Nigrán

Máis de 400 nadadores compiten en Praia América

Será mañá na XIII Costa Serena y Establécense tres percorridos: 4000, 2700 e 800 metros

Presentación no Club Marítimo de Panxón .   | // FDV

Presentación no Club Marítimo de Panxón . | // FDV / l. c.

l. c.

A décimo terceira edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán reunirá mañá domingo a máis de 400 nadadores entre os cinco percorridos que se disputarán en Praia América. A proba consolídase como a travesía a nado popular con maior participación de Galicia, contando coa presenza de nadadores de outras cinco comunidades autónomas (Madrid, Cataluña, Castela e León, Asturias e País Vasco) e tamén chegados de Portugal e Brasil, con idades comprendidas entre os 5 e os 79 anos. Outro dato a destacar é a participación feminina, que representa máis do 30% do total.

O percorrido longo consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con inicio na canle principal de saída e entrada das embarcacións de Praia América e chegada á altura do posto de Protección Civil de Panxón. Os participantes deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara a costa polo lado sur da praia e recorrer os últimos 1.000 metros en paralelo ao areal.

O percorrido de 2,7 km terá o mesmo punto de saída. Consistirá en ir ata o faro de Cabezo de San Juan, bordealo e regresar ao punto de meta polo lado dereito.

A proba de 800 metros disputarase en paralelo á costa e a saída e a chegada estarán situadas no mesmo punto que nos outros dous percorridos máis longos.

A competición de 4.000 metros comezará ás 11.30 horas, a de 2.700 metros ás 11.50 horas e a de 800 metros ás 12.00 horas.

Nos tres percorridos entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina, e nas distancias de 4.000 e 2.700 metros tamén aos tres primeiros/as que naden sen neopreno. Na proba reina repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados/as das 12 categorías, establecidas por idades. Ademais entregaranse premios especiais ao primeiro/ra nigranés e nigranesa, ao máis novo e ao de maior idade.

Infantil

A maiores celebraranse dous percorridos de curta distancia de carácter non competitivo para nenos de entre 5 e 13 anos, moi preto da costa. Por unha banda, ás 13.00 horas iniciarase o percorrido de 50 metros para cativada de 5 a 8 anos e ás 13.30 horas a de 150 metros para os participantes de 9 a 13 anos. Todos eles recibirán unha medalla.