O vedrines: nome que se lle deu a un artiluxio infantil

O investigador cangués Antonio Graña lembra os molinetes caseiros que colleron o nome do piloto francés que en 1911 protagonizou un espectáculo de acrobacia aérea en Balaídos

Campo de aviación de Madrid (Xetafe). Vedrines, cun cigarro na boca. Recibimento tras gañar a Paris-Madrid.

Campo de aviación de Madrid (Xetafe). Vedrines, cun cigarro na boca. Recibimento tras gañar a Paris-Madrid. / Arquivo do autor

Antonio Graña Graña*

No Cangas da Posguerra reviviu a actividade de os mariñeiros facérenlle ós seus fillos, nos seus momentos de stand – by, coa navalla, moitos xoguetes e artiluxios froito da imaxinación creativa para os enredos infantís.

Lembro a José “O Cheo”, que con restos de madeiras e con latas de marmelo facía uns camións que en nada envexaban ós mercados en tendas especializadas. El mesmo era o encargado de decoralos con pinturas ó aceite: o perfume demorábase no tempo. Xaime González, o fillo da señora “Lola”, a muller que rexentaba o quiosco localizado no arranque do peirao do Comercio. Xaime é un auténtico manitas na elaboración de figuras feitas en madeira.

Entre estes xoguetes estaban os vedrines: molinetes de madeira, con agarradoira, que xiraban sobre un eixo metálico (un cravo) que se movía coa forza do vento en función da intensidade do sopro do deus Eolo: un xoguete moi estendido entre as crianzas galegas, do tipo da tarabela. Por que se lle deu en chamar vedrines?

Vedrines era un piloto militar que se fixo coñecido na carreira por etapas de París a Madrid, unha competición internacional de 1.170 Km. realizada os días 21 a 25 de maio de 1911. Foi a máis importante das carreiras aéreas europeas desenvolvidas ata o momento. Con todo, a carreira viuse afectada polo lutuoso accidente ocorrido no aeródromo de Issy-les-Molineaux, no arranque da primeira etapa: o piloto Émile Train desviouse por problemas técnicos do lugar adecuado e estampou o monopraza que pilotaba contra o palco de autoridades. Os peor parados foron o propio Train e mais o Ministro de Guerra Henri Maurice Berteax, que resultaron mortos. Quedaron con feridas moi graves o presidente do Consello de Ministros, Ernes Monis, o fillo e mais un bo número de acompañantes. No arranque da proba o público acadaba un cuarto de millón de espectadores. A proba non foi suspendida. A organización da mesma estaba ó cargo do xornal “La Petit Parisien”, cun premio de 200.000 francos para o gañador, que resultou ser Vedrines, o único aviador que chegou a Madrid ó campo de aviación de Getafe.

Jules Vedrines. Foto Pacheco

Jules Vedrines. / Foto Pacheco

No verán de 1911, unha programación de festas produciu o maior enfrontamento a nivel institucional entre ás cidades de Vigo e Pontevedra: as dúas cidades rivalizaban por ofrecer os mellores festexos. Entre os espectáculos destacaban as demostracións de acrobacia aérea, moi de moda por aquel entón: o prato forte das grandes festas estivais de cada lugar. Vigo optaba por vez primeira a organizala, e quería facelo ao grande.

Sabedores os vigueses de que Pontevedra xa tiña o seu cartel de festexos pechado, para non seren menos e evitar quedar descolgados nos circuítos que organizaban este tipo de festivais de voos de acrobacia aeronáutica, quixéronse por á altura de Pontevedra e encargaron para iso á “Asociación Popular Galega”, de Vigo, de atopar uns aviadores á altura das circunstancias. A Asociación contrata para os dias 18 e 20 de agosto os experimentados aviadores acróbatas “Elgorry” e “Mauvais”. Mais o infortunio non permitiu que tal demostración puidera levarse a bo termo: Elgorry enfermou e Mauvais quedou ferido nun accidente automobilístico cando circulaba pola Coruña.

