Entrevista | Ana Pontón Portavoz nacional do BNG

Ana Pontón: “O BNG será clave na lexislatura estatal: haberá moitas aritméticas no Congreso”

“Conseguimos un trato análogo ao de Cataluña, pero Rueda debe negociar a quita de débeda”

“Se o pacto o asinasen dous homes, ninguén diría que quen está ao lado non aparece na foto”

Ana Pontón, 
o venres, nos 
corredores do 
Parlamento 
galego.   | // XOÁN ÁLVAREZ

Ana Pontón, o venres, nos corredores do Parlamento galego. | // XOÁN ÁLVAREZ / Daniel Domínguez

Daniel Domínguez

Daniel Domínguez

Ana Pontón repite varias veces que o BNG “está no seu mellor momento”, consciente de que as vindeiras eleccións autonómicas son a súa gran oportunidade de ser presidenta. A súa organización lidera a oposición con 19 deputados, serán os primeiros comicios con Alfonso Rueda como candidato do PP e Feijóo non logrou chegar a Moncloa. Precisamente, a lexislatura estatal abrirase nuns días coa investidura do Pedro Sánchez, ao que Pontón lle lembra a importancia do BNG porque serán catro anos de “moitas aritméticas” no Congreso.

–Que lle parece o acordo que desbloquea a investidura a nivel estatal entre PSOE e Junts?

–Esta investidura desbloquéase por moitos acordos. Para min, como galega, o máis relevante é o que conseguiu o BNG, que impulsa a política útil. Por iso temos a Rueda tan enfadado. No fondo, é porque el sabe que este acordo demostra que sería moi importante para Galiza ter unha presidenta coas mans libres para negociar con Madrid.

–Que opina sobre a amnistía aos implicados no procés?

–Non coñecemos o texto legal, pero é evidente que é un mecanismo legal recoñecido no dereito internacional, que xa se ten utilizado no Estado español e que é unha fórmula para encauzar na política aos debates que nunca deberon saír de aí.

–É xusto aplicar unha amnistía a posibles delitos de malversación?

–Veremos primeiro o texto. Pero quero lembrar que o único que amnistiou delictos fiscais foi o PP e o Constitucional declaraouno ilegal.

–Vai provocar a investidura de Sánchez un adianto electoral en Galicia?

–O que está claro é que o PP está en precampaña.

–Non me diga que só o PP...

–Pero a diferenza é que o PP está utilizando a Xunta ao seu servizo. Vai ir a unha campaña sucia e nós queremos unha campaña de ideas e propostas porque estou convencida de que o cambio é imparable e que este país vai facer historia cunha muller por primera vez na presidencia.

–Para iso, precisará un pacto co PSdeG e, cito textualmente, o seu acordo cos socialistas “non era necesario”, dixo o candidato Besteiro, que se atribuíu os logros do acordo. Xa empeza a tensión?

–O día que se fai esta entrevista [o venres] acaba de asinarse tamén un acordo con Coalición Canaria. O PSOE sabe que esta é unha lexislatura complexa onde o voto do BNG vai ser clave na investidura e na lexislatura. Porque hai moitas aritméticas, e unha delas fai que o voto do BNG, xunto co de CC, sexa decisivo negociando unha abstención de Junts. o noso acordo de investidura demostra que o BNG ten máis peso político nesta lexislatura. E quero resaltar que conseguimos igualdade de trato na débeda [que Cataluña].

–Por que non se concretou unha cifra? Á Generalitat se lle van perdoar 15.000 millóns.

–Se estivese no Goberno, podería concretala. Pero o que logramos é igualdade de trato. Temos un problema moi grave coa condonación da débeda porque o PP no seu momento, e por puro interese partidista, en lugar de acudir aos recursos públicos, decidiu financiarse coa banca privada, en moitos casos, en peores condicións. E isto dificulta que podamos falar dunha condonación. Por iso, no noso acordo dicimos que ten que haber compensacións para aquelas comunidades que non están no FLA. E garantizamos algo máis importante que poñer unha porcentaxe: un tratamento análogo ás outras comunidades. Ahora quen ten que negociar esa quita son a Xunta e Alfonso Rueda.

–No seu pacto co PSOE, hai moitos acordos que se repiten e que no se cumpriron e incluso eliminaron a referencia explícita á transferencia da AP-9. Por que?

