Comercio

Tui divulgará a arte de tecer na Praza da Inmaculada

Xornada de Yarn Bombing, o sábado 11 de xuño, con almorzo, creacións, proxectos e trucos

Presentación das actividades en Tui.   | // FDV

Presentación das actividades en Tui. | // FDV / V.P.

V.P.

A praza da Inmaculada de Tui será o escenario, o vindeiro sábado 11 de xuño, da celebración do Día Internacional de Tecer en Público. Ao longo de todo este mes haberá actividades organizadas por Cucapuntoes e M y R Abalorios, coa colaboración do Concello de Tui e de TejeTui, contando coa participación das mercerías locais Elia, Fiadeiras e Ideas.

Con motivo desta celebración realizarán unha Yarn Bombing, na praza da Inmaculada, que decorarán con tecidos feitos a man. Serán elaborados previamente en Tejejuntas os mércores de 18.30 a 20.30 horas, en Abalorios M Y R, onde confeccionarán bandeiríns, e na comunidade TejeTui , onde realizarán unha creatividade con grannies para adornar a praza.

O vindeiro sábado, 11 de xuño, Día Internacional de Tecer en Público, o programa previsto comeza ás 10.30 horas cun almorzo en Ideas Peregrinas. A partir das 12.00 horas, na Praza da Inmaculada decorada para a ocasión co Yarn Bombing, e durante toda a xornada, as persoas participantes tecerán, compartirán proxectos e trucos. Descansarán entre ás 14.00 e as 16.30 horas para xantar en Tapas e Viños. Coma remate ás 19.00 horas, realizarase un sorteo entre todas as persoas participantes no evento, e todas as que compartan fotografías en redes sociais coa etiqueta #tejemaratontui.

Durante toda a xornada na praza haberá unha exposición dos traballos de fin de curso dos distintos obradoiros.

Nos obradoiros, no almorzo e no xantar do día 11 poderán participar todas as persoas interesadas previa inscrición en tejemaratontui@gmail.com ou no taller Cucapuntoes na rúa Compostela 4.

En engadido, cada sábado de xuño dende ás 11.00 horas haberá obradoiros gratuítos. Hoxe será un obradoiro de “Coleteiro” con material cedido por M y R Abalorios, o sábado 18, no Liceo Casino, confeccionarán un bolso hippie, e o sábado 25 realizarán unha funda para levar unha botella de auga no parque do Penedo.

Durante este mes todas as persoas que realicen unha compra mínima de 5 euros nas mercerías locais entrarán no sorteo dunha cesta de produtos cedidos polas propias mercerías e dun moneco amigurimi tecido por Cucapuntoes que se realizará o 4 de xullo na Radio Municipal de Tui.