Axenda

Artesanía e cultura, na Mostra de Nadal de Soutomaior

Celébrase esta fin de semana na Alameda Talo Río y Postos, espectáculos, charla, música en directo e degustacións

Un dos postos de manualidades, na xornada do acto do acendido das luces de Nadal.   | // FDV

Un dos postos de manualidades, na xornada do acto do acendido das luces de Nadal. | // FDV / l. c.

l. c.

O Concello de Soutomaior organiza esta fin de semana unha mostra de Nadal que mestura artesanía e cultura. Celébrase este sábado e domingo na Alameda de Talo Río, en Arcade. Hoxe, das 16.00 ata ás 20.00 horas, as asociacións de nais e pais dos colexios Manuel Padín Truiteiro e Ponte Sampaio terán varios postos con manualidades feitas polos propios nenos. Ademais, tamén haberá postos de cerámica, xoguetes artesanais e instrumentos de corda, entre outros. E un espazo para a promoción do viño local, coa colaboración de Noelia Bebelia, Quinta das Eiras e Cosecheros Reunidos de Soutomaior.

Por outra banda, e de xeito paralelo, hoxe mesmo a Alameda de Talo Río acollerá outras actividades complementarias. Ás 17.30 horas, a compañía Os Piñeiros levará a cabo o seu espectáculo “Fuco e Xela”, para público familiar e totalmente de balde. Ás 18.30 horas Marcos Mariño dará unha charla sobre o seu traballo facendo esculturas de madeira con motoserra. A charla tamén será de balde e ao remate levarase a cabo o sorteo dunha das pezas artísticas elaborada polo propio Marcos Mariño. Finalmente, ás 19.00 horas actuará o grupo Son das Tabernas, actuación que irá acompañada d unha degustación de produtos e albariños locais, neste caso a degustación si será de pago, non así o resto de actividades.

Mañá domingo, a mostra de Nadal contará con postos da ANPA do CEIP Manuel Padín Truiteiro. Ademais, tamén haberá postos sobre cerámica creativa (O Siberio), alimentación saudable (Vía Nai) e xoguetería artesanal (Miudiño Sociedade Coop. Galega e Moucho Arte). O horario das mostras será, pola mañá, de 11.00 a 14.00 horas e, pola tarde, entre as 16.00 e as 20.00 horas.

En canto ao resto de actividades que se levarán a cabo, a Biblioteca Municipal Luís Seoane desenvolverá a iniciativa “Un libro, un chocolate”. Durante todo o día haberá venda de libros a baixo custo, co que se recadarán fondos a favor de Cáritas Arcade e Soutomaior. Aquelas persoas que compren libros recibiran un chocolate de balde. Ademais, de 12.30 a 14.00 haberá unha sesión vermú con música a cargo de Desconcerto, e na que tamén se levará a cabo unha degustación, de pago, de produtos locais.

San Silvestre Fest

O Concello de Soutomaior celebra o vindeiro 30 de decembro a primeira edición da San Silvestre Fest. O inicio da carreira está programado para ás 17.00 horas, con saída da Alameda Talo Río, pero a programación festiva desa xornada comezará xa ás 16.00 horas cunha masterclass e zumba e ás 16.30 horas terá lugar outra de bailes variados. Logo da entrega de premios e agasallos prevista ás 19.00 horas, dará comezo a festa final con disco móbil dj.

A San Silvestre Fest é unha carreira para toda a familia, na cal os menores de 14 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. As inscricións están abertas, a través da web www.gabinetesoutomaior.com, ata o vindeiro martes 19. E a partir do día seguinte pódense recoller os dorsais no pavillón da Montesiña, entre as 16.30 e as 21.30 horas.