Entrevista | Suso de Toro Escritor e autor de “Descubrindo Ana Pontón”

“A xente ve en Ana Pontón a alguén como calquera de nós; podería protagonizar perfectamente o anuncio do Gadis”

O premiado autor estará hoxe en Bueu xunto a voceira do BNG para presentar a súa biografía

Ana Pontón e Suso de Toro, nunha presentación do libro.

Ana Pontón e Suso de Toro, nunha presentación do libro. / Xoán Álvarez

O escritor Suso de Toro vén de publicar un novo libro. Esta vez non é dentro do xénero literario da narrativa que lle valeu recoñecementos como o Premio Nacional en 2003 por “Trece badaladas”. O autor volta ao terreo da política cun libro titulado “Descubrindo Ana Pontón”, unha biografía sobre a voceira nacional do BNG e candidata á Xunta de Galicia. Hoxe estarán os dous no Centro Social do Mar de Bueu, ás 19.30 horas nun acto organizado pola Librería Miranda. O volume acaba de ser publicado por Edicións Xerais.

–Como se plantexou abordar este libro sobre Ana Pontón?

–O meu modo de estar na sociedade é actuar a través da palabra escrita. Considero que Ana Pontón encarna unha esperanza para o meu país e fago unha aposta por ela, que supón tentar coñecela a nivel político e persoal. Ao principio ela tivo dúbidas, o que é natural, e unha vez que aceptou comecei a seguila, a entrevistala, a falar con xente...Nestes casos fago unha aposta na que corro un risco porque pode pasar que ao final te atopes cunha persoa sen consistencia ou sen un fondo político claro. Se estou satisfeito? Podo dicir que o pasei ben, que foi un proceso divertido. A opinión política? Iso vai depender de quen lea o libro.

–Valeu a pena esa aposta da que fala?

–Teño coñecido e tratado a moitos políticos desde hai anos. Teño ou tiven realación con varios expresidentes da Generalitat, como Pujol, Pasqual Maragall ou Puigdemont; un exlehendakari, Juan José Ibarretxe; amizade cun expresidente do Goberno como Zapatero e algún outro. Tamén con expresidentes da Xunta e incluso con Fraga, aínda que ao final acabamos moi mal. Digamos que teño elementos para contrastar e podo dicir que Ana Pontón non me decepcionou. A impresión de entrada era boa, pero había que confirmala. Convenceume e quedei satisfeito.

A voceira do BNG, Ana Pontón, intervén no Parlamento de Galicia no recente Debate sobre o Estado da Autonomía.

A voceira do BNG, Ana Pontón, intervén no Parlamento de Galicia no recente Debate sobre o Estado da Autonomía. / Xoán Álvarez

–As enquisas a sinalan como a candidata mellor valorada. Tras a súa experiencia con ela, a que o atribúe?

–Hai candidatos que logran trascender e chegar a persoas que non se identifican coas súas siglas. Ese era un dos aspectos que me interesaba de Ana Pontón porque parece que o está conseguindo. As persoas ás veces cegámonos coas nosas ideas, pero vemos o que temos diante. Ás veces decidimos apoiar unhas ideas a pesar de que non simpatizamos co candidato ou non o consideramos digno. Neste caso o que acontece é que a xente percibe en Pontón a unha persoa que cre no que di, que ten conviccións. Tamén percibe algo que eu vin achegándome a ela: é unha persoa que non ten doblez, é moi clara. A política ás veces ten unha parte de representación e o político ten que defender cousas nas que non cre. Polo de agora o que leva defendido son cousas nas que cre e iso a xente o percibe. E logo hai algo que me dicía alguén que leu o libro: “Ah, ela é coma nós!”. A súa propia orixe é a dunha persoa como moita xente do noso país. Perfectamente podería protagonizar un anuncio do Gadis.

–No proceso para escribir este libro conta que foi ata a súa aldea, Chorente, en Sarria, e falou con moita xente que a coñece e a trata. Cales son os fitos biográficos para que hoxe Ana Pontón sexa a líder do BNG e candidata á Xunta?

–Un primeiro fito sería saír da casa e socializar na escola. Pasar do mundo familiar e da tradición oral e entrar en contacto co mundo das ideas. Atopou na literatura e en Rosalía un tesouro. Logo estaría o paso polo instituto, cunha maior exposición social e no que percibe o clasismo ao entrar en contacto coa cultura vilega, que se define polo contraste coa aldea. No instituto faise unha persoa crítica, feminista e galeguista.O resto xa chega na universidade e coa súa formación política.

