As novas pantasmas do Nadal

Novos pantasmas para nadais vellos.

Novos pantasmas para nadais vellos. / Eliseo Trigo (EFE)

Carmen Villar

Carmen Villar

O Nadal madruga, coma os anhelos de emancipación non correspondidos polo mercado de traballo ou a floración dos amendoeiros. Os turróns e os seus parentes comestibles, igual cás luminarias destas festas, comezan a chegar antes e algún día conquistarán os comercios cando aínda os derradeiros parasoles retrocedan empurrados polas ondas da Lanzada. 

As datas sinaladas perden a graza de tan indicadas nos calendarios.

O que era excepción deriva en regra, perde a categoría de especial, o mesmo cós aloumiños, as festas gastronómicas e a aposta polo “se queres, podes”. Malia todo, o Nadal resístese a morrer como tempo de encontros e de enxalzamento do familiar nun intre en que os núcleos duros desas células sociais fican reducidos á súa mínima expresión, mesmo á propia unidade. 

Soíño atopábase o señor Scrooge, protagonista dun alegato contra o traballo infantil e en prol do espírito da época que fixo moito pola sona de Dickens. No conto, o ancián recibe a visita dos nadais do pasado, do presente e do futuro. Os relatos adoitan trasladar unha ensinanza: hoxe búscase fomentar a diversidade e a inclusión e daquela, publicitar a celebración e o fogar. 

Como Xanos bifrontes, as persoas contemplamos o que quedou atrás, na mocidade, mentres espreitamos o horizonte do que virá, na vellez. O envés traballa unha memoria non sempre obxectiva e a face, unha imaxinación que ás veces non está á altura do porvir. Hoxe máis ca nunca convén ollar en fite a pantasma do futuro, que mete medo: 2023 é o ano máis cálido rexistrado e ese título comeza a quedar superado acotío.  

Desta nosa beira do mundo, no Nadal as temperaturas arrástranse polo chan, cremos nas postais con neve e en bonecos que a meirande parte das ocasións só podemos debuxar e engadimos á composición unha chimenea para dicir fogar. Pouco importa que no outro hemisferio haxa quen se bañe na praia o día 25, na nosa versión de “It´s a wonderful life” hai abrigos, bufandas e chocolate e non é un capricho, senón que todo o ecosistema encaixa nese círculo, así persiste. 

Porén, estes días recibimos a visita da pantasma do Nadal futuro. Ao fío do cumio do clima de Dubai, a ONU rífanos: imos por mal camiño. De non rectificarmos, se cadra toparemos algo semellante a ese inferno do que advertía a Scrooge o seu exsocio.

O conto, na versión ficticia, remata ben. Scrooge corríxese e a xente ao seu arredor é feliz. Se cadra ocorre o mesmo na historia da realidade. Coma Dickens, non perdamos a esperanza dunha tregua para as familias que foxen das pantasmas do presente: o mar que avanza malia os cumios do clima e o terror dos campos de batalla.

Suscríbete para seguir leyendo