Lecer

Salvaterra inicia o Nadal cunha San Silvestre conxunta desde Monçao

Cinema infantil, concertos e visita de Papá Noel, o Apalpador e os Reis Magos

Salvaterra e Monçao comparten hoxe San Silvestre.   | // D.P.

Salvaterra e Monçao comparten hoxe San Silvestre. | // D.P. / v.p.

v.p.

Un ano máis o Concello de Salvaterra de Miño ten preparada unha ampla programación para estas festas de Nadal, que se centrarán como é tradición, especialmente, nos máis cativos da casa.

Esta tarde celébrase a San Silvestre Eurocidade. A proba infantil terá lugar ás 20.00 en Monçao cun percorrido de dúas voltas á Praza Deu-La-Deu. De seguido dará comezo ás 20.30 horas a proba senior, con saída dende Monçao (Praza Deu-La-Deu), e con chegada á Praza do Concello de Salvaterra.

Ao remate das probas, haberá unha chocolatada para todos os asistentes na Praza do Concello de Salvaterra de Miño para que poidan recuperar forzas.

Cómpre lembrar que para participar cada persoa soamente ten a condición de aportar un produto non perecedoiro para o Banco de alimentos, pode ser comida ou produtos de limpeza ou hixena.

Mañá domingo será o Concerto de Nadal do Coro Lacedurium no salón da casa de cultura de Salvaterra. O xoves, 22 de decembro, ás 17.30 horas, proxectarase a película de cine infantil “Klara e o Nadal na Granxa”.

O vindeiro venres, 23 de decembro, comezará o campamento de conciliación con opción de aula matinal para todos aqueles que o necesiten.

Ese mesmo venres, véspera de Noiteboa, será o Festival de Nadal da A.C. Pontenova, no Salón da Casa de Cultura de Salvaterra.

O sábado 24 de decembro, todos os nenos e nenas poderán falar con Papá Noel na Praza do Concello.

O luns 26 de decembro Salvaterra de Miño terá a visita do Apalpador na Praza do Concello, a través do programa Nadal en Galego da Deputación Provincial.

Avanzada a derradeira semana do ano, o xoves 29 de decembro, ás 18.30 horas, actuación do Coliño Baiolongo no salón da Casa de Cultura de Salvaterra.

A música continuará o venres, 30 de decembro, co concerto de nadal da Banda de Música de Salvaterra de Miño, no salón da casa de cultura.

Salvaterra terá máis propostas de cine o martes, 3 de xaneiro, coa proxección da película “A Patrulla Canina”, ás 17.30 horas, en la casa de cultura de Salvaterra.

A programación de Nadal pecharase este xa iniciado 2023 coa tradicional Cabalgata de Reis, que entrará, ás 16.00 horas, en Salvaterra de Miño a través da Ponte Internacional como é costume.

Cambio horario nas Termas

Nestes próximos días, nos que moitas veciñas e veciños terán vacacións e tamén o municipio recibirá a numerosos visitantes, o Concello da Salvaterra de Miño informa do novo horario que terá o Espazo Lúdico Terman de Teáns, con motivo das festas de Nadal.

O vindeiro sábado, 24 de decembro, estas instalacións soamente abrirán pola mañá, de 10.00 a 13.00 horas. O domingo estarán pechadas. O mesmo acontecerá a seguinte fin de semana; o sábado 31 de decembro, de 10.00 a 13.00 horas; e o domingo, 1 de xaneiro, estará pechada. Tamén o xoves, 5 de xaneiro, abrirán en horario de mañá de 10.00 a 13.00 horas e o domingo, 6 de xaneiro, non abrirá.

Este recinto termal está indicado para maiores de 10 anos e ata os 15 anos deberán estar acompañados dun adulto.