Náutica

Baiona atraerá en maio tódalas miradas da vela internacional

Celebrarase por primeira vez en Galicia a 44CUP

A 44CUP é o punto culminante do calendario de regatas do Monte Real Club de Yates para este 2024.   | // NICO MARTÍNEZ

A 44CUP é o punto culminante do calendario de regatas do Monte Real Club de Yates para este 2024. | // NICO MARTÍNEZ / d. p.

d. p.

competición náutica. Logo de atraer con gran éxito ás Rías Baixas eventos de renome como as 52 Super Series en 2022 e o Mundial da clase J80 en 2023, o Monte Real Club de Yates embárcase nunha nova fazaña traendo, por primeira vez a Galicia, a 44CUP.

Baiona atraerá en maio tódalas miradas da vela internacional

Baiona atraerá en maio tódalas miradas da vela internacional / d. p.

É o terceiro ano consecutivo que a recente reelixida xunta directiva do club baionés, encabezada por José Luis Álvarez e Alechu Retolaza como presidente e vicepresidente respectivamente, logra atraer un evento deste tipo á nosa terra, sendo testemuñas privilexiadas do segundo evento da décimo sétima edición desta competición.

Será no mes de maio, do 6 ao 12, cando Baiona acolla aos RC44 nas súas augas. Estes monocascos, deseñados baixo o concepto “One design”, prometen emocionantes enfrontamentos cos equipos participantes competindo en barcos idénticos. Trátase de veleiros, concibidos polos lendarios patrón da Copa América, Russell Coutts, que representan a cúspide da competición náutica. Son embarcacións de alta tecnoloxía valoradas en preto dun millón de euros, construídos en fibra de carbono, con 13,45 metros, e sistemas de navegación de vangarda.

Detrás destas máquinas de navegar, movendo os fíos dos diferentes equipos, atópanse armadores cun poder adquisitivo considerable, que contratan a tripulacións formadas por medallistas olímpicos, competidores da Copa América e navegantes da Volvo Ocean Race. Un elenco de profesionais chegados desde diversos recunchos do mundo que garanten regatas de alto nivel en cada parada do circuíto.

Impacto económico

A chegada da 44CUP e dos RC44 a Baiona promete un espectáculo sen igual, coa participación dos mellore expoñentes da vela a nivel mundial e un impacto económico estimado en máis dun millón de euros para a localidade anfitrioa. Reafírmase así o papel de Baiona como destino de primeira orde no mundo da vela e remárcase a importancia histórica do Monte Real Club de Yates na organización destes eventos de carácter e gran prestixio internacional.

A 44CUP é o punto culminante do calendario de regatas do Monte Real Club de Yates para este 2024, no que tamén se rende homenaxe á tradición coa celebración de dous dos seus emblemáticos trofeos: o Conde de Gondomar, que conmemora o seu 49º aniversario e o Trofeo Príncipe de Asturias. Celebraranse, como xa é costume, durante a xornada festiva do 25 de xullo e a primeira fin de semana de setembro, respectivamente.

Calendario de regatas

O Trofeo Repsol, outro dos piares do club, adianta a súa data no calendario este ano, programándose do 26 ao 28 de abril para evitar superposicións coa 44CUP. Así mesmo, en abril tamén terá lugar o Trofeo CdC, coincidindo coa Liga de Cíes – Rande, unha nova competición organizada por varios clubs das Rías Baixas, incluído o Monte Real. Esta liga terá dúas edicións, unha en abril e outra en setembro.

O mes de xuño estará marcado polo Campionato Galego de A Dos, que o Monte Real organiza por decimo terceiro ano consecutivo. Xullo, pola súa parte, será testemuña da intensa competición do Trofeo Conde de Gondomar, acompañado da cuarta edición da Ruta Rías Baixas, unha peregrinación Xacobea por mar que combina deporte e ocio.

O Trofeo Príncipe de Asturias, que incluirá a entrega dos Premios Nacionais de Vela, terá lugar do 6 ao 8 de setembro, mentres que os J80 terán as súas ligas de inverno e outono distribuídas ao longo do ano.

Turismo e formación

Ademais de promover a competición náutica, o Monte Real Club de Yates comprométese co impulso do turismo náutico e a formación velística. A Escola de Vela desempeñará un papel crucial na programación do club deste 2024, ofrecendo cursos de vela lixeira e cruceiro, así como actividades adaptadas para diversos grupos, como persoas con diversidade funcional, nenos tutelados ou mulleres vítimas de violencia machista, entre outros colectivos.

Toda a información sobre estes eventos e actividades está dispoñible na páxina web do club www.mrcyb.es, así como nas súas redes sociais e oficinas situadas no recinto do Parador Nacional de Baiona.