“Esta vila transita polas miñas veas”

Fina Casalderrey converte a presentación da mostra “Medrando entre historias”, que percorre o seu periplo vital e literario, nunha declaración de amor á súa cidade

Numerosos amigos, lectores e veciños asistiron esta mañá á apertura da exposición, que se exhibe na praza de Ourense.

Numerosos amigos, lectores e veciños asistiron esta mañá á apertura da exposición, que se exhibe na praza de Ourense. / Gustavo Santos

“Esta vila transita polas miñas veas”, confesou este xoves Fina Casalderrey na inauguración da exposición “Medrando entre historias” que dende esta mañá pódese visitar na praza de Ourense de Pontevedra e que homenaxea e relata a historia da escritora pontevedresa máis recoñecida internacionalmente. Esta fixo da presentación da mostra unha declaración de amor á súa cidade, onde “as pedras teñen alma” e onde “todas as cousas que se fan fanche cóxegas por dentro”.

Estruturada en 20 paneis explicativos, escrita por María Lado e ilustrada por Nove Noel, a mostra convida a afondar no percorrido vital e literario da que este ano é candidata ao premio Memorial Astrid Lindgren e ao galardón Hans Christian Andersen, coñecido coma o Nobel da Literatura Infantil.

María Lado encabezou a primeira visita guiada a "Fina Casalderrey. Medrando entre historias", que poderá visitarse ata o vindeiro 20 de maio.

María Lado encabezou a primeira visita guiada a "Fina Casalderrey. Medrando entre historias", que poderá visitarse ata o vindeiro 20 de maio. / Gustavo Santos

Só un español, José María Sánchez- Silva en 1968 coa obra “Marcelino pan y vino”, recibiu Hans Christian Andersen; e o Astrid Lindgren nunca recaeu nun autor do estado. Lembrouno Fina Casalderrey para expresar que “estar dende Galicia como abandeirada do estado e escribindo en galego é un avance importante para a nosa lingua”.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o seu homólogo na Real Academia Galega, Victor F. Freixanes, foron algúns dos numerosos amigos, lectores e veciños que acompañaron á homenaxeada na apertura da mostra. María Lado exerceu de guía na visita inaugural e en adiante “Fina Casalderrey. Medrando entre historias” poderá visitarse ata o vindeiro 20 de maio.

A escritora quixo compartir o recoñecemento con todos os asistentes e tamén con impulsores de proxectos coma o Salón do Libro. Asemade, estendeu o homenaxe a “todos os que escriben en galego e están facendo chegar lonxe a nosa literatura”, seguindo o camiño iniciado por Xosé Neira Vilas con “Memorias dun neno labrego”, traducido a máis de 60 línguas.

O alcalde, Miguel Fernández Lores, Fina Casalderrey, o presidente de Gálix, David Cortizo, e María Lado, autora dos textos da mostra.

O alcalde, Miguel Fernández Lores, Fina Casalderrey, o presidente de Gálix, David Cortizo, e María Lado, autora dos textos da mostra. / Gustavo Santos

“Él abriu a silveira para que a nós non nos rabuñe tanto”, lembrou, e hoxe son moitos os autores que continúan o seu traballo. “Algún día”, expresou convencida, “non só seremos candidatos, algún día chegará”.

Tamén expresou o seu desexo de que ogallá o cada vez maior recoñecemento colectivo da nosa literatura anime a máis persoas “a falar a nosa lingua” e lembrou que “perfectos non falamos ningún” o galego. “Benditos os neofalantes que o falan convencidos”, gabou con gratitude.

Expresou o seu desexo de que ogallá o cada vez maior recoñecemento colectivo da nosa literatura anime a máis persoas “a falar a nosa lingua” e lembrou que “perfectos non falamos ningún” o galego. “Benditos os neofalantes que o falan convencidos”, gabou con gratitude

A exposición foi promovida pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). O seu presidente, David Cortizo, agradeceu que fose unha iniciativa do Concello. “É a primeira vez que vexo unha cidade que lle rende este homenaxe a unha escritora”, apuntou antes de sinalar que leva “máis de 30 anos lendo os libros” de Fina Casalderrey e a ilusión que lle supuxo que “unha profesora de Xeve gañase o Nacional de Literatura”.

Éste é un dos máis de 30 premios que ten recibido a escritora da Boa Vila, como suliñou o alcalde, Miguel Fernández Lores. Éste referiuse a que comparte coa homenaxeada “o amor polo país, pola nosa cultura e a lingua” e o convencemento de que “dende Galicia podemos ser universais e referentes no mundo. Como galegos podemos estar en calquera sitio”.

Suscríbete para seguir leyendo