A muller como motor económico e social

d. p.

Consciente da necesidade de reivindicar o importante papel que sempre desempeñou a muller no mundo rural o Grupo de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta contempla na súa estratexia “Reverdecendo Condado Paradanta” o apoio de iniciativas que visibilicen ás mulleres e dos proxectos que promovan a súa participación e inserción laboral.

Jana, Lorena, Loli e Inma son empoderamento, acción e aposta polo rural. Estas catro mulleres son o exemplo doutras moitas que, día tras día, viven no rural, crían aos fillos nas aldeas e deseñan o seu ámbito laboral nalgunha parroquia da comarca.

Elas decidiron que o ODS 5: “acadar a igualdade de xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas” saíra do papel e se materializara nunha aposta firme polo autoemprego e polo territorio. Todas elas atopan no Condado Paradanta inspiración e os principios dunha filosofía que queren vivir: tranquilidade e calidade de vida cadrando coa estratexia do GDR na importancia de conservar e coñecer os recursos naturais para activalos dun xeito sostible e en harmonía co medio ambiente.

Jana Kadlecova chegou de Eslovaquia hai quince anos e agora lidera unha axencia de viaxes (Bodega Travel), un punto de atención turístico (visit condado), o coworking ApartOffice e xestiona un apartamento turístico no centro de Ponteareas. Lorena Durán deixou o seu traballo vencellado ao mundo da bioloxía para converter a casa dos seus avós, en Vilasobroso, nun aloxamento de turismo rural (Cantaruxa Maruxa). Dolores Rodríguez rexenta, xunto ao seu fillo, un hostal nas Neves (O Cendal). E Inma Comesaña muda de vida para deixar a cidade polo rural de Crecente e pór en marcha tamén un proxecto de aloxamento, neste caso en cabanas (La Devesa)

Certificado de calidade

Todas elas teñen en común as ganas de emprender, a confianza no territorio do Condado Paradanta e a aposta pola calidade. Da man do GDR conseguiron o certificado de calidade SICTED porque “é indispensable amosar ao mundo que aquí hai calidade. Eu cada ano vou sumando un servizo máis, analizo o que precisan as persoas cando se aloxan no meu apartamento e procuro facer todo o posible para que cando volvan o teñan. Non se pode baixar o listón porque non só prexudica ao noso sector tamén ao resto dos servizos”, explica Jana Kadlecova. Ao igual que as outras tres está convencida que a materia prima, os recursos do Condado Paradanta, son moitos pero aínda descoñecidos ou infravalorados. Lorena Durán engade que distinguirse a través da calidade tamén axuda na fidelización da clientela e Loli ten seguro que ofrecer calidade é xerar riqueza para a comarca.