Tui

Unhas sesenta especies de bolboretas habitan no Monte Aloia

Presentan unha guía para divulgar as variedades destes insecto no parque natural

Visita da directora xeral de Patrimonio Natural ao Aloia.   | // FDV

Visita da directora xeral de Patrimonio Natural ao Aloia. | // FDV / l. c.

l. c.

Na actualidade están identificadas unhas 60 especies de bolboretas no parque natural Monte Aloia. Así o asegurou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, nunha visita a este espazo para presentar unha das guías informativas que publicou a Xunta de Galicia para divulgar as variedade de bolboretas máis presentes tanto no Monte Aloia como tamén nos seus homólogos de Corrubedo e Xurés.

Esta iniciativa ten como obxectivo actualizar e mellorar o coñecemento existente sobre as poboacións destes insectos en cada un deses espazos protexidos. “As bolboretas están consideradas como unha das especies que requiren unha atención especial pola súa importancia ecolóxica, xa que se trata dun dos indicadores de biodiversidade máis utilizados a nivel europeo e mundial”, aseverou a directora xeral.

De feito, para realizar esas tarefas de seguimento, a Xunta organizou tres cursos formativos a cargo de expertos da Sociedade para a Conservación e o Estudo das Bolboretas en España (Soceme), que permitiron que na actualidade exista unha rede de 30 voluntarios ambientais que participan na elaboración dos censos.

Así, en cada parque definíronse diferentes percorridos, de entre 1 e 2 quilómetros e seleccionados en base á súa representatividade, e cada 15 días os voluntarios realizan o traxecto co obxectivo de rexistrar os exemplares e especies que avisten.

750 exemplares e web

Durante unha visita ao Monte Aloia, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, a directora xeral de Patrimonio Natural explicou que, ademais dos 750 exemplares editados en galego e castelán que están á disposición da cidadanía nos centros de interpretación, estes folletos informativos tamén se poden consultar en liña nas páxinas web dos parques naturais do Monte Aloia, do complexo dunar de Corrubedo lagoas de Carregal e Vixán e Baixa Limia-Serrá do Xurés.

Segundo incidiu Do Campo, estas publicacións enmárcanse no programa de seguimento de bolboretas que vén desenvolvendo a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xunto cunha rede de voluntarios en tres dos seis parques naturais cos que conta a Comunidade.