañas foi construida, segundo afirma Ramón Rodríguez, polo tío deste, Secundino Rodríguez Castaño, ou pola súa familia.

Cristina Conde Escaloni na Telleira de Rodeiro.

Cristina Conde Escaloni na Telleira de Roeiro. / FDV

Para engadir que tanto a Telleira de Roeiro (Valga), máis vella, como a das Rañas, eran propiedade familiar dos Rodríguez, alcumados “Os de Roeiro”.

Parece que “Secundino nunca se dedicou á fabricación de tellas, aínda que pode que anteriormente alguén da familia si o fixera”.

Pola súa banda, “Francisco Castaño Tojo, telleiro neste forno, afirma que era propiedade de Benita López das Rañas e do seu irmán, na parroquia de Oeste, Catoira”, engade Obaixoulla.gal.

O barro viña en barcos desde Dena até a telleira. Un dos transportistas era José Antonio Rial Rivela, familiar de Ramón Rodríguez “Roeiro”. O forno era de forma rectangular, con vestidura de ladrillo, levaba 10 daghas de tella (con máis de 4.000 tellas cada dagha). O pallete estaba acaroado en dúas caras do forno. Había unha construción auxiliar, a poucos metros, que servía como vivenda aos telleiros. Tiña un tanque como embarcadoiro para a entrada dos barcos.

Telleira de Roeiro

Foi traballada por Vicente Padín e os seus fillos: Manuel, José e demais. Tamén Francisco Castaño Tojo, que comezou pagando 6,50 pesetas, logo subiu a 10, logo cobraron 15 pesetas, e finalmente 20 pesetas, que “eran cartos”.

A tella producida levábase en carro para Dimo, Catoira, Cordeiro… Pero a maioría ía en barco ata Boiro, Taragoña (Rianxo) ou A Torre (Ribeira).

Da Telleira de Roeiro poidemos explicar, como fai Obaixoulla.gal, que é unha das mellor conservadas da contorna, conservándose o forno, restos do embarcadoiro e da vivenda dos telleiros.

O dato da súa construción poida que non sexa certo, xa que este forno semella moito máis antigo, gardando semellanza co dos veciños fornos de fundición de Pedras Rubias, en Boiro, que se creen da época romana, construídos para a fundición de metais e logo transformados en telleiras.

Descoñécese se esta telleira puidera ter unha orixe similar, mais sábese que estivo arrendada a Vicente Padín e familia, e despois a José María Francisco, telleiro da Guarda (con quen traballou Francisco Castaño). Non se traballou moitos anos por ningún dos dous, e cara o ano 1945 xa debía estar abandoada, posto que a súa forma circular facíaa moi traballosa.

O barro viña na súa maioría de Dena, transportado en barcos. Era mesturado para facer os ladrillos con barro do Monte da Cabreira. As tellas facíanse con barro de Dena en exclusiva.

Esta telleira é a única da zona que ten forma circular, o que a facía mais difícil de encanar, xa que non encaixan ben as tellas, “era moi traballosa”. Tamén tiña o problema de que non entraban os barcos con mareas pequenas, e había que agardar a mareas grandes para descargar, o que limitaba moito o traballo.

Estes datos, que sinalan un forno cunhas condicións deficientes para a fabricación de tella, reforzan a hipótese de que, como os fornos de Pedras Rubias en Boiro, teña unha orixe antiga e que servise para a fundición de metais e non para tellas, tal e como se explica na web de Obaixoulla.gal.

Ademais, había unha construción auxiliar, da que quedan restos, que facía de vivenda para os telleiros. Tiña un tanque como embarcadoiro para a entrada dos barcos. Nos seus derradeiros anos de funcionamento estivo arrendada a Vicente Padín e despois a José María Francisco.

Suponse a mesma produción que no resto de telleiras da contorna: tella pequena, tella grande e ladrillo. Ademais nun primeiro momento producíronse canais, tellas de maior tamaño.

