Unha mostra para honrar a Fina Casalderrey

Instalarese este abril na Praza da Ferraría para recoñecer a carreira da escritora

Fina Casalderrey xunto a un monolito na súa honra.   | // G.S.

Fina Casalderrey xunto a un monolito na súa honra. | // G.S. / F.M.

F.M.

Unha exposición situada na Praza da Ferraría de Pontevedra recoñecerá a carreira da escritora Fina Casalderrey. O Concello e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil inaugurarán este vindeiro mes de abril a mostra, que pretende ser unha homenaxe á autora, e ao memo tempo celebrar a súa candidatura a dous importante galardóns: o premio Memorial Astrid Lindgren 2024 e o premio Hans Christian Andersen 2024, coñecido este último como o Nobel da Literatura Infantil.

Os organizadores lembran que o premio Hans Christian Anderse é o máis alto recoñecemento internacional que se concede a un autor vivo, organizado polo IBBY dende o ano 1956 co patrocinio da raíña Margarida II de Dinamarca. Esta é a terceira vez que Fina Casalderrey opta ao galardón, após as iniciativas da OEPLI en 2009 e de GALIX en 2011.

Vida da escritora

A través dos 20 paneis que compoñen a mostra, a cidadanía poderá coñecer máis sobre a vida da escritora, contada a través de anécdotas e declaracións que ela mesma ofreceu en diferentes medios ao longo de todos estes anos.

Tamén poderán achegarse a algunhas das súas obras, escollidas entre as máis de sesenta que editou até o de agora.

Fina Casalderrey é un referente da literatura galega contemporánea, non só pola súa dedicación á literatura infantil e xuvenil, senón tamén polos seus traballo noutros xéneros e a súa implicación como mestra, oficio ao que dedicou 40 anos da súa vida.

A exposición, escrita por María Lado e ilustrada por Nove Noel, leva por título “Fina Casalderrey: medrando entre historias” e destaca os fitos da súa traxectoria sen perder de vista a humanidade e cariño co que Fina recibe a quen se achega a ela.

Dende GALIX consideran esta homenaxe necesaria un xesto de agradecemento por todas as historias que saíron na súa man e que engaiolan a varias xeracións de lectoras e lectores, ao tempo que fan medrar a nosa literatura.

A exposición ten prevista a súa inauguración o vindeiro día 18 de abril, cun acto onde estará presente a escritoria do Lérez. A exposición estará dispoñíbel para a súa visita ao longo de todo o mes de abril e parte de maio.