“Contos Arraianos” de Ferrín, hoxe, no Auditorio de Cangas

Sarabela Teatro presenta a súa adaptación de dous dos relatos do premiado libro | O texto explora a idea da fronteira, da Raia

Unha representación de “Contos Arraianos”.  | // SARABELA TEATRO

Unha representación de “Contos Arraianos”. | // SARABELA TEATRO / REDACCIÓN

REDACCIÓN

Sarabela Teatro chega hoxe ao Auditorio de Cangas para presentar a súa adaptación de “Contos Arraianos”, de Xosé Luís Méndez Ferrín. O libro orixinal do autor galego está composto por dez relatos que transcorren nun espacio mítico chamado A Raia e a compañía elexiu dous deses textos para esta montaxe: “Medias azuis” e “Lobosandaus”.

A representación no auditorio cangués será hoxe a partir das 20.00 horas e as entradas están a venda a un prezo de 5 euros, tanto na web de ataquilla.com como dúas horas antes do inicio do espectáculo na billeteira.

Esta adaptación teatral está dirixida por Ánxeles Cuña e no elenco figuran Fernando Dacosta, Elena Seijo, Fran Lareu, Sabela Gago, Fernando González, Vadzim Yulevich e Fina Calleja. O libro de relatos de Ferrín, publicado orixinalmente en 1991, foi galardoado co Premio da Crítica Galega, Premio de la Crítica Española e o Premio Lousada Diéguez. Na obra o autor explora a idea da fronteira e da liña divisoria como punto de escisión e de unión, un lugar de encontro e separación. Uns límites que non somentes físicos, senón tamén na condición humana. Esa Raia sitúase nun lugar fantástico, de brétema, chuvia e neve, entre a Galicia interior e o norte de Portugal.

Ao longo dos relatos que conforman “Arraianos” hai historias de meigas, contrabando, caciquismo e agrarismo, cuns trasfondos nos que hai erotismo, misterio, miseria, conciencia e a grandeza da alma e da vida.