Eleccións municipais en Moaña | María Sanluis Ferradás Número 8 da lista do BNG moañés

“Hai que darlle voz a todas as necesidades especiais da nosa veciñanza, sobre todo das crianzas”

A candidata leva 20 anos traballando como psicoterapeuta “e aprendín a analizar os problemas dunha maneira diferente”

María Sanluis, esta semana, na praia moañesa da Xunqueira.   | G.N.

María Sanluis, esta semana, na praia moañesa da Xunqueira. | G.N. / Fran G. Sas

María Sanluis Ferradás (Domaio, 1976), debuta en política concurrindo, aos comicios locais do vindeiro 28 de maio, no posto número 8 da candidatura do BNG, liderada por Leticia Santos. Estudou Psicoloxía na USC, traballa como terapeuta de familia e está especializada no traballo con vítimas de violencia de xénero. Foi unha das fundadoras da asociación Esclerose Múltiple do Morrazo-EMMO.

–Sorprendeulle que pensaran en vostede para a lista electoral do BNG de Moaña?

–Pois a verdade é que si, aínda que eu son moi afín ás políticas de esquerdas e feministas como é o traballo que está a facer nestes oito anos a nosa alcaldesa Leticia Santos Paz en Moaña e todo o seu equipo, considero que na nosa vila hai xente que podería aportar moitísimo. Temos a sorte de ser un pobo que cada día está máis implicado nas políticas sociais sendo as persoas o principal eixo de actuación e penso que iso é o importante.

–É militante da formación nacionalista?

–Non. Nunca fun militante de ningún partido político pero teño claro cal é o modelo de mundo que temos que conseguir alcanzar.

–Cando llo propuxeron, o tivo que pensar moito?

–Pois a verdade é que non. O proxecto de Leti e todo o seu equipo do BNG xa me encantaba antes de que eu estivera dentro. O meu apoio xa o tiñan. Como negarse a traballar con persoas tan comprometidas coas que compartes os mesmos valores e que desexan cada día mellorar e seguir aprendendo para ter un mellor lugar para vivir?

–Vostede é unha das fundadoras da asociación Esclerose Múltiple do Morrazo-EMMO. Pensa que dende a política municipal pode axudar á loita contra este tipo de enfermidades?

–Pois espero e desexo que si. Non soamente á Esclerose Múltiple senón a todas as familias que loitan cada día porque se lles escoite na súa andaina particular. Hai que darlle voz a todas as necesidades especiais da nosa veciñanza, sobre todo ás das crianzas. Soamente así poderemos facer un mundo mais xusto e igualitario.

–Que pode aportar a psicoloxía á xestión política?

–Eu estou namorada da miña profesión. Creo que a psicoloxía pode aportar en todos os ámbitos das nosas vidas. Eu levo vinte anos traballando como psicoterapeuta con familias, parellas, adolescentes e crianzas. Durante todo ese tempo aprendín a analizar os problemas dunha maneira diferente e a traballar coas crenzas das outras persoas sempre dende o respecto e a amabilidade.

–Cal é a súa opinión da xestión que leva facendo o bipartito en Moaña nos últimos oito anos?

–Que dúas mulleres gobernen en Moaña cunha perspectiva feminista a través do diálogo e as boas prácticas é algo do que non nos debemos de esquecer. Como muller estou tremendamente orgullosa do traballo que Leti, como capitana do equipo, levou a cabo durante estes oito anos de goberno sabendo liderar con consenso e sempre escoitando á veciñanza.

–O BNG moañés está en disposición de pelexar, por vez primeira na súa historia, por unha maioría absoluta en Moaña. Como ve as opcións para acadar ese resultado?

–Eu espero que Moaña decida seguir apostando por un goberno onde as persoas son o importante e onde todas e todos temos moito que aportar, e o BNG é o partido que nos pode garantir unhas políticas de escoita activa a veciñanza, un goberno que dialoga coa xente e a vai a axudar e defender os intereses do pobo. Un goberno que coida do medio ambiente e que ademais ten a capacidade de dinamizar a actividade social, deportiva, turística e cultural de Moaña.

–A precampaña está a ser máis tranquila do que imaxinaba?

–Está sendo moi enriquecedora e estou aprendendo moitísimo do noso equipo que me acolleu dende o primeiro día cos brazos abertos. Dende o BNG soamente nos concentramos no noso bo facer tendo claros os nosos obxectivos e sen perder a perspectiva.

–Se o BNG repite no goberno municipal, ten pensada algunha área de xestión que lle gustaría levar?

–Estarei onde o meu equipo considere que podo ser de mellor utilidade para a veciñanza, pero por o meu perfil profesional estaría encantada traballando en Benestar Social.

Suscríbete para seguir leyendo