8 M

Tomiño reivindica a igualdade nas aulas e sobre o escenario

Hoxe hai talleres de autodefensa e autoestima e obra de teatro

Hoxe celebrarase unha nova sesión do curso de autodefensa.   | // FDV

Hoxe celebrarase unha nova sesión do curso de autodefensa. | // FDV / d. p.

d. p.

Tomiño segue reivindicando unha igualdade real e efectiva este 8M, Día Internacional da Muller. O Concello prepara unha ampla programación na que obradoiros, teatro e arte audiovisual comparten protagonismo para visibilizar a importancia de garantir e defender dereitos, rachar desigualdades e romper calquera teito de cristal.

A programación do Día Internacional da Muller en Tomiño contempla este ano un eixo de vital importancia: a educación nos centros escolares das xeracións do futuro. Trala información recollida no Estudo-Diagnose sobre igualdade de xénero e violencia machista no ámbito educativo, o Concello puxo en marcha varios talleres formativos nos que han participar máis de 300 nenos de diferentes centros educativos e do IES Antón Alonso Ríos. Deste xeito, impártese un obradoiro sobre ‘Masculinidades diversas’ no que o alumnado de 6º de Primaria pode tomar conciencia sobre como os modelos de xénero inflúen na vida e nas relacións. O alumnado de 2º da ESO ‘Navega en positivo’ cun taller para un uso responsable das redes sociais dende unha perspectiva de xénero. Para rematar, os estudantes de 1º e 2º de Bacharelato participan na charla ‘Falemos de sexo’.

A programación continúa co bloque de actividades ‘Centradas en nós’, unha serie de obradoiros pensados por e para mulleres. O primeiro foi o propio 8 de marzo cun taller de saúde feminina, un lugar de encontro no que se abordaron dous temas como a menopausia e o solo pelviano.

Hoxe a formación volverá gañar protagonismo coa celebración dunha nova sesión do segundo curso de autodefensa por e para mulleres, que cada sábado dende o 3 de febreiro ata o 30 de marzo permite ás participantes adquirir unhas habilidades básicas para previr ou defenderse en caso de afrontar situacións violentas.

Esta mesma tarde A Salgosa acollerá ás 17.00 horas un obradoiro de autoestima, un taller de hora e media de duración no que aprender a construír o amor propio coas técnicas máis avanzadas e efectivas de autocoñecemento.

Coa ‘Escena en feminino’ o 8M tomiñés subirase ao escenario con actividades centradas nas artes escénicas. Onte estreouse nas redes sociais municipais ‘Actuando para acadar a igualdade’, unha peza audiovisual protagonizada polo alumnado da Escola de Teatro municipal, e hoxe haberá teatro para público adulto con “Que din as rumorosas”, ás 21.00 horas no auditorio de Goián, con entradas a 5 euros.