Vedrines. Arquivo do autor

Vedrines. / Arquivo do autor

Este inesperado contratempo mobilizou novamente, e de que maneira, a “Asociación Popular” como organizadora do festival: contactan dunha maneira rocambolesca cun importante piloto de aviación francés, Lorenzo Garnier, xa contratado polos pontevedreses. Abordárono no apeadeiro do tren, no Porriño, de camiño a Pontevedra: alí fixan a data de celebración en Vigo, e mais o montante da operación: 5.000 ptas. O día fixado para o festival aéreo de Balaídos foi o 20 de agosto. Ese encontro na estación do Porriño entre a asociación viguesa e o propio Garnier, non resultou nada doado, posto que tiveron que sortear a presenza dun grupo de gardas civís que tiñan a misión de abortar o acordo: cumprían ordes do propio Gobernador Civil de Pontevedra.

Pero aquí non remataba a cousa…

Decatados os pontevedreses e no seu nome o Gobernador Civil, da “usurpación” exercida polos de Vigo, enfurecen. De inmediato dan a coñecer o contrato, “onde se recollía” que a actuación de Garnier en Pontevedra “se faría en exclusiva”, quedando prohibida toda actuación no resto do territorio galego (nunca chegaron a demostrar que tal cláusula estivese recollida no contrato). De inmediato o Gobernador Civil de Pontevedra, José Boente Sequeiros (nado en Salceda de Caselas) envía un telegrama ó Concello vigués no que lle advirte das posibles consecuencias. Esta misiva foi tomada en Vigo como unha afronta. Foi tal o enfado vigués que os funcionarios abandonaron os postos de traballo, os xuíces pecharon as audiencias, e un bo número de empregados secundaron a folga, aínda que diversos sectores se mostraron remisos a secundala. Chegouse a facer unha manifestación na que participaron uns 20.000 vigueses, pedindo a dimisión do gobernador. O día 20 de agosto coa asistencia de miles de persoas celébrase un mitin na Alameda para censurar a absurda postura do goberno civil. Mesmo unha delegación viguesa viaxou neses días ata a capital do estado para reunirse no Ministerio de Gobernación co seu titular para que interviñera no problema, á vez que aproveitaron para solicitar maiores investimentos en obra pública para a cidade, como a definitiva instalación do tranvía e melloras no porto. Como consecuencia deste clima de tensión, o Orfeón de Teis (anque daquela integrado no Concello de Lavadores) negouse a viaxar a Pontevedra co gallo da inauguración do monumento ós heroes de Pontesampaio, acto para o que estaban contratados.

José 
Boente 
Sequeiros, 
gobernador 
civíl de 
Pontevedra.

Vedrines en Bailaídos. / Foto Pacheco

Ante o clima de desconfianza e tensión que se vivía en Vigo, o Goberno Civil mandou a Vigo 100 gardas civís

O xentío alporizado ocupou as rúas proferindo gritos e ameazas contra o goberno provincial, prometendo que tirarían ó mar a todo pontevedrés que tivese o valor de pasar por Vigo. A “Asociación Popular de Vigo” contacta por teléfono co coñecidísimo e singular aviador Jules Vedrines, que estaba de xira por España, quen acepta vir a Vigo os días 15 e 17 de setembro, en Balaídos. Cobraría 15.000 francos. Balaídos nese tempo era un prado regado polo Lagares. O nome de Balaídos é unha alteración de Abelaídos, pola abundancia de abeleiras.

José Boente Sequeiros, gobernador civil de Pontevedra.

José Boente Sequeiros, gobernador civil de Pontevedra. / Arquivo do autor

As probas non puideron celebrarse os días 15 e 17 do mes de setembro, tal como estaba previsto, por mor dun compromiso de Vedrines co exército francés debido á tensión política entre Francia e Alemaña do momento. ¡Finalmente o espectáculo poido facerse realidade os días 22 e 24 do mes de setembro!

