8M

Os referentes icónicos das galegas do século XXI

María Xosé Queizán, Chis Oliveira, Chus Pato, Fillas de Cassandra e Ana Ulla destacan quen as influíu no feminismo: Beauvoir, Hipatia, Woolf, Duras, Lessing, Luce Irigaray ou a guerrilla WITCH

María Xosé Queixán, Chis Oliveira, Chus Pato, Ana Ulla e Fillas de Cassandra

María Xosé Queixán, Chis Oliveira, Chus Pato, Ana Ulla e Fillas de Cassandra / FDV

Mar Mato

Mar Mato

W.I.T.C.H foi un fenómeno da guerrilla feminista que botou man da ‘bruxería’ para a liberación da muller nas súas accións. De 1968 a 1970, repartiron panfletos con “Somos bruxas, somos mulleres. Somos liberación” cun pouso que asentou no futuro en xente como Sara Faro, de Fillas de Cassandra. As Guerrilla Girls, colectivo artístico dos 80, tamén marcou a feminista e filósofa Chis Oliveira. Elas e outras referentes galegas falan das mulleres feministas que as influíron

Unha das primeiras obras coa mensaxe feminista que conmocionou á filósofa e educadora Chis Oliveira foi Casa de bonecas de Henrik Ibsen. Considerada como a primeira obra de teatro feminista, foi escrita a finais do século XIX sobre o avogado Torvaldo e a súa esposa Nora. “Ela aparece como unha muller importante, como ser humano, non como nai ou esposa”, explica Oliveira.

A escritora lembra as filósofas gregas da antigüidade como Aspasia, unha intelectual muller casada con Pericles; Hipatia de Alexandría–científica, matemática e filósofa ademais de mestra e escritora acusada de meiga polos defensores do cristianismo– ou Diotima de Mantinea –da que sinalan que foi unha filósofa cuxas ideas son a orixe do concepto do amor platónico–.

“Foron mulleres que me causaron un grande impacto porque a filosofía era un campo de homes pero eu funas atopando e sorprendéronme pola pegada que deixaron”, apunta Chis. “Funme cuestionando como non aparecían estas mulleres” nos libros de texto, reflexiona.

As viaxes, que tanto alimentan o espírito, supuxeron tamén para Chis Oliveira a descuberta de feministas doutras latitudes. No seu caso, no 1986, puxo rumbo a New York soa onde deu con Patti Smith ou o punk feminista e reivindicativo.

No caso das lecturas, destaca o libro de Virgina Woolf Un cuarto propio, que foi o primeiro que leu dela, así como obras de María Zambrano.

O cinema tamén deixou pegada feminista en Oliveira, especialmente o filme “Mullerciñas” de Mervyn LeRoy, na versión de 1949; así como a longametraxe “Cuerno de cabra”, dos anos 70. “É unha peli brutal dunha nena da montaña en Bulgaria. Os turcos entran na súa casa e violan a nai diante dela. O seu pai vaina educar como un neno para preparar a vinganza da nai. O corno era como un puñal afiado”, recorda a pensadora que tamén destaca “Thelma e Louise” “coa rebelión contra as normas da sociedade patriarcal polo papel de Susan Sarandon ou “Perseguindo a Amy” que “axuda a cuestionar o amor e a amizade co tema da orientación sexual presente”.

Na escaleira da andaina feminista de Oliveira, a pensadora viguesa tamén se fixa en políticas como Carmen Alborch, Cristina Almeida ou Clara Campoamor ademais da filósofa Simone de Beauvoir. “Non era nada coñecida daquela. Simplemente, que era a muller de Sartre”, sinala.

Beauvoir tamén marcou a María Xosé Queizán quen se autorrecoñece como “unha avanzada no feminismo en Galicia”. “Descubriuna cando ao mellor tiña 19 anos ou 20. Eu vivira en París e lía en francés, estaba moi relacionada coa literatura e cultura francesa. Simone de Beauvoir era unha muller dunha gran cultura, tiña un feminismo moi amplo e profundo”, apunta.

Precisamente, o seu ideario, os seus coñecementos, as súas novelas e o seu traballo en proxectos como “Festa da palabra silenciada” fixeron de Queizán tamén un referente para xente como a poeta Chus Pato.

“Queizán foi moi importante. Hai que citala”, resalta Pato quen critica “o vacío que lle fixo o mundo literario” polas súas ideas. “Debía estar na Real Academia Galega (RAG)”, defende.

