Deporte

Mos reúne aos clubs deportivos para organizar a vindeira tempada

Congregan a un milleiro de persoas que fan uso dos cinco pavillóns

Participantes na reunión organizativa dos clubs deportivos de Mos.   | // D. P.

Participantes na reunión organizativa dos clubs deportivos de Mos. | // D. P. / l. c.

l. c.

“Reunímonos en pleno verán cos clubs deportivos que adestran nos pavillóns municipais para coordinar o funcionamento e distribución de horarios de uso dos mesmos de cara ao comezo da vindeira tempada deportiva, para continuar a prestar o mellor servizo aos deportistas mosenses”. Así xustificou a concelleira de Deporte de Mos, Feli Rodríguez, a xuntanza organizativa celebrada no multiusos das Pozas na que ademais dela e da alcaldesa Nidia Arévalo e o tenente de alcalde Camilo Grandal, acudiron representantes da maioría dos clubs deportivos de Mos.

O Concello de Mos conta con cinco pavillóns municipais, o Óscar Pereiro –dotado tamén de piscina municipal-, o Soledad Castro, o Patricia Martínez, o de Sanguiñeda e o de Atín. Neles, ademais de impartirse cursos e clases organizadas pola administración local, adestran e empregan para celebrar os seus torneos e actividades os clubs deportivos, de aí a importancia e a necesidade de reunións organizativas como esta e que ademais serviu como presentación oficial da nova concelleira da área de Deportes, Feli Rodríguez.

Segundo indican fontes municipais, os clubs deportivos mosenses congregan a uns 1.000 deportistas repartidos entre os 3 de patinaxe (as Escolas, Rosaleira e Xiramos), o Club de Tiro con Arco Archers Team, o Club de Natación Mos (Infantil e Master), os de fútbol (Alerta Sanguiñeda, UD Mos e Louro Tameiga), o Club Tenis de Mesa Mos e o Club Xadrez Mos

O pavillón Óscar Pereiro, o máis concorrido

Tan só pola pista do Pavillón Óscar Pereiro (sen contar o ximnasio nin a piscina) pasan 1.500 persoas á semana, sendo a máis concorrida das instalacións deportivas municipais. Trátanse de usuarios pertencentes aos clubs de patinaxe municipais, integrantes das Escolas deportivas de baloncesto (actividade extraescolar), adultos e cativos que practican o fútbol sala, maiores da actividade de ximnasia de mantemento do programa municipal Exercítate e alumnado do IES de Mos que acode a realizar algunhas das súas horas lectivas de clases de Educación Física, entre outros.

A rexedora local destacou “a implicación do Concello de Mos como promotor da práctica deportiva”, mentres que a edil de Deportes remarcou o apoio ao deporte base, “alicerce da actividade deportiva na localidade e futuro da mesma. Se temos un deporte base forte, activo e de calidade, o futuro deportivo de Mos será prometedor”

En Mos proliferan, practícanse e hai campións e campioas dos deportes máis diversos, desde o chamado deporte rei ata os máis exóticos como a capoeira. Mos conta con campións das disciplinas deportivas máis variadas.