Jules Vedrines, en Balaídos

En todo este tumulto xerado pola clara inimizade entre vigueses e pontevedreses, tivo unha participación moi activa o arquitecto Manuel Gómez Román, autor entre outros do Edificio do Banco de Vigo e da panificadora. Coautor co seu irmán Benito do edificio Simeón. Foi el o que propuxo que toda a corporación viguesa dimitira para mostrar a unidade da cidade. O Alcalde Joaquín Martinez López aceptou a dimisión, e con el toda a corporación. A cidade quedou sen goberno ata una nova convocatoria electoral que se celebraría o 12 de novembro, e na que resultou elixida a Xunta de Defensa, que asumira o baleiro producido pola falla de corporación, e na que a cabeza visible era o propio ex alcalde Martínez López. Como consecuencia o día 21 de decembro de 1911, o goberno do estado destina ó gobernador provincial, José Boente, a Zaragoza.

O alcalde e os concelleiros dimisionarios foron multados. O primeiro con 175 ptas., e os restantes con 75. Ceferino Maestú Sequeiros, presidente da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, tamén foi castigado con 500 ptas., como instigador da revolta, e por negarse a acudir a Pontevedra a unha xuntanza promovida polo Gobernador Civíl. Ademais, Ceferino era socio xerente da fábrica de fariñas “La Molinera Gallega”, que estaba situada na rúa García Barbón, preto da Metalúrxica. Tras a inxusta e discriminatoria sanción, os vigueses saíron novamente a rúa en apoio de Ceferino, na que participaron milleiros de persoas.

O cartel da carreira por etapas París-Madrid

O cartel da carreira por etapas París-Madrid / Arquivo do autor

O piloto acróbata Jules Vedrines chegou a Vigo procedente de París, o 21 setembro de 1911. O recibimento foi apoteótico. De inmediato visitou o aeródromo acondicionado para tal ocasión, cunhas dimensións de 500 X 105 metros: unha gran explanada na que chegado o ano 1928 se construiría o campo de fútbol de Balaídos, obra deseñada por Jenaro de la Fuente.

As probas de acrobacia aérea a realizar por Jules Vedrines deron comezo o venres día 22 de setembro, as 16:30 horas. O 23 tívose como xornada de descanso, e o domingo 24 púxose o broche final da proba, en sesións de mañá e tarde.

Isto foi o que aconteceu os días 22 e 24.

Día 22, viernes, 16:30

O comercio estaba pechado por orde da alcaldía a partir das 5 da tarde, para facilitar o achegamento dos veciños e mesmo das xentes que proviñan de lugares tan dispares como Lugo, Ourense, o norte de Portugal, e mesmo de Ribeira, onde fretaron o vapor Farruco, que viña ateigado de xente. A expectación era enorme, indescritible diríase. Vigo era unha festa. Un par de horas antes do horario previsto, un gran xentío xa cubría o lugar de Balaídos (calculaban que nos dous días de espectáculo puideron pasar polo aeródromo unhas 60.000 persoas), foron numerosos os atascos producidos por automóbiles e mesmo polo propio xentío que trataba de achegarse polas saturadas vías de acceso ó recinto de Balaídos.

Páxina de FARO DE VIGO coa visita de Vedrines a Vigo.

Páxina de FARO DE VIGO coa visita de Vedrines a Vigo. / Fdv

Nada máis aparecer Vedrines soan os acordes da Marsellesa interpretada pola Banda Municipal de Vigo. Cubriron a información gráfica os fotógrafos Pacheco e Ocaña. O Faro de Vigo de 25 de setembro dicía:

“Desde la llanura de Balaídos se contemplaba el risueño panorama del Valle, sobre el que reía el sol, coloreando el paisaje, presidiendo la magnífica fiesta en la que iba a confirmarse el soberano triunfo de la ciencia que consiguió levantar al hombre de la tierra y elevarlo a los espacios en que la serenidad y la luz vencen de todas las miserias”

Esa mesma tarde Vedrines realizou catro curtos voos, sempre “adornados“ con exercicios de acrobacia, para logo aterrar maxistralmente cara ó vento e a favor del. Entre os voos acometidos nesa tarde, foron os realizados nos lugares de Castrelos e Sárdoma, como tamén por diferentes rúas da cidade, por onde fixo varias pasadas rasantes. Houbo viandantes que se tiraron ó chan por medo a caer sobre eles.

