Salvaterra

Verónica Codesal e Carlos Núñez abren o Verán Cultural

Actuarán no recinto amurallado o 28 e 29 de xullo y En agosto, o 5 será O Son da Muralla e o 12 Imos de Guateque

l. c.

Verónica Codesal, Carlos Núñez, A Roda e La Patrulla serán algúns dos artistas que actuarán no recinto amurallado de Salvaterra de Miño dentro da programación do Verán Cultural.

Se fai unha semanas abríase o prazo para presentar as ofertas para a instalación e postos de comida e bebidas nestes meses de lecer, agora o Concello dá a coñecer o cartel co que non só atraerá á veciñanza senón a moitas persoas doutros concellos, tamén portugueses, que se achegarán á localidade fronteiriza para desfrutar das noites musicais e da Festa do Viño do Condado do Tea.

A cantante belga-galega Verónica Codesal abrirá a programación o vindeiro venres, día 28 de xullo, cun concerto ás 22.30 horas. A artista foi a primeira galega en participar en Eurovisión representando a Bélxica, foi no ano 2003 e quedara en segunda posición. Posúe nove discos como integrante dos grupos Ialma e Urban Trad e agora presenta en solitario, por primeira vez en Galicia, o seu proxecto propio “100 Voltas” xunto aos músicos Didier Laloy co acordeón diatónico, Damien Chierici ao violín e Boris Tchango coa percusión e batería.

Na xornada seguinte, o sábado 29, será Carlos Núñez quen se suba ao escenario, a partir das 21.00 horas, e o mes rematará cun dos xa clásicos do Verán Cultural de Salvaterra, o festival O Mundo a Danzar, que se celebrará o luns 31, ás 22.30 horas.

En agosto manteranse as citas máis multitudinarias. Un dos festivais de música dj ao aire libre máis grande de Galicia e Norte de Portugal, O Son da Muralla terá lugar o sábado día 5 a partir das 23.00 horas. Ao sábado seguinte, o 12, a partir das 22.00 horas, Salvaterra irá de Guateque e xa a última fin de semana, do 25 ao 27 de agosto, a vila acollerá a sesenta e catro edición da Festa do Viño do Condado do Tea, na que ademais do Túnel do Viño, as catas e degustacións, tampouco faltará a música, a outra gran protagonista, con concertos de Lucky Duckies e A Roda (o venres 25), Son de Seu e Fanfarria Taquicardia (o sábado 26) e O Fiadeiro e La Patrulla (o domingo 27).

Toda esta programación complétase con outras actividades nas que destacan as dirixidas ao público infantil que de desenvolverán ao longo de todo o verán.