Desta parella, ata os andares

Anxo Calviño ten sete anos e participará con Galiciana, unha femia de Porco Celta de cinco, no Concurso Nacional de Manexo

Anxo posa xunto a Galiciana, a femia de Porco Celta coa que acudirá a Silleda.

Anxo posa xunto a Galiciana, a femia de Porco Celta coa que acudirá a Silleda. / Bernabé/Lucía Abeledo

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Anxo Calviño Rendo naceu en Barcelona pero agora, con sete anos, reside xunto aos seus pais en Camanceiros, na parroquia cruceña de Camanzo. Estuda segundo curso de Primaria no CEIP Cerdeiriñas, de Piloño, e case todas as tardes ten actividades extraescolares. Ata aquí, o seu día a día é coma o de calquera neno de aldea. Pero é que Anxo, cando dispón de tempo libre, solta a Galiciana, a que el de cando en vez lle chama Galiciña, unha femia de Porco Celta de cinco anos, e ensaian no patio do galiñeiro para presentarse ao V Concurso Nacional de Manexo de Porco Celta, que forma parte da programación da Feira Abanca Semana Verde de Galicia.

Anxo e Galiciana posan no 
patio onde ensaian para o
 concurso de Silleda.   | //
 BERNABÉ/LUCÍA ABELEDO

Anxo guía a Galiciña cara a corte. / Bernabé/Lucía Abeledo

Anxo participou de forma inesperada o ano pasado, axudándolle ó seu tío, Fernando Calviño, o responsable da empresa CMF Celtaporc, durante a proba dun dos seus animais. E dende aquela quedou con ganas de repetir, pero xa lle anunciou á familia que este ano acudía el como manexador, non de auxiliar. Estes ensaios comezaron fai un mes. “Unha das probas que temos que realizar é facer un percorrido pasando unha serie de obstáculos”, no menor tempo posible e sen derribar nada. Nun vídeo que difundiu o seu tío nas redes sociais, vemos cómo o neno e o animal van sorteando uns postes tendidos no chan. Anxo leva unha vara na man, que lle serve para guiar con calma e cariño, peor tamén con firmeza, a Galiciana cara a un ou outro lado. En realidade abonda cunha man no lombo da porca para que ésta saiba qué percorrido ten que facer. “Escollín a Galiciña porque é moi dócil” e tamén porque é filla de Shakira, outro exemplar desta raza que xa gañara o certame nunha edición anterior.

Carácter moi sociable

Galiciana pariu hai cinco meses, e vese que está moi acostumada aos humanos. Toma os seus deberes de cara ao concurso con tranquilidade, e déixase guiar por Anxo. “Vai mellorando moito desde que comezamos a ensaiar, pero tamén depende do día”, engade. A outra proba que terá que superar esta parella para vencer no certame será a subida a un remolque. De momento, ainda non comezaron a facer simulacros desta proba e Galiciana “non está acostumada a subir a este tipo de vehículos”, pero non cabe dúbida de que a boa coordinación que ten a parella vai facer moi fácil tamén este requisito. En 2023, os animais tiñan que pasar por un percorrido no menor tempo posible, sen golpealo, e pasando por distintos espacios, como unha zona que simula unha manga ou entre dúas vallas facendo movementos en zig zag.

Anxo e Galiciana melloran a súa técnica, como decíamos, no curral onde están as galiñas. “Non a despistan para nada”, engade este rapaz. De feito, o Porco Celta destaca pola súa mansedume e sociabilidade. CMF Celtaporc conta con máis dun cento de exemplares, entre cebados e reproductoras, e pese á súa corpulencia, nin Galiciña nin o resto dos animais desta explotación en extensivo lle impoñen a Anxo. “Nunca me deron medo”, asegura este neno, que ten tamén a sorte de vivir rodeado doutros animais como vacas, ovellas e as galiñas de que falabamos. “Os meus favoritos son os porcos”, asegura, ao preguntarlle con qué animais domésticos o pasa mellor. Anxo ten unha irmá máis nova ca el, Rosalía, que quizais dentro duns anos tamén sinta esa curiosidade por gañar un trofeo nun concurso de manexo de razas autóctonas. De momento, “a ela tamén lle gostan moito”.

A feira, dende o día 30

Este ano, a Feira Internacional Abanca Semana Verde será do 30 de maio ó 2 de xuño. O Concurso Nacional de Manexo de Porco Celta é unha das actividades coa que se quere promocionar as razas autóctonas en perigo de extinción, entre as que figura o Porco Celta pero tamén a Galiña de Mos, a Galiña Piñeira, o Cabalo Galego ou a Vaca Cachena, por citar algunhas. Á espera de coñecer o programa definitivo de actividades para este ano, na edición de 2023 ademais de concursos de manexo e certames morfolóxicos para escoller os mellores exemplares, tamén houbo degustación da súa carne en Tapirazas, cun menú diferente cada día, e exhibición de distintos exemplares.

Suscríbete para seguir leyendo