–E como dirixente política?

–Foi dirixente xuvenil, deputada, entrou en contacto con dirixentes históricos do nacionalismo. Pero hai dous momentos que definen a Ana Pontón que coñecemos hoxe. En primeiro lugar, cando unha parte do nacionalismo galego aposta polas mareas e entende que non fai falla que existan forzas políticas propias. O BNG entra nunha crise profunda e Ana Pontón é unha das persoas que dá un paso adiante. É o seu momento de maduración e no que se convirte nunha política adulta. O segundo é cando no verán de 2021 lle di ao BNG que se vai tomar un descanso e pensar o seu futuro. O que está facendo é unha reflexión política, dicirlle ao BNG que agora xa non se trata de ter máis ou menos deputados senón de asumir o goberno. É un momento do que non se fala moito, pero que é moi importante.

Tentei que o retrato fose honrado, honesto e veraz. Creo que a figura que aparece é a verdadeira e moi veraz. Vaise ver a persoa tal como é, coa súa experiencia, capacidades e limitacións.

–Á hora de abordar un proxecto así o reto é non caer na haxiografía ou na intención laudatoria.

–Tentei que o retrato fose honrado, honesto e veraz. Creo que a figura que aparece é a verdadeira e moi veraz. Vaise ver a persoa tal como é, coa súa experiencia, capacidades e limitacións.

–Cre que no proceso para a elaboración deste libro Ana Pontón tamén descubriu algo de si mesma?

–Esta reflexión non era algo que esperase e obrigoulle a verse tamén a través dos ollos e das palabras dos demais, o cal tamén é unha situación incómoda. Creo que aprendeu cousas sobre si mesma e pode que agora se coñeza mellor.

Unha imaxe en Santiago na que aparecen, de esquerda á dereita, Xosé Manuel Beiras, Encarna Otero, Ana Pontón, Camilo Nogueira, Alfredo Suárez Canal e Suso de Toro.

Unha imaxe en Santiago na que aparecen, de esquerda á dereita, Xosé Manuel Beiras, Encarna Otero, Ana Pontón, Camilo Nogueira, Alfredo Suárez Canal e Suso de Toro. / Xoán Álvarez

–Dicía antes que a proposta deste libro a Ana Pontón de primeiras xeroulle dúbidas, algo que ela mesma confirmou nalgunha presentación anterior. Como superou esas reticencias iniciais?

–Eu non insistín. Plantexeillo porque tiña a impresión de que ela era unha política que ía en serio na loita polo poder e acadar o goberno. Ao meu modo de ver a sociedade ten dereito a saber en quen deposita a súa confianza. Cando votamos non o facemos só por unhas siglas, senón que tamén votamos por persoas e equipos que vai ter conta das súas vidas e facendas. Gobernar significa tutelar dalguna maneira a vida das persoas, incluíndo cuestión económicas. A sociedade ten dereito a ter un coñecemento cabal das persoas que se presentan e que din que quere gobernar. No seu caso creo que era especialmente importante que a sociedade a coñecese porque por ser unha muller nova e ser muller tiña que enfrontarse a unha serie de estereotipos automáticos. Pode haber xente que pense que é demasiado nova para gobernar ou que por ser muller non ten capacidade para mandar. Ana Pontón non é meramente a voceira dun grupo político, senón que tamén é dirixente. Eu expliqueille todo isto, ela quedoulle dando voltas e reflexionando. É unha muller que non toma decisións de modo inmediato, algo que percibín porque eu son todo o contrario.

Zapatero é leal ao seu partido e a quen o dirixe, mentras que outros históricos como Felipe González ou Alfonso Guerra alinéanse con Aznar ou coa xente que se manifesta diante das súas sedes, nunha posición hostil e de negarlle autoridade aos seus dirixentes.

–A máis tardar os vindeiros comicios autonómicos serán antes do verán. Cre que hai opcións reais de que o BNG de Ana Pontón e o PSOE lle discutan o goberno da Xunta da Galicia ao PP de Alfonso Rueda, que non é tan coñecido nin ten o tirón de Núñez Feijóo?

