Termalismo e saúde

En Galicia, as augas que máis abundan nas catro provincias son as ferruxinosas e sulfurosas

Interior do Palacio del Auga do balneario de Mondariz

Interior do Palacio del Auga do balneario de Mondariz / FDV

Non é nada fácil dar unha única definición da palabra “termalismo”, ao englobar toda unha serie de conceptos relacionados cos usos da auga mineromedicinal ou mineral natural —xa sexa termal ou non— de mar ou lago salgado, e todos os elementos que a acompañan, é dicir: o clima, os sedimentos de esas augas ou derivados como poden ser os gases que elas desprenden. No termalismo antigo encontramos certos paralelismos co termalismo actual, pero non sempre é posible utilizar termos actuais para definir realidades cuxas connotacións deberon ser diferentes na Antigüidade, de aí a dificultade á hora de empregar uns ou outros criterios.

Os baños son “fonte de saúde” e Conté denomínaos “sacramento da natureza”, constituíndo unha panacea ou remedio universal para tódalas enfermidades cando, iso si, os empreguemos oportunamente, evitando as contraindicacións, tendo sempre en conta a temperatura, elección da súa clase... polo que é moi importante atender as condicións do individuo, ao seu carácter, estado da doenza, e outras circunstancias, así como ter en conta a prescrición médica, e o tipo de baño, modo, orde e método.

A clasificación das augas minerais máis acaída, consensuada e proposta polos químicos modernos, simplifícase e fundamentase nas características químicas predominantes en cada unha delas, recoñecendo catro clases: acidulas ou gaseadas, sulfurosas, ferruxinosas e salinas, ás que o profesor Antonio Casares Rodríguez (1812-1888), catedrático da USC no seu Tratado práctico de análisis químico de las aguas minerales (1866), engade unha quinta: alcalinas.

O emprego das augas minerais desenvolveuse desde a Antigüidade, e permaneceu durante máis de vinte séculos, xeneralizándose o seu uso por todo o mundo de forma empírica: augas frías, termais e quentes. As augas minerais non son todas as mesmas; non pertencen a unha soa clase, non teñen a mesma composición, non é indiferente a aplicación dunhas ou doutras para a curación das distintas doenzas. Sempre tiveron, a pesar dos cambios producidos ao longo do tempo, unhas indicacións moi claras, en función das súas propiedades mineromedicinais, curar ou, como mínimo, aliviar ou paliar doenzas crónicas e previr enfermidades.

Para se poder curar en condicións adecuadas, é necesario un edificio deseñado para tal fin, con espazos para todo tipo de terapias e técnicas hidrotermais, nunha contorna que axude a mente a relaxarse e encontrar o repouso, e un lugar onde poder agradecer a divindade a súa intervención na curación a través da auga  

Os romanos crían que cada unha das Fontes Santas e Augas Santas estaban presididas por unha ninfa ou deidade protectora e santo tutelar, e que delas brota nas súas inmediacións un remedio universal (San Xoán, San Cosme, San Xurxo, Santa Águeda, Santa María, San Roman...). En tempos de Pompeio, os romanos bañábanse no Tiber, e empezaron a construír grandes e numerosas termas. Dentro dos muros de Roma había ata 800, algunhas das cales acomodaban a 8.000 persoas. Na época de Homero, xa había baños públicos que formaban parte dos seus ximnasios e palestras. Vitrubio, Plinio e outros, manifestaban que os lacedemonios tiñan multitude destes establecementos. A robusteza e virilidade serían debedoras destas augas.

As termas de Tito, Diocleciano e Caracaia son verdadeiras xoias arquitectónicas. Tal como comenta Plinio, ao longo de seis séculos os romanos só empregaban os baños das termas para a curación de tódalas enfermidades que foran propagando aos pobos que ían conquistando. Pola súa banda, os árabes foron os que introduciron o uso dos baños, tal como se poden contemplar na Alhambra de Granada, e os turcos procuraron conservar o costume dos baños, para antes da curación e o coito.

A auga de mar “hidroterapia”, tamén é utilizada na Antigüidade hispana con fins terapéuticos ao posuír non só propiedades curadoras, senón tamén elementos sagrados. Existen múltiples referencias á sacralidade da auga mariña: Vitruvio, Plinio, Celso e Oribasio mencionan as virtudes da auga do mar, e o seu poder curador. A terapia marítima está dirixida a numerosas afeccións, e é un tratamento global, xunto cos baños de sol combinados coa natación, e o influxo da ondada e as correntes guiadas polos ciclos lunares. A presenza de termas que aproveitan a auga do mar está ben documentada polos romanos, como bos arquitectos e enxeñeiros, que planificaban e deseñaban os diferentes espazos, para o seu uso e diversos fins, como os tratamentos hidroterapéuticos, seguindo as indicacións de médicos e arquitectos, de cara á prevención ou alivio das doenzas, paliar trastornos e axudar a procesos de recuperación ou procurar melloría de distintas patoloxías, idea que aínda prevalece nos balnearios.

