Tecnoloxía

O Concello do Rosal informa á veciñanza a través de WhatsApp

Difunde avisos, novidades e outra información municipal relevante

d. p.

O Concello do Rosal comunicarase por WhatsApp coa súa veciñanza. O goberno municipal vén de poñer en marcha unha canle a través desta aplicación móbil co obxectivo de ofrecer novas ferramentas a través das que dispoñer da información municipal de xeito doado e directo, chegando ademais a aquel público que non emprega habitualmente outros medios como a páxina web ou as redes sociais municipais.

Con esta iniciativa, a veciñanza disporá dunha canle de comunicación que lle permitirá estar informada en todo momento do que pasa no municipio a través dos seus teléfonos móbiles.

A través desta canle, a veciñanza poderá estar ao día das últimas novidades sobre a actividade municipal, das diferentes actividades da axenda cultural, de avisos e de todo tipo de noticias e informacións que poidan ser de interese.