–Eu creo que si, francamente. O PP é consciente da súa propia vulnerabilidade. Basta saber que hai uns meses, a consecuencia das eleccións municipais, Alfonso Rueda encerreouse cos seus conselleiros e fixo números para saber se lle daban as contas ou non para convocar eleccións autonómicas. E non lle daban, polo que decidiron continuar coa lexislatura. O PP é consciente de que non a vitoria segura. Agora ben, todo vai depender moito do Goberno central do PSOE. Ao meu modo de ver o PSOE tense comportado con Galicia dun modo irresponsable e sempre o dixen. Nunca lle importou, pero neste momento si lle importa. Vén de perder moito poder territorial cos seus graneiros de votos de Andalucía, Extremadura, Valencia… Neste momento, se conseguise expulsar da Xunta ao PP sería un golpe importante porque Galicia é un feudo histórico para o PP. Sería tamén importante para eles porque Sánchez vai encabezar un goberno que nace discutido e necesita vitorias. Derrotar ao PP en Galicia, aínda que ese triunfo fose encabezado polo BNG e Ana Pontón, sería importante e necesario para o PSOE. Por iso creo que se vai implicar e dar a batalla.

A presentación oficial do libro "Descubrindo Ana Pontón" en Santiago, coa voceira do BNG, Suso de Toro e o director de Edicións Xerais, Fran Alonso.

A presentación oficial do libro "Descubrindo Ana Pontón" en Santiago, coa voceira do BNG, Suso de Toro e o director de Edicións Xerais, Fran Alonso. / Xoán Álvarez

–Falaba antes da súa amizade con Zapatero e do libro que escribiu sobre el, “Madera de Zapatero, retrato dun presidente”. Precisamente Zapatero é un dos referentes socialistas que si apoia a Pedro Sánchez. Estes dous proxectos son comparables, hai paralelismos?

–Penso que si. No seu día tamén fixen un libro de conversas con Camilo Nogueira e sobre o nacionalismo galego. Neste caso si que hai bastante relación co libro de Zapatero: é un retrato dunha política e coas opinións doutras persoas. Acerca da situación do momento actual que deslizas o que creo é que Zapatero é leal ao seu partido e a quen o dirixe, mentras que outros históricos como Felipe González ou Alfonso Guerra alinéanse con Aznar ou coa xente que se manifesta diante das súas sedes, nunha posición hostil e de negarlle autoridade aos seus dirixentes. Zapatero mantén a posición que sempre me chamou a atención del: diálogo, recoñecemento das posicións e posturas dos demais e talante negociador. No PSOE houbo un proceso de decantamento irreversible e Felipe González e Alfonso Guerra son parte xa do pasado.

Tiven a proposta de facer algo semellante con dous políticos diferentes da dereita. Non vou dicir nomes nin siglas. Non aceptei porque se contaba a verdade que eu sabía podía facer dano no plano persoal. Prefiro tratar con persoas as que podo defender e non as que podo destruír.

–Camilo Nogueira, Ana Pontón, Zapatero... A quen lle gustaría adicar outro libro e con que político non o faría nunca?

–Tiven a proposta de facer algo semellante con dous políticos diferentes da dereita. Non vou dicir nomes nin siglas. Non aceptei porque se contaba a verdade que eu sabía podía facer dano no plano persoal, se eu contaba a súa verdade entraría no campo da destrución persoal, de facer dano na vida persoal. E non quería. Prefiro tratar con persoas as que podo defender e non as que podo destruír. E sobre con que me gustaría facer algo similar, direi que teño relación con Puigdemont e tería curiosidade en falar con el. Ao mellor non un libro, pero si unha entrevista en profundidade cando pase todo este momento.

–Como xornalista entendo que non hai preguntas impertinentes, en todo caso respostas indiscretas. Así que... votará vostede a Ana Pontóin nas vindeiras eleccións?

–[Risos] No seu momento apoie a Zapatero e dicíalle que se eu vivise en Madrid votaría por el. Pero vivo en Galicia e sempre votei a partidos galegos incluso sabendo que os candidatos non me convencían, pero esa é a miña idea. Agora estamos nun momento ideal, cunha candidatura e un programa co que me identifico e me gusta. A candidata é optima. É unha aposta importante: é posible que por primeira vez goberne un partido galego a Xunta e que sexa cunha presidenta. É moita novidade. É moi posible.

Suscríbete para seguir leyendo