Alimentación

A cociña escolar de Nigrán, modelo saudable en Galicia

Foi seleccionada como exemplo de boas prácticas na xornada “A saúde en todas as políticas”

Traballadoras na cociña  do CEIP Humberto Juanes.  | // FDV

Traballadoras na cociña do CEIP Humberto Juanes. | // FDV / l. c.

l. c.

Os menús de todos os colexios públicos de Nigrán son elaborados desde este curso no propio municipio, rematando así cun sistema de catering decadente no que as crianzas recibían a comida elaborada a centos de quilómetros. Este feito serviu de modelo de boas prácticas en promoción da saúde nos concellos de Galicia na terceira xornada “A Saúde en todas as políticas”, organizada en Santiago pola Escola Galega de Administración Pública.

Este salto de calidade que permitiu prescindir do tradicional sistema de catering foi grazas á construción por parte do Concello dunha cociña escolar municipal no CEIP Humberto Juanes tras realizar un investimento de 373.878 euros. O resultado é histórico, desde esta cociña elabóranse directamente os menús dos aproximadamente 500 comensais dos colexios CEIP da Cruz, Carlos Casares, Mallón e o propio Humberto Juanes, pois o CPI Arquitecto Palacios e o CEE de Panxón xa dispoñen de cociña propia.

“Como goberno estamos moi orgullosos deste logro, froito de anos de traballo conxunto coa comunidade educativa. Estamos investindo na saúde e o benestar dos nenos e nenas de Nigrán, e para iso precisamente estamos en política: para mellorar a calidade de vida da veciñanza”, indicou o alcalde, Juan González, quen interveu telematicamente no acto celebrado a pasada semana ao atoparse en Santo Tomé e Príncipe para o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía como presidente do Fondo Galego de Cooperación.

Menús locais e ecolóxicos

Entre as cuestión que puntuaron favorablemente para a empresa concesionaria do servizo foi o compromiso de incluír produtos de tempada en todos os menús, que un 10% sexan ecolóxicos e que máis dun 50% dos provedores sexan locais.

“A súa comida é máis saborosa, variada, equilibrada e nutricionalmente idónea, así que os nenos xa notaron o cambio para ben. A alimentación das crianzas de Nigrán non é un asunto menor, por iso levamos anos de loita ata conquistar este resultado”, indica o alcalde, quen recoñece que “a situación que había era insostible. As queixas eran fragrantes e tiñamos máis que contrastado que o menú que se elabora directamente no CEE de Panxón é dunha calidade moi superior aos dos demais colexios, e non estabamos dispostos a que se discriminase ao alumnado da ensinanza pública dentro dun mesmo municipio”.