Rural

O GDR presenta a marca “Terra e agua”

Pretende a unidade dos dez concellos e que toda a veciñanza se sinta identificada

Nova imaxe corporativa do GDR Condado Paradanta.   | // FDV

Nova imaxe corporativa do GDR Condado Paradanta. | // FDV / d. p.

d. p.

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta ten nova marca, “Terra e Auga”. Co seu lanzamento pretende a unidade e que toda a veciñanza do Condado, Paradanta e Salceda de Caselas se sintan identificados. As cores e palabras da nova marca fan un guiño á estratexia de crecemento sostible que aposta polos recursos naturais, pola riqueza da terra e pola importancia da auga que a rega e os ríos que configuran o territorio destes dez concellos.

Azul, marrón e verde son as cores que simbolizan a auga que dá vida e sustento, o verde como terra fértil e o marrón como a terra que une aos dez concellos do GDR Terra e Auga: Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. Tres cores que se enlazan dun xeito harmónico ao igual que o equilibrio que a estratexia de desenvolvemento sostible do GDR quere acadar nos vindeiros anos. Tres cores que se unen para facer posible a vida ao igual que se unen os dez concellos para coidar e potenciar os recursos naturais e patrimoniais.

O GDR Terra e Auga avanzará estratexicamente cara un modelo de crecemento rural máis sostible e dinámico. “Cambiar o nome por un máis inclusivo e representativo supón o primeiro paso dunha nova etapa para o GDR na que potenciaremos o desenvolvemento socioeconómico sostible, endóxeno, harmónico do noso territorio de actuación a través da xestión do programa LEADER e outras fontes de financiamento público/privado” salientou o presidente do GDR e alcalde de Covelo, Pablo Castillo, onte durante o acto de presentación da marca corporativa no Pazo de Pegullal en Salceda.

Nova estratexia Leader

Durante o evento tamén se presentou a nova estratexia Leader 2023-2027 adiantando os eixos fundamentais nos que se traballará e os criterios de baremación para puntuar as solicitudes de proxectos. O xerente do GDR, Paco González, adiantou as principais liñas nas que se sustenta a estratexia de crecemento baseadas en consolidar un novo modelo económico a través da diversificación de actividades produtivas e mellorar a competitividade do tecido produtivo local que xere emprego de calidade. Ademais apostarase pola conservación e mellora do medio ambiente, do patrimonio histórico, etnográfico e a súa posta en valor como elemento clave do desenvolvemento do territorio. Por último, traballarase para mellorar os estándares de calidade de vida minimizando o risco de exclusión social en colectivos desfavorecidos e vulnerables, fomentando a igualdade real e efectiva de mulleres e homes en todos os ámbitos da sociedade e fornecendo o tecido asociativo para que constitúa un referente de cohesión social no Condado Paradanta.

As áreas de traballo fundamentais serán o agro, o medio ambiente, as artes e o turismo como dinamizadores sociais, económicos e culturais do territorio.