Chus Pato confesa que “chegou tarde ao feminismo e que naquela altura o feminismo de Beauvoir resultábame restrictivo pola miña personalidade”, de aí que aínda que recoñeza a importancia de Simone, destaque outros tres referentes máis: Hélène Cixous, Luce Irigaray e Donna Haraway.

“As feministas da diferenza abríronme un campo moi amplo. O feminismo de Beauvoir, da igualdade, foi para min liberador, abriume a mente; pero parecíame que pertencía a outra época de fe cega na razón. Non hai que entender isto como unha crítica contra ela. Aos meus 27 anos, caeume nas mans Speculum de Luce Irigaray. Eu vivín ata os 25 anos no franquismo; marcoume moito. A relación co corpo e coa sexualidade foi con ese libro”, sinala a escritora galega.

Para comprender os seus referentes hai que pararse tamén na súa biografía e entender que para Pato “o feminismo é unha praxis persoal, non unha ética persoal”.

“Eu –sinala– veño da militancia nun partido clandestino antifranquista (naquela altura), a UPG, a Unión do Povo Galego. Era unha estrutura masculina entón, agora avanzaron moito as cousas no nacionalismo. A miña xeración tivo a revolución sexual e o sexo como bandeiras pero moitas veces as relacións cos rapaces eran unha frustración continua porque se entendía a revolución sexual desde un punto de vista machista ás veces. Tiven que liberarme da culpa que inculcara a relixión católica”.

Con Luce Irigaray abríuseme un mundo tremendo: o feminismo da diferenza, a vaxina e a pel como centro do pracer do corpo; con Speculum entendín que tiña clítoris”, aclara.

Pato tamén destaca as novelas de Marguerite Duras e Doris Lessing con O caderno dourado que “liamos como se fora a Biblia”. En canto a Donna Haraway, ressalta que é unha bióloga importante. “Ten un libro moi importante, O manifesto cíborg. Está moi vixente agora”, engade.

Quen tamén se fixa en autoras científicas é a astrofísica Ana Ulla que subliña como referente seu a Caroline Herschel. “O seu irmán é moi coñecido polo telescopio que hai na Palma e os seus descubrimentos. Ela pasou desapercibida pola historia que a lembra como a súa asistente cando realmente era astrónoma. Ela chegou a ser astrónoma real, con salario ordeado polo monarca inglés, descubriu cousas por si mesma como cometas que levan o seu nome”, explica.

Ulla tamén resalta o libro Científicas, de Jorge Bolívar. “Foi premio Prismas da Casa das Ciencias de A Coruña. Presenta moitas científicas de diferentes campos incluída Hipatia, Marie Curie, Margarita Salas... Fíxome pensar na determinación tan enorme destas mulleres para sacar adiante as súas carreiras malia as barreiras por ser mulleres. Tiñan atrancos extras e iso non é xusto”, apunta.

Da xeración máis nova, falamos coas integrantes de Fillas de Cassandra que fan reflexionar sobre o feminismo e a muller reinterpretando os mitos clásicos nas cancións do seu primeiro álbum, “Acrópole”, todo un referente feminista nestes últimos anos.

María Soa, lembra un xiro na súa mente cara as posibilidades das mulleres con Ella baila sola. Na miña infancia escoitaba cos meus pais os seus temas unha e outra vez. Para min era fascinante que fixeran harmonías vocais a dúas voces iguais unha da outra, acostumada a escoitar dúos como Simon & Garfunkel e outros moitos de homes. Elas foron unha referencia para o que canto hoxe en dia”, expresa. Tamén resalta como referente á pianista Alicia de Larrocha, pianista, que súa nai lle puxo de exemplo para interpretar aos teclados.

Pola súa parte, Sara Faro, destaca “referentes no eido da literatura e o activismo” como a arxentina Rita Laura Segato “pola lucidez desgarradora do seu ensaio La guerra contra las mujeres pero tamén o grupo de guerrilla feminista W.I.T.C.H, “absoluta inspiración nas accións de rúa atravesadas por unha visión artística”.

Sara tamén se fixa na “canaria Andrea Abreu e o seu libro Panza de burro, por confirmarme que existen lugares (reais a figurados) das vivencias e intimidade das mulleres nos que só as mulleres poden entrar, para desentrañalas con honestidade e sen prexuízos, facendo patente a necesidade de que sexamos nós mesmas as que nos narremos”.

Suscríbete para seguir leyendo