–O BNG conseguiu a pasada lexislatura máis que os 22 deputados das forzas estatais. Conseguimos unha rebaixa nas peaxes...

–Algo terían que ver os do PSOE que votaron no Congreso.

–É un acordo co PSOE, efectivamente, pero quen o conseguiu fomos nós. De non existir o BNG, esas demandas non estarían sobre a mesa. Non houbo rebaixas de peaxes ata que o BNG puxo esa demanda sobre a mesa. Co novo acordo conseguimos todo o que nos gustaría? Pois non, pero houbo avances importantes para este país e conseguimos máis que o resto dos deputados, que lles entregan o voto a Feijóo e a Sánchez con independencia do que fagan por este país. E sobre a AP-9, faise referencia a todas as competencias do Estatuto e a aquelas sobre as que houbo acordo, incluida a AP-9.

–Por que cortou da foto do acordo co PSOE a Besteiro? Houbo competencia entre vostedes por patrimonializalo. El mesmo usou a primera persoa para dicir que conseguira el investimentos como a rebaixa de peaxes e non vostedes.

–É evidente que de non existir o BNG, non habería rebaixas de peaxes. Sobre o resto, que cada un faga o que queira. E nas fotos enviadas polo BNG o que fixemos foi facer visible o protagonismo de dúas mulleres [asinouno con María Jesús Montero]. Parece que cando as mulleres protagonizamos algo en política, molesta.

–Cre que molesta por iso?

–Se fosen dous homes asinando, ninguén diría que quen están ao lado non aparecen na foto.

–Pero é que un deles é o candidato do PSdeG á Xunta. Por iso chama a atención. No 2020, non estaba ese candidato.

–Cando dúas mulleres protagonizan un acordo político sempre hai algunha pega que poñer.

–Teme un estancamento electoral? Nas xerais aspiraba a grupo propio con 5 deputados e obtiveron un.

–Demostramos en cada cita electoral que seguimos subindo. Nas xerais non cumprimos as expectativas, pero foi un contexto moi polarizado. E nada teñen que ver coas galegas. Vese que a alternativa sólida ao PP é o BNG e síntome preparada para darlle a este país o mellor goberno da súa historia. O cambio é imparable e faremos historia tendo por primeira vez a unha presidenta coas mans libres. É un cambio clave para a Galiza porque desde logo a min ninguén me vai decir desde Madrid que podo ou non podo defender.

“O PP está sobreactuando: prender a mecha do odio é doado, pero resulta moi difícil apagala”

–Que pensa dos altercados destes días tralo acordo do PSOE con Junts? Falabamos antes de que uns gardas civís incluso falaron de derramamento de sangue.

–Todo o mundo ten dereito a manifestarse, pero non é lóxica a irresponsabilidade do PP, alimentando unha crispación política que nada ten que ver coa realidade. Estamos ante un PP extremista que parece que está competindo con Vox e que está absolutamente sobreactuando ao respecto do alcance dos acordos dos que fala. E debe ter moito cuidado porque a mecha do odio é moi fácil de prender, pero é moi difícil de apagar.

–Como chegan vostedes ás autonómicas? Sorprende que saíse un dos responsables de Organización, Bieito Lobeira, dunha área fundamental a uns meses dos comicios.

–O BNG está no mellor mellor momento da súa historia. Estamos fortes, con moitísima convicción e ilusión. Dito isto, Bieito segue na executiva e no Consello Nacional, pero desde a anterior Asamblea Nacional a coordinadora de Organización era Lucía [López] e el estaba de apoio. Temos a organización no noso mellor momento para o reto das eleccións galegas, que é o reto máis importante do BNG na súa historia.

–E no caso de non lograr ese obxectivo, serían os derradeiros comicios de Ana Pontón como candidata? Será o seu terceiro intento.

–O que lle podo dicir é que nas próximas eleccións imos a por todas e que estou convencida de que o cambio que representa o BNG é imparable e imos ter presidenta.

–Pode dificultar esa meta Sumar? Nas xerais, por exemplo, non acadou o 5% nas provincias do interior e é o mínimo para lograr representación en Galicia.

–Todas as forzas políticas no sistema democrático teñen dereito a presentarse. Como demócrata, non atacarei as decisións que tomen outras forzas sobre a súa intención de concurrir á unhas eleccións. Logo, a cidadanía decide en que lugar nos coloca.

Suscríbete para seguir leyendo