Institucións

Elas son as mulleres que nos gobernan: as nosas alcaldesas falan de igualdade

Son 7 das 8 facianas de muller nun mapa político no que os 16 alcaldes restantes son homes y Estamos no momento da historia con máis mulleres á fronte dos nosos concellos

Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal.   | // D.P.

Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal. | // D.P. / Laura Porto

Laura Porto

As mulleres occidentais somos afortunadas. Nas nosas sociedades conseguimos, en menos dun século, obter o dereito a sufraxio, posuír os nosos propios cartos e contas bancarias, conducir, divorciarnos, abortar, ou acceder aos estudos superiores. No 2021, segundo datos do INE, a cantidade de mulleres con estudos superiores na Unión Europea era superior á de homes en 8,4 puntos porcentuais, malia que continuamos a estar infrarrepresentadas nos estudos técnicos e científicos. Ningún destes logros foi un agasallo. Temos moito que agradecer ás que loitaron por nós, e moito que loitar por todas as que virán.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela.   | // M.G.BREA

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela. | // M.G.BREA / Laura Porto

Dende Faro de Vigo tentamos contactar, para a elaboración desta reportaxe, con todas as mulleres que gobernan nas comarcas de Condado, Paradanta, Baixo Miño, Val Miñor, Louriña e Vigo para dárlles a oportunidade, con motivo da conmemoración do 8 de marzo, de achegarnos a súa perspectiva sobre a súa experiencia como mulleres de poder, e algúns dos retos aos que teñen que enfrontarse no exercicio das súas funcións.

Sandra González, alcaldesa de Tomiño.   | // D.P.

Sandra González, alcaldesa de Tomiño. | // D.P. / Laura Porto

Ánxela Fernández Callís goberna no Rosal co BNG, e leva 5 anos no cargo. Digna Rivas, en Redondela co PSOE, leva tamén 5 anos como alcaldesa. Loli Castiñeira, de Movemento por Salceda, gobernou 3 anos na vila do Caselas. Marta Valcárcel, do PP, leva á fronte de Salvaterra de Miñoos últimos 5 anos. Nava Castro, tamén do PP, gobernou Ponteareas en varias etapas, sumando un total de 4 anos no mando.Nidia Arévalo goberna Mos co PP dende hai 16 anos. Sandra González, do BNG, é a veterana, gobernando Tomiño dende hai 17 anos.

Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos.  | //D.P.

Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos. | //D.P. / Laura Porto

Son mulleres de diferentes partidos, teñen diferentes ideas sobre a igualdade e as medidas necesarias para acadala, case todas son a primeira muller en gobernar no seu municipio, e son os rostros femininos dun mapa político que, no sur da nosa provincia, está moi lonxe de chegar á equidade, malia atoparse no seu mellor momento. Para seguir avanzando, necesitámolas a todas.

Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra.   | // A.G.

Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra. | // A.G. / Laura Porto

Acceso á política

Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas   | // D.P.

Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas | // D.P. / Laura Porto

Sobre o seu xeito de chegar á política, as rexedoras concordan no acceso dende a base, paso a paso e mamando política dende o berce. Hoxe falan de igualdade, pero dende o inicio, e no seu día a día, xestionan a economía, as obras públicas, ou a cultura. Nidia Arévalo incide en como afectou o seu xénero ao comezo da súa carreira: “ao ser nova e muller, foi complicado. Cando comecei na política municipal, a finais dos anos 90, a corporación era maioritariamente masculina e de idades bastante avanzadas. Así que o choque xeracional foi moi grande. Daquela eramos poucas mulleres concelleiras en Galicia e dende entón comezamos a ser cada vez máis e en cargos de maior responsabilidade”. Sandra González fala así do seu comezo: “non pensara presentarme para a alcaldía e sempre estivera nun segundo plano, aínda que por formación, xa que estudiei Ciencias Políticas, e por compromiso, levaba moito tempo ligada ao BNG.”

