Educación

Escolares do Porriño aprenden a importancia de ter unha boca sa

Participan dun obradoiro de hixiene oral

Obradoiro no CEIP Xosé Fernández López.   | // D. P.

Obradoiro no CEIP Xosé Fernández López. | // D. P. / D. P.

D. P.

Preto de 400 escolares do Porriño aprenden a importancia de ter unha boca sa da man do Centro de Saúde e o Concello do Porriño.

A concellería de Sanidade, que dirixe Teresa Veloso, colabora co centro médico na organización dunha serie de obradoiros sobre hixiene bucodental, impartidos por facultativos, que se están a desenvolver este mes de marzo nos diferentes centros educativos do municipio.

Participa desta iniciativa o alumnado de 1º e 2º curso de educación primaria do CEIPP Antonio Palacios, CEIP da Ribeira, CPR Santo Tomás, CPR Hermanos Quiroga, CEIP Fernández López, CEIPP de Atios, CEIP da Cruz-Budiño e Aceesca.

Os obradoiros, cunha duración de entre 30 e 45 minutos, teñen unha primeira parte teórica na que se explican conceptos básicos sobre o cepillado e a alimentación e unha segunda parte práctica na que se reforza o contido explicado previamente.

“Establecer bos hábitos de hixiene bucal dende unha idade temperá é esencial para gozar de boa saúde”, sinala a concelleira Teresa Veloso. “Por iso é importante que os nenos e nenas aprendan desde pequenos hábitos saudables para os seus dentes, que o normalicen e o apliquen diariamente para evitar complicacións nun futuro”.

No mesmo sentido manifestouse o alcalde Alejandro Lorenzo, destacando a importancia do coidado da boca desde ben pequenos e convidounos a estar moi atentos e “sobre todo, a poñer en práctica cada día todo o que estades a aprender”. O rexedor agradeceu a iniciativa do persoal do Centro de Saúde do Porriño e a deixa a súa man tendida sempre para impulsar “actividades como esta tan necesarias para os escolares.