Eurocidade

15 probas no calendario deportivo Tui-Valença

O Trail do Aloia foi a primeira, á que seguirá o TT Eurocidade de Motos o vindeiro sábado, 4 de marzo

Participantes no Trail do Aloia.   | // FDV

Participantes no Trail do Aloia. | // FDV / l. c.

l. c.

A Eurocidade Tui-Valença presentou o Calendario Deportivo da Eurocidade 2023 cun total de quince probas deportivas de múltiples disciplinas que se celebrarán ao longo deste ano e grazas a colaboración dos dous municipios transfronteirizos.

O Trail do Aloia, no que participaron máis de 450 atletas, foi a primeira das citas, unha proba clásica que serviu tamén de inicio para a Pontevedra Trail League. Borja Varela e Alicia Borrego foron os vencedores absolutos e Eloy Martínez e María Martínez ganaron o minitrail de 10 quilómetros.

Para o mes de marzo están programados tres eventos deportivos. O vindeiro sábado día 4 o TT Eurocidade de Motos, o domingo 12 a décima edición da Eurocidade BTT que organiza a Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas e o 25 o TT Eurocidade Jeeps.

Amais, con frecuencia mensual, haberá unha andaina dentro do Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade, serán un Tui e outro en Valença. Comezarán en abril polas Festas de San Telmo e logo haberá percorridos por Sanfíns, Ribadelouro, o Cerdal, polo centro histórico de Tui, por Friestas, pola Macoca e por Fontoura.

En abril o deporte será o baloncesto, co Torneo Mini de Basquet Eurocidade que terá lugar o 1 e 2 en Valença.

Coa chegada do verán, e xa en xuño, terá lugar a Rampa do Monte do Faro e o Campionato de Kung Fu Eurocidade. En xullo o protagonismo será para o judo co Torneo Eurocidade o 8 e 9.

Co inicio de setembro, Tui e Valença vivirán tres xornadas de hóckey, un novo Torneo Internacional de Basquet, a Regata de Remo Eurocidade e, aínda con data por determinar en setembro e outubro, o Torneo de Tenis da Eurocidade. En novembro haberá dous eventos deportivos: primeiro o Torneo de Baile Deportivo e a Urban Trail Night o día 26.

A presentación e detalle de todas estas citas deportivas tivo lugar fai uns días no salón de plenos da Casa do Concello de Tui coa presenza do alcalde, Enrique Cabaleiro; o presidente da Cámara Municipal de Valença, José Manuel Carpinteira; os concelleiros de Deportes de Tui e Valença, Rafael Estévez e Arlindo Sousa, respectivamente, acompañados por representantes das distintas asociacións deportivas e empresas organizadoras dos eventos deportivos.

Carácter transfronteirizo

Neste senso, o rexedor tudense destacou o seu agradecemento aos implicados na organización de todas as probas que conforman un calendario deportivo que cualificou de único na Europa occidental polo seu carácter transfronteirizo. Asemade, destacaba Cabaleiro o firme compromiso da Eurocidade por apostar polo deporte, “un ámbito importante na vida e desenvolvemento das persoas”.

Por parte de Valença, o seu presidente, José Manuel Carpinteira, animou a seguir traballando polo deporte da Eurocidade e tamén a gozar dun calendario único e moi completo. Falaba tamén de que “o deporte comulga con todos os valores da Eurocidade: unión e cooperación”.

Pola súa banda, tanto o concelleiro de Deportes de Tui, coma o seu homólogo en Valença, agradeceron o traballo e a colaboración de clubs, institucións e empresas colaboradoras para levar a cabo, un ano máis, un calendario completo, con 15 eventos deportivos que abranguen a práctica totalidade de meses deste 2023.