O Teatro, fonte de coñecemento e pracer

Hoxe conmemórase o Día Mundial do Teatro, unha data instaurada en 1961

Unha representación de teatro afeccionado no Auditorio de Cangas.

Unha representación de teatro afeccionado no Auditorio de Cangas. / Gonzalo Núñez

Antón Lamapereira*

O Día Mundial do Teatro celébrase o 27 de marzo de cada ano e foi creado polo Instituto Internacional do Teatro en 1961. O seu principal obxectivo é dar a coñecer o que representa o teatro para a cultura e para a paz a nivel planetario.

É pois unha boa ocasión para escribir sobre teatro e eu vou aproveitala para, desde unha perspectiva persoal, contar brevemente o que significou, e significa aínda hoxe, o teatro na miña vida.

Ao comezo dos anos 70 do pasado século, un dos meus primeiros traballos foi o de educador no internado dun centro educativo de A Coruña que por esa época denominábase Universidade Laboral.

En este centro había programados obradoiros de fotografía, de pintura, club de prensa, cine e teatro que se lle ofertaban ao alumnado interno para ocupar o seu tempo libre.

E eu, non lembro moi ben o motivo, escollín o obradoiro de teatro. Para aprender algo sobre esta arte, matriculeime nun curso organizado polo Teatro Circo e desde ese momento as sesións de traballo impartidas por Manuel Lourenzo, Agustín Vega, Xoán Guisán e moi especialmente as de Pepe Estruch- aínda non esquecín aqueles exercicios corais de As Troianas de Eurípides! – alentaron a miña afección polo teatro. Até hoxe, cincuenta anos despois.

Entrei a formar parte de Teatro Circo, o grupo independente coruñés, máis tarde reconvertido en Escola Dramática Galega, e como profesor de ensino secundario, en todos os institutos nos que traballei: Ferrol, Cee, A Guía de Vigo, María Soliño e Rodeira de Cangas sempre animei ao alumnado para que formasen un grupo de teatro.

Porqué o teatro é tan importante na miña vida? Pois aprendín que o teatro é un xogo. E xogando a ser outro, interpretando personaxes e “vivindo” diferentes situacións, descubrín o meu corpo e as posibilidades de expresión que eu descoñecía. Coa voz, co xesto, coa ollada...

Xogando , eu podo ser unha árbore, unha árbore movida polo vento, un xinete, un taxista, un banqueiro, un...

No xogo dramático o individuo esquece o real, nega a actividade seria, desaparecen as normas que premen as súas actividades cotiás. Mais ao mesmo tempo elabora regras que debe respectar se non quere pecharse nunha actividade aburrida, parva e repetitiva.

Estas dúas características do xogo non se suceden no tempo, é necesario que coexistan para que o xogo poida desenvolverse.

Ademais de aprender a coñecerme mellor, a comprender outras situacións, ser tolerante e dialogar- o teatro é diálogo- o teatro tamén me permitiu o encontro e a interacción nun clima lúdico con outras persoas. Velaquí os grupos que agora comparto: Avelaiña de Pontevedra e Teatro Aberto de Cangas.

Desde a miña experiencia co alumnado podo concluír que o teatro é fundamental na formación integral da súa personalidade. Elas e eles o manifestan en diversos cuestionarios que recollín ao longo destes anos. Facendo teatro, se divirten, superan a súa timidez, se encontran e collen confianza cos seus compañeiros, aprenden a expresar os seus sentimentos e a comprender os alleos, procuran novas sensacións...

Mágoa que a pesares destes valores o teatro sexa esquecido ou sufra o menosprezo dentro das aulas.

Mais o que aquí interesa non é a miña historia co teatro. Quixen contala polo valor que sempre ten a experiencia. O importante neste día de celebración mundial é saber que para vivir o teatro como fonte de coñecemento e pracer non é necesario ser un actor ou actriz profesional. Só é preciso ter o desexo de xogar a ser outro.

E aquí no Morrazo hai posibilidades de poder realizar ese devezo: integrándose nalgún dos grupos de teatro amador, matriculándose na Escola de Teatro ou participando nalgún dos cursos que se convocan ocasionalmente.

Polo demais tamén hai moitas ocasións nas que se pode ser público aprendendo e desfrutando ao “mirar como xogan a ser outros!” as actrices e actores que pisan o escenario do Auditorio Municipal na programación profesional, na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (MITCFC)) ou tamén, a nivel afeccionado, no Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo (CITEAMOR) ou na Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO)

Ah! e como o teatro tamén se le, é moi recomendable visitar o Fondo Teatral María Casares (FTMC) da Biblioteca Central e imaxinar personaxes, en situacións cómicas, dramáticas, absurdas...

No Manifesto do Teatro Galego, co gallo do Día Mundial do Teatro, a actriz Vero Rio escribe: O teatro é vida, é rebeldía, alegría e tamén salvavidas.

E quen puxo os pés nas táboas ou arredor delas, sábeo. E neste día de festa estará ben bailar a vida nun instante.

*Membro fundador da Revista Galega de Teatro (Erregueté) e director de teatro afeccionado

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS