Relixión

Tui celebra unha Semana Santa singular e única

A escenificación do Horto das Oliveiras e a visita aos monumentos centrarán o programa do Xoves Santo

Acto de lectura do pregón, o pasado domingo, a cargo de José María Lores Pérez.   | // BISPADO TUI-VIGO

Acto de lectura do pregón, o pasado domingo, a cargo de José María Lores Pérez. | // BISPADO TUI-VIGO / D. P.

D. P.

A Semana Santa de Tui é única e singular en Galicia. Así o expuxo o alcalde, Enrique Cabaleiro, na presentación do libro editado polo Concello de Tui no que se recolle o programa (que deu comezo xa o pasado domingo e se prolongará ata o vindeiro, día 31 de marzo), numerosas fotografías de Chico Bugarín dos distintos actos previstos e un texto coa escenificación do Horto das Oliveiras.

Cabaleiro aludiu á aposta do Concello pola posta en valor e difusión da Semana Santa “ao ser unha das sinais de identidade relixiosa e cultural de Tui” que conta cunha longa tradición, documentada xa en 1653 cando no Venres Santo hai referencia á celebración do Santo Cristo. Afirmou amais que a Semana Santa de Tui ten tamén “un altísimo valor como recurso turístico, cunha oferta que se completa coas visitas autoguiadas e as ofrecidas polos guías profesionais, e coa oferta gastronómica, que ligada ás festas de Santa Telmo se adianta para abranguer tamén a Semana Santa”.

Mañá, bendicións dos ramos

Logo da lectura do pregón a cargo José María Lores Pérez, o programa continúa mañá, Domingo de Ramos. Ás 11.00 horas na praza de San Fernando terá lugar a bendición de ramos seguida de procesión e misa na Catedral.

O Mércores Santo, ás 12.00 horas na Catedral, oficiarase a Misa Crismal presidida polo bispo da Diocese, e concelebrada polo presbiterio diocesano.

O Xoves Santo, ás 19.30 horas na Catedral, celebrarase a Misa Vespertina da cea do Señor. Dende ás 19.00 ata as 23.00 horas realizarase a visita aos monumentos cun tradicional percorrido pola Catedral, a Igrexas das Monxas Clarisas, a Igrexa de San Telmo, a Capela da Residencia San Telmo, a Igrexa de San Domingos e a igrexa de San Bartolomeu. Na Capela da Misericordia poderase visitar a representación do Horto das Oliveiras. Os actos pecharanse ás 23.00 horas na Catedral coa Hora Santa.

O Venres Santo, os actos comezarán ás 11.00 horas coa saída dos pasos dende a Capela da Misericordia ata a Praza de San Fernando onde terá lugar o Sermón do Encontro a cargo de D. Santiago Freire Comesaña, cóengo e párroco de Tui, para dar paso á procesión polas rúas da cidade. Ás 18.00 horas na Catedral celebrarase a Paixón do Señor e ás 20.00 horas na igrexa de San Domingo terá lugar o sermón do desencravo a cargo de D. Santiago Freire Comesaña, cóengo e párroco de Tui, que dará paso á procesión do Santo Enterro polas rúas da cidade ata a igrexa parroquial.

O Sábado Santo, ás 08.00 horas sairá dende a igrexa de San Francisco ata a Catedral a procesión de Nosa Señora da Soidade, con sermón a cargo de D. Santiago Freire Comesaña, cóengo e párroco de Tui. E ás 20.00 horas na igrexa parroquial de San Francisco celebrarase a Vixilia Pascual.

Por último o Domingo de Pascua, 31 de marzo, o bispo da Diocese presidirá na Catedral a Misa Pascual.