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda.   | // D.P.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda. | // D.P. / Laura Porto

Diferenzas de trato

Sobre as diferencias de trato entre elas e os seus homólogos masculinos, teñen perspectivas diverxentes. Ánxela Fernández Callís fuxe do comentario confrontativo e pon aquí o foco sobre que “as mulleres exercemos, en moitos casos, un liderado diferente baseado na proximidade, na empatía e no acordo.” Nava Castro comenta que “hai anos as cousas eran diferentes, pero hoxe en día a sociedade ten plenamente normalizado que haxa alcaldes e alcaldesas, así como homes e mulleres ocupando postos de responsabilidade e de dirección.” Loli Castiñeira afirma, pola contra, que si percibe diferencias de trato entre ela e os seus compañeiros, e pon dous exemplos: “a eles non lles chaman guapos cada vez que non lembran o seu nome. O segundo, dirixía vías e obras, acompañábame o Concelleiro Miguel de Mobilidade, e as persoas encargadas sempre se dirixian a él. Claro, eu non me calo por moito tempo, e fixen que iso mudase”. Marta Valcárcel, dinos, porén, que “hai barreiras que están máis que superadas, o que esperan os veciños de ti e que lle resolvas os seus problemas”. Para Sandra González “ao principio si [notaba diferencias de trato], por tratarse no meu caso dunha muller e ademais nova, pero o feito de levar xa tempo traballando e ter certa veteranía supón un freo para esas cousas”. Nidia Arévalo concorda con González, e engade que “en xeral, ás mulleres esíxesenos dobrar esforzos para chegar ás mesmas metas que os homes.” Digna Rivas considera que “de cara á imaxe pública si que se nos trata diferente. Sempre se cuestiona máis a nosa imaxe e a presenza que podemos ter nos medios, e a presión mediática é maior”

Autoridade

Preguntadas polo exercicio da autoridade como mulleres e se, como acontece noutros ámbitos son postas en dúbida polo feito de ser mulleres, Digna Rivas di que “nunca tiven problemas nese aspecto como alcaldesa, pero si que noutros sectores, como cando estiven de responsable no servizo de emerxencias, cuestionábanme máis polo feito de ser muller. Aínda hai unha parte da cidadanía á que lle costa asumir que unha muller estea ao mando, e como sociedade temos que traballar para cambiar iso”. Nava Castro considera que “ás persoas, e ás políticas, hai que valoralas pola súa función e o seu traballo, independentemente do sexo de cada un”. Nidia Arévalo di que “nunca sentín unha reprobación directa á miña autoridade polo feito de ser muller, polo menos non diante de min”. Sandra González cóntanos que nunca foi desutorizada directamente “pero si existe unha compoñente moito máis sibilina que ás veces notamos. Ás mulleres xúlgasenos de outro xeito, con máis desconfianza e, polo tanto, con máis esixencia e dende logo con outros parámetros diferentes aos dos homes. en moitos casos”. Ánxela Fernández Callís insiste aquí en desmarcarse da linguaxe política masculina, dicindo que “as mulleres temos outra forma distinta de exercer a responsabilidade de gobernar, de termos lexitimidade, que é diferente á práctica do rol de autoridade tradicional recoñecido moitas veces nos homes”.

Micromachismos

O micromachismo, forma de machismo que se manifesta en pequenos actos, xestos ou expresións habitualmente inconscientes (segundo o define a RAE, pois a RAG non recolle aínda este termo, proposto no ano 1991 ), está á orde do día.

Sobre isto, Nava Castro di non telos sufrido, porque “tampouco deixo marxe para que se produzan, que é precisamente cando eses “micromachismos” poden derivar en actitudes, feitos ou accións machistas ou dominantes”. Marta Valcárcel afirma, pola contra, que si. “Os maiores micromachismos e ataques que sufrín, veñen derivados da miña situación e da miña vida privada, que algúns mesturan a “mala política” no medio co fin de facer dano, e iso si que nos debería facer recapacitar un pouco”. Loli Castiñeira considera que “non hai micros, son todo machismos dunha sociedade que aínda non está educada en igualdade. Que se a esta Alcadesa gústalle moito ensinar as pernas, que se usa bolsos de tal marca, que sendo muller se me presupón que teño que saber facer 2 ou 20 cousas a vez…”. Na misma liña Ánxela Fernández Callís que aporta que “as accións de machismo son asimilables á realidade da sociedade machista na que vivimos, e que incide na esfera de todas as mulleres en todos os eidos da vida cotiá”. Nidia Arévalo reflexiona sobre estas condutas, que “quizais sexan a parte máis complicada da desigualdade entre homes e mulleres, pois é a que pasa máis desapercibida e a que está máis normalizada, incluso entre nós mesmas”. Sandra González considera que en política os micromachismos aparecen un pouco menos “por iso de tentar manter sempre unha actitude politicamente correcta, pero claro que existen”. Digna Rivas incide en que “todos temos a obriga de combater estas actitudes, senón somos cómplices”.

