Educación

O Duque de Edimburgo regresa a Covelo

Un grupo de estudantes de ESO e Bacharelato afronta na vila unha expedición de orientación e supervivencia

Alumnado participante na última expedición de orientación e supervivencia no Concello de Covelo.   | // D. P.

Alumnado participante na última expedición de orientación e supervivencia no Concello de Covelo. | // D. P. / l. c.

l. c.

Por segundo ano consecutivo o Concello de Covelo será o escenario e base de operacións dunha das probas do premio internacional Duke of Edinburgh convocado polo centro educativo O Castro British International School.

O Duke of Edinburgh supón unha aprendizaxe e unha proba de educación non formal que “desafía aos mozos para soñar en grande, celebrar os seus logros e marcar unha diferenza no seu mundo mediante o desenvolvemento de habilidades transferibles, o aumento dos seus niveis de condición física, o cultivo dun sentido de aventura e o voluntariado na súa comunidade. O premio axúdalles a atopar o seu propósito, paixón e lugar no mundo”, explica Nick Lewis, profesor responsable das probas.

Implantado en 129 países e territorios, permite que cada estudante deseñe o seu propio programa personalizado. Actualmente suma máis dun millón de participantes, entre eles Nacho Cano, alumno que este ano cursa 1º de bacharelato e que no pasado curso se proclamou gañador do primeiro premio Duque de Edimburgo deste colexio británico localizado en Mos.

Nacho foi o primeiro, en toda Galicia, en obter o certificado Duque de Edimburgo no nivel bronce completando satisfactoriamente as catro fases do seu proxecto: dar clases a persoas inmigrantes de Senegal, superar o reto de formación aprobando o B2 de francés en tres meses, o seu reto físico de aproximarse a nadar 100 metros nun minuto en piscina e a expedición de orientación e supervivencia que realizou xunto con outros compañeiros en Covelo.

Co obxectivo de potenciar a independencia, a confianza e a determinación dos estudantes, o premio require crear e desenvolver un proxecto que inclúa un período de servizo voluntario á comunidade, unha mellora deportiva, o desenvolvemento dunha habilidade e a correcta realización dunha expedición.

Nas paraxes do Concello de Covelo desenvolveron o pasado curso, e volverano a facer neste, os adestramentos e avaliacións da expedición. Deste xeito, no primeiro reto 26 estudantes de 1º de bacharelato e 15 de 4º de ESO armados de mapa e compás percorreron durante dous días unha ruta de 20 quilómetros divididos en grupos de 6 e 7 membros. Coa única compaña da súa mochila na que portan sacos de durmir e a súa comida deben desenvolver probas de orientación antes de chegar, cada noite, ao seu campamento base instalado en Paraños.

Nas súas andainas de supervivencia poñen a proba os coñecementos adquiridos na formación previa: navegación, primeiros auxilios, capacitación en emerxencias e traballo en equipo. “Avaliamos a súa capacidade para seguir a planificación diaria e armar de xeito independente o seu propio campamento, cociñar a súa propia comida e deixar o lugar tal e como o atoparon ao chegar”, sinala o profesor.