As termas curadoras próximas ou dentro da cidade atopámolas no balneario de Lugo, o Aquae Querquennae de Bande, a Aquae Celenae de Caldas de Reis ou Aquae Quintiae de Guntín. Hai termas que son a orixe da propia cidade, as santuarios que compartían unha simbiose entre a terma e as diferentes deidades, e outros pequenos centros termais, que tiñan relación cunha fonte.

En Galicia, as termas están asociadas ao culto as Ninfas, e nas fontes existía un ritual indíxena, como é o caso documentado no balneario das Burgas, en Ourense. Nas termas hixiénicas e nas dos campamentos militares realizábanse tratamentos hidroterapéuticos ou medicinais, por exemplo nos baños de Bande en Ourense. A toponimia antiga é coñecida por estes conxuntos termais como o Aquae Querquennae, Oreginal do Rio Caldo de Ourense, Celenae, ou Quintiae

A auga termal foi utilizada polos pobos asentados na cunca mediterránea, por gregos e etruscos na península Itálica, polos Iberos na península Ibérica, e no noroeste peninsular pola cultura castrexa, (lembrémonos do deus Edovio, ao que se lle rende culto na vila termal de Caldas de Reis).

En relación ao potencial das augas minerais e termais de Galicia, doutor Casares Rodríguez xa comentara que “poucas provincias haberá en España, e aínda podemos engadir, ningunha, na que se presenten tantas e tan variadas fontes de augas minerais como nas catro que comprenden este reino, ao revés do que sucede nas de Castela e Andalucía, en cuxas inmensas chairas non atopa o mineraloxista a riqueza de minerais, e o xeólogo a variedade de formacións que se ven no noso solo”.

En Galicia, as augas que máis abundan nas catro provincias. son as ferruxinosas e sulfurosas. Na Coruña hainas: ferruxinosas, salinas e sulfurosas. En Lugo: as mellores ferruxinosas, salinas e sulfatadas, moitas crenatadas (o ácido crénico xunto co ácido apocrénico, representan ao grupo de ácidos fulvicos, principais constituíntes do humus), e algunhas sulfurosas frías e termais. En Ourense: ferruxinosas, sulfurosas, e alcalinas, e en Pontevedra: ferruxinosas – crenatadas salinas e excelentes sulfurosas frías e termais, e algunhas de acidulo- ferruxinoso carbonatadas, moi notables por certo aínda fora desta provincia.

Os balnearios mais representativos de Galicia son, na Coruña: Arteixo, Carballo, Os Ánxeles de Negreira ou Cañas de Betanzos; en Lugo: Guitiriz, O Incio, Cobas en Viveiro; en Ourense: Carballiño, Partovia, Verán en Leiro, Laias Caldaria en Cenlle, Cortegada, e San Xoán de Baños en Bande, San Salvador en Baños de Molgas e Verín, e en Pontevedra: Caldas de Reis, Cuntis, Caldelas de Tui, A Toxa e Mondariz Balneario. O patrimonio termal supón unha tradición centenaria en toda Europa, de cara a promover a saúde e o benestar, crear destinos turísticos orixinais e protexer as paisaxes culturais.

O balneario de Mondariz Balneario, a día de hoxe recupera o que sempre foi a súa actividade máxica arredor das súas augas minerais, polo que foi premiado como Mellor Balneario de España (2005 e 2006); Mellor Aloxamento de Galicia (2007) e Conde Nast Traveler, destacándoo como Mellor Spa de España. Historicamente as súas augas e o seu Gran Hotel teñen rivalizado cos grandes balnearios como o de Baden-Baden de Alemaña, o Bath, de Inglaterra, ou Vichy en Francia.

Das fontes curadoras de Mondariz, xa se tiñan beneficiado a infanta Isabel de Aragón de 12 anos, filla de Pedro III casada na capela da parroquia de San Pedro co infante Dionisio I de Portugal en 1282, onde tamén o infante Augusto de Braganza pasaba as súas feiras.

O concello de Mondariz Balneario coa colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta (GDR), Augas de Mondariz e a Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA), acolleu ao longo desta semana a The European Thermal Heritage Day, un Congreso que contou coa presencia de Bath, Budapest, Vichy ou Caldas da Raiña, cun programa de conferencias, visitas e actividades coincidindo co 150 aniversario da fundación do Balneario de Mondariz e a Declaración de Utilidade Pública das súas augas mineiro medicinais.

*Médico Psiquiatra e Psicanalista

Suscríbete para seguir leyendo