Sociedade

O altruísmo alumea o corazón deste Nadal

Múltiples iniciativas solidarias teñen lugar nestas datas por toda a bisbarra

Voluntarios e voluntarias da “fábrica de felicidade” de Covelo, traballando nas carrozas deste Nadal   | // D.P.

Voluntarios e voluntarias da “fábrica de felicidade” de Covelo, traballando nas carrozas deste Nadal | // D.P. / l.P.

l.P.

Hai quen di que ser solidario é ser unha candea que, co escintilar pulsátil da súa chama, ten a capacidade de aportar luz ao mundo darredor.

Hai quen di que o que fai especial ás candeas da solidariedade é que posúen a capacidade de prender as outras chamas que, apagadas, as rodean, sen deixar nunca de brilar elas mesmas. É así como nestas datas, tan especiais pola exaltación do cariño e os bos sentimentos que nelas se producen, todos e todas nós temos a capacidade de, na medida das nosas posibilidades, aumentar a cantidade de luz e calor existentes no noso mundo.

O fenómeno solidario do Nadal xa comezou ao noso redor, do xeito no comezan moitas das cousas importantes da vida: en relativa calma, con firmeza pero sen exaltación, paseniñas e imparables.

En Covelo, reúnense de forma estable un grupo de voluntarios que, a través da confección artesanal das carrozas para o desfile de Nadal da vila, aproveitan para tecer rede, xerar o calor que só existe nas comunidades de iguais, e visitar os fogares e centros sociais da vila para levar a súa felicidade a todo aquel que poida precisala.

No Concello de Gondomar, a luz da solidariedade de Nadal prendeuse, este ano, o día 2 de decembro, coa gala solidaria promovida pola asociación AGALTES no Auditorio Lois Tobío, que se celebra por quinto ano consecutivo co gallo de recadar cartos para os nenos e nenas con doenzas raras. Este ano, a protagonista desta recadación foi a nena Uxía, que padece neurofibromatosis de tipo 1, e precisa de axuda para sufragar os custos do seu tratamento en Cataluña.

Foi nas mesmas datas que o concello de Arbo levou a cabo a súa campaña de recollida de alimentos “Nadal entre tod@s” para fomentar a fraternidade e a cooperación entre a veciñanza, e que non haxa este Nadal nin unha soa mesa sen alimentos compartidos. Están vostedes, aínda, a tempo de facer a súa achega para levar un pouco de felicidade ás mesas alleas.

Nigrán recibíu onte o lume da candea solidaria, acollendo a celebración dun bingo solidario no Auditorio Municipal. A luz e a calor da chama ficarán na vila ata o vindeiro día 22, no que terá lugar, da man do Clube de Baloncesto, a actividade “encesta un alimento”, no Pavillón municipal de Panxón.

E como a vontade de axudar a quen máis o precisa non é algo que viaxe nunha soa dirección, a chama olímpica da solidariedade esténdese de modo simultáneo como unha vaga de luz e esperanza. En Baiona tivo lugar onte o “Festival de panxoliñas benéfico: 1 kilo de comida”, a favor da ONG “Ayuda al mundo necesitado”, coa actuación das corais polifónicas “San Lorenzo de Belesar” e “Baiona a real”, e da coral “A Cela”. A axuda é, neste caso, por duplicado, porque a comida para quen non a ten súmase co benestar que a música e o canto producen sempre, en quen a prroduce e en quen a recibe.

En Tui iniciouse o pasado día 13 o mercado solidario de libros, que terá un oco na Biblioteca Municipal da vila ata o próximo 5 de xaneiro. Están, polo tanto, aínda en tempo de visitar o fogar dos libros de Tui para levar ata o seu propio fogar un pouco da luz que contén.

A Guarda, pola súa banda, apostou este ano pola posta en valor do seu tecido asociativo coa iniciativa “Nadal das Prazas”, coa que confía nos numerosos colectivos que operan no seu territorio (San Xerome, Avelaíña, Percamino, Comisión de Festas da Guía, Piueiro, Terceira Idade, Érguete e Transmiño) para elaborar a decoración da vila, este ano centrada na temática dos contos de nadal.

Porriño, pola súa banda, celebra mañá a súa gala de nadal solidaria “Navidance solidario. Studio 57”, no pavillón municipal dos deportes. O prezo será a cantidade de alimentos non perecedoiros que cada persoa desexe aportar, e as portas abriranse ás 18:15, para celebrar coa alegría da danza a capacidade e o desexo de axudarnos uns aos outros.

Tamén en Porriño, aínda están vostedes a tempo de achegarse ao seu mercado solidario, organizado pola Asociación Española Contra o Cancro, coa colaboración do concello e os comerciantes da vila, que ata o día 20 de decembro e en horario de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00, abre de luns a sábado no número 65 da rúa Ramón González. Aquí poderán convertir os seus agasallos de Nadal en presentes dobres: facer felices a quen os reciba, e a quen se beneficie do seu xesto solidario a través da loita contra esa cruel doenza, que no ano 2022 acadou en España a más de 270.000 persoas.

A luz do amor non ten cancelas nin muros, e non son necesarios grandes xestos para multiplicar ao noso redor a posibilidade de disfrutar destas festas. Cada unha destas iniciativas demostra que, xa sexa con quilos de comida, mercando algún libro para agasallar ou ofrecendo algunhas horas do noso tempo; só precisamos dun misto e da nosa vontade para acender a pequena candea persoal, que co tempoe a esperanza pode chegar a converterse nun océano de lumes.

Covelo, líder en fabricación de felicidade

No Concello de Covelo, cada luns pola tarde, os veciños e veciñas do particular grupo de voluntariado “Fábrica de felicidade”, reúnense no pavillón municipal para crear un entorno o máis propicio posible para a proliferación do lume do Nadal. Alí, os veciños e as veciñas comparten os seus coñecementos en materia de manualidades e artesanía, sempre ao calor dun bo chocolate quente e enchendo o bandullo cos doces caseiros que cada semana preparan.

Entre eles aprenden, axúdanse, e colaboran, co obxectivo de deseñar e construír as carrozas que desfilarán polo centro da vila e polas súas parroquias. Ademais, como cada ano, este particular grupo de candeas do Nadal, que se autodenominan elfos do Nadal de Covelo, formarán parte da comitiva que visite e leve a ilusión á residencia de maiores da localidade, á escola e aos locais de hostelería.

Están vostedes a tempo de visitalos algún destes luns, e deixar que a calor dos sorrisos e a axilidade das mans destes voluntarios contaxien de luz os seus corazóns.