Día 24, domingo

Este día Vedrines en sesión de mañá e tarde, volveu a facer novamente outros catro voos. No terceiro mantívose no espazo uns 20 minutos, dando ademais unha pasada pola ría, ata acadar o fondo da mesma, para sobrevoar o Castelo de Soutomaior, lugar onde vivía o coñecido médico Doutor Llurie. Dende a avioneta, Vedrines descendeu a 20 metros para deixar caer unha mensaxe de parte da Asociación Popular Viguesa, enviándolle a Llurie saudos cariñosos. Jules Vedrines repetiu varios voos acrobáticos, sobrevoou Castrelos, onde había unha cantidade inmensa de espectadores, onde fixo unhas rasantes sobre o xentío alí presente. O propio Vedrines manifestaba logo: “Tiña gañas de lle gastar unha broma ós alí presentes, ver como inclinaban as cabezas crendo que o aparato podería precipitarse sobre eles. O seu medo causoume risa”…

Prezo das entradas

Palcos a 35 ptas. cada un, con dereito a 6 persoas.

Tamén se puxeron uns bonos á venda para todos aqueles que asistiran os dous días de actuación.

Sillas 2 pesetas.

Bancos 1.75 ptas.

Xeneral 1 ptas.

A factura do aviador Vedrines, supuxo a cantidade de 15.000 francos.

Finalizada a demostración acrobática con gran éxito, e desmontada a avioneta, o día25 de setembro de 1911 Vedrines embarcou no tren correo rumbo a París. A avioneta tiña 50 cabalos, chegaba ós 130 km/h e pesaba 450 quilos.

O populacho en referencia ós acontecementos vividos, compoñían e cantaban algunha que outra copla, moi propias da ocasión, costumes que desgraciadamente foron desaparecendo. Esta é unha delas:

Viva Vedrines, el aviador

Y muera ¡guasch!, ¡guasch!,

¡guasch!, el Gobernador.

(ó pronunciar ¡guasch!, facían o xesto a modo de lanzar un esgarro).

Jules Vedrines, home de forte carácter, antigo novizo, participou como piloto na primeira Guerra Mundial. O 19 de xaneiro de 1919 aterra na terraza das Galerías Lafayete, terraza de reducida dimensión 28x12 metros, a pesar da prohibición da prefectura de París. Polo arriscado exercicio obtivo un premio de 25.000 francos. En Burgos estivo competindo con grandes e destacados aviadores, entre os que estaba o galego José Piñeiro González “Piñeiro”. Realmente era moi popular en todo o mapa do estado español, ata o punto de moitos persoeiros e entidades adoptaren o nome ”Vedrines”. A modo de exemplo podo citar: Un coñecidísimo amigo do alleo establecido en Vigo, un taberneiro de A Coruña, unha Compañía Lírica ferrolán, un cantante de flamenco e tamén un cabalo de carreiras etc. etc.

Ó longo da súa dilatada carreira tivo varios accidentes, algúns de certa gravidade, ata que o 21 de abril de 1919, cando facía a liña París – Roma, un dos motores da avioneta avariouse e estrelouse contra un viñedo en Saint – Rambert d´Albon, falecendo Vedrines e o seu mecánico Guillain. Jules Vedrines resultou con estragos en ambas pernas, brazos rotos, e unhas feridas no lumbar e na testa. Guillain, sufriu diferentes golpes por todo corpo, e un forte hematoma na testa. Vedrines está soterrado no cemiterio parisiense de Pantin, división 15.

(*) Investigador de Cangas

Suscríbete para seguir leyendo