Igualdade plena

Cando preguntamos ás alcaldesas se consideran que acadamos xa un estado de igualdade plena, todas parecen estar dacordo. Consideran que se avanzou, pero que queda traballo por facer. Para Loli Castiñeira, “sobre todo na infancia, cada vez hai que comezar máis cedo a educar en igualdade. Teñen sido moitos os logros, pero hai que transformalos en normalidade, non en titulares cada vez que unha muller rompe un teito de cristal, por exemplo. E non podo esquecer que seguen asasinando a mulleres polo simple feito de selo, non existe maior forma de desigualdade que a violencia machista”. Nava Castro engade que “só acadaremos a seguinte fase cando todos e cada un dos que compartimos espazo cheguemos a desterrar conceptos hoxe anacrónicos nos pequenos e nos grandes xestos”. Para Ánxela Fernández Callís, a igualdade é unha utopía cara a que o seu goberno camiña con firmeza, e por iso “no Rosal puxemos o foco nas políticas de igualdade como unha das nosas prioridades na xestión municipal”. Marta Valcárcel incide en que hai moito por traballar “no ámbito da maternidade, porque a día de hoxe segue condicionando a nosa vida laboral”. A súa compañeira de partido, Nidia Arévalo, comenta con forza que “aí están as cifras sobre a fenda salarial, a precariedade da conciliación, o teito de cristal, a violencia de xénero e un longo etcétera para amosar que aínda hai moita desigualdade entre homes e mulleres. Daríame por satisfeita de lograr chegar ao obxectivo de que a miña filla María viva nunha sociedade realmente igualitaria cando teña a miña idade”. Sandra González engade que “a maior expresión de desigualdade é a violencia machista, onde nos asasinan polo feito de ser mulleres. Non podemos falar de igualdade plena cando se contan por ducias as vítimas cada ano, cando seguimos sen ter igualdade salarial, cando temos que mirar cara a atrás de noite cando volvemos a casa, ou en tantas situacións reais de desigualdade ás que nos enfrontamos diariamente”.

Medidas necesarias

Feita unha panorámica dos problemas, preguntamos ás nosas rexedoras cales son os seguintes pasos para acadar a igualdade. Ánxela Fernández Callís incide na importancia da “educación en liberdade e igualdade, a corresponsabilidade de toda a sociedade nesta loita colectiva, e a decisión política de poñer as políticas de igualdade no centro das prioridades da xestión das diferentes áreas da realidade social, con recursos económicos, humanos e materiais”. Marta Valcárcel di que “o primeiro é o respecto, e a decisión de elexir libremente. Que ninguén, sobre todo os que se cren abandeirados da igualdade, che digan a ti como muller como tes que vivir ou actuar.” A Digna Rivas preocúpalle “moito como vive a nosa xuventude, e a visión tan errónea que teñen en temas como a afectividade e a sexualidade, o control que exercen os mozos sobre as mozas, e que elas ven normal”, por iso, di, “dende o Concello estamos a facer cursos de formación nos institutos sobre igualdade con charlas, e tamén obradoiros para familias”. Loli Castiñeira considera imprescindible “a independencia económica da muller, e os salarios iguais polo mesmo cargo ocupado”. Para Nava Castro é importante traballar no día a día “dos coidados e atención ás persoas maiores e familiares, tarefas que historicamente recaen sobre as mulleres. E iso hai que cambialo. Este debate non vai de axudar na casa, vai de repartir e facer na casa”. Nidia Arévalo destaca de novo a importancia da educación como “piar fundamental para conseguir a igualdade real. Véxoo na educación en igualdade que a miña filla e a cativada reciben agora nas escolas, nos colexios, nos institutos e nos fogares. As cousas mudaron e melloraron moito, pero aínda hai moitos ciclos e graos que están masculinizados, sobre todo nos ámbitos de ciencias.” Para Arévalo é especialmente importante “erradicar as condutas de dominación e incluso violencia de xénero e sexual entre adolescentes”. Sandra González destaca que “falar de igualdade é falar de dereitos humanos e falar dos dereitos de máis do 50% da poboación.” Para a rexedora tomiñesa, non haberá igualdade sen “corresponsabilidade nos coidados, igualdade salarial, liberdade de decisión sobre o noso propio corpo, liberdade de movemento e acción…” e destaca que “moitas mulleres feministas abriron camiño antes ca nós e nós temos que facelo por nós e polas que veñen detrás”.