Internacional

Nihon-Nigrán achega a cultura pop xaponesa

Celébrase no pavillón de Panxón o sábado 23

d. p.

O Concello de Nigrán propón iniciar a Semana Santa en Xapón sen necesidade de desprazarse do municipio. Esta‘viaxe intercontinental gratuíta será posible grazas a ‘Nihon-Nigrán’, o primeiro evento do Val Miñor dedicado integramente á cultura pop xaponesa e que terá lugar durante toda a xornada do sábado 23 de marzo (de 10.00 a 21.00 horas) coincidindo co inicio das vacacións escolares.

Cosplay, gaming, artes marciais, manga, tendas especializadas, gastronomía oriental, mercadillo de segunda man, charlas, obradoiros… farán do pavillón de Panxón o paraíso dos afeccionados á estética nipona. Neste sentido, os profesionais interesados en ter un posto e os particulares que desexen participar na feira de segunda man e intercambio poden inscribirse xa a través dun formulario web en www.nigran.es

“A mocidade de Nigrán demandaba un evento deste tipo e, precisamente, o podemos ofrecer grazas a especialistas da comarca que se envorcaron co Concello para poder organizalo”, explica o alcalde, Juan González, en referencia a David Miguez (quen rexentou durante anos un bar temático en A Ramallosa), a coñecida cosplayer da comarca Melanie, e ‘H’ (nickname dun especialista en cartas de rol que se coñecen como ‘Magic’). A eles tres súmase a propia Escola Municipal de Cómic de Nigrán, con moito alumnado interesado no mundo manga e anime (tipo de cómic e ilustración propios de Xapón), coa súa directora Coral Martínez á cabeza. De feito, ela foi a responsable de realizar o cartel ‘Nihon Nigran’.