Festas

Desfile e música hoxe no Entroido de Verán da Cañiza

O concurso de disfraces reparte 1500 euros en premios

Participantes no pasado Entroido de Verán da Cañiza.   | // A. G.

Participantes no pasado Entroido de Verán da Cañiza. | // A. G. / l. c.

l. c.

A Cañiza únese á moda dos entroidos de verán. Así, celebran neste 2023 a segunda edición no día de hoxe ao longo de toda a xornada cunha programación festiva adaptada a todos os públicos, cuxo epicentro é a Praza Maior da capital da Paradanta.

Tralo éxito da primeira edición, coa participación de preto dun milleiro de persoas, o Clube Balonmán Cañiza, a Asociación de Comerciantes, Asociación Redecría, a hostalería e o Concello da Cañiza colaboran e traballan en conxunto para celebrar hoxe o II Entroido de Verán da Cañiza.

Ás 12.00 horas terá lugar a lectura do pregón co que se iniciará, de xeito oficial, esta xornada de troula. Nesta ocasión o pregón servirá para “render unha pequena homenaxe a José Castro, ilustre deseñador de moda e veciño cañicense que tristemente nos abandonou o pasado mes de xuño”, sinalan dende a organización.

A Charanga SDK será a encargada de poñer a nota musical e festiva na sesión vermú percorrendo as rúas do centro da vila. De xeito paralelo, habilítase unha zona infantil para os máis pequenos con inchable, pintacaras, xogos e obradoiros.

Logo de desfrutar do xantar desgustando a gastronomía local nos restaurantes da vila, ao serán chegará o acto central, o gran desfile do Entroido de Verán. Será a partir das 19.00 horas e con el celebrarase tamén o concurso de disfraces no cal se repartirán premios valorados en 1500 euros para as categorías individual e comparsa.

Para pechar a festa, xa á noite, haberá sesión de música dj na Praza Maior coa presenza de Diego Mei, Khris Guez e Gabryd que farán vibrar, saltar e bailar ao público asistente.