Telleira de Padín

A Telleira de Padín foi o derradeiro forno que funcionou na comarca do Baixo Ulla. Tamén foi a derradeira en ser construída e a única da comarca da que hai constancia da súa data de edificación.

Participantes na ruta que o domingo percorreuos monte se Valga e Catoira.

Participantes na ruta que o domingo percorreuos monte se Valga e Catoira. / FDV

Foi no ano 1942 cando os Padín deixaron a Telleira das Rañas para construír unha propia. A telleira foi construída pola familia coa axuda de canteiros profesionais, os cales fixeron os muros exteriores.

A caldeira

Os telleiros ocupáronse dos arcos da caldeira e da vestidura de ladrillo no interior do forno. A masa de unión para levantar arcos e vestidura era a propia terra que se usaba para facer os ladrillos.

Estivo funcionando ininterrompidamente até polo menos o ano 1960. Tras a morte do pai, Vicente Padín, os fillos foron buscando traballos noutras empresas (José traballaría en Cedonosa ou emigrando a Bilbao e Brasil), xa que consideraban moi duro o traballo de telleiro.

O barro viña na súa maioría de Dena, transportado en barcos. Era mesturado para facer os ladrillos con barro do Monte da Cabreira. As tellas facíanse con barro de Dena en exclusiva.

O forno ten forma rectangular, con vestidura de ladrillo. Pallete con muros de pedra acaroado na cara oeste. Tiña un tanque como embarcadoiro para a entrada dos barcos.

A man de obra proviña principalmente da familia Padín. O pai cos fillos, os cales foron mudando os seus postos de traballo a medida que foron abandonado o oficio pola emigración ou a xubilación do pai. Tamén contrataban a traballadores de Dena para axudarlles.

As mulleres quedaban na casa do Forno e facían a comida. Unha das fillas, Rosa, era quen lla levaba todos os días “dúas latas de empanada de millo e 4 litros de viño”. A nai tamén axudaba nas labores de encanado.

Ata Pontecesures

A venda era realizada principalmente por Vicente Padín. Levaba tella a Pontecesures nun barco arredando. Alí cargábase en camións “cara a Martelo, a beira de Augasantas, por Rois, aos Chenlo de Padrón tamén levaba a tella. En Cesures tamén, a do Lameiro, onde está hoxe a de Moncho. E á do Roxo”.

Pero ademáis de velas telleiras e falar delas, no percorrido por Valga e Catoira tamén poidemos desfrutar doutras moitas xoias.

Muíños

Por exemplo, os muíños de vento do Monte Cabreira, onde só quedan a base de tres de construción moi sinxela e onde aproveitando as fermosas vistas ó Monte Xiabre e Fontebecha informamos da ampliación dun novo parque eólico no Xiabre e outro preto dos veciños de Coaxe e Dimo, en Fontebecha.

Tamén aproveitouse para informar do espolio que están a sufrir os veciños do monte Acibal onde os petróglifos, a fauna (rapa das bestas de Amil), a flora (hai plantas carnívoras que dependen das augas limpas do monte) e as augas que dan de beber ós veciños están sendo afectados.

As mámoas

No Monte das Mámoas vimos as dúas mámoas que aínda conservan pequenas pedras cercanas á zoa funeraria. Tamén informouse a presenza dunha terceira mámoa desaparecida que aínda non foi atopada.

No petróglifo de As Torres, os asistentes quedaron asombrados sobre a súa existencia no medio do recinto, tódoslos anos pisoteado polos asistentes a Romaría Vikinga, informándose de que o actual goberno ten previsto unha reunión con Patrimonio para protexelo, xunbto cos alquerques do mesmo lugar.

Son alquerques do 9. En Galicia hai unhas 20 mostras deste xogo medieval parecido ó tres en raia e ó xogo das damas. Nas Torres hai dous.

Suscríbete para seguir leyendo