Na véspera de San Martiño

Moaña queda sen voz

Falece o Cronista Oficial do Concello, Manuel Uxío García Barreiro

Manuel Uxío García Barreiro, no 2021, diante da igrexa románica sobre a que tanto investigou.

Manuel Uxío García Barreiro, no 2021, diante da igrexa románica sobre a que tanto investigou. / Gonzalo Núñez

Os moañeses viven hoxe un día grande de San Martiño marcado pola tristura, pois onte faleceu, a primeira hora da tarde, Manuel Uxío García Barreiro, recoñecido investigador da historia local e nomeado como Cronista Oficial do Concello dende o ano 2021 tras unha proposta do edil Javier Carro. O destino quixo que falecera nas vésperas do patrón da parroquia orixinal de Moaña, esa na que naceu e cuxa historia coñeceu e divulgou durante décadas. As concurridas festas que hoxe viven a súa procesión eran moi queridas polo investigador e hoxe os fieis percorrerán o núcleo hisórico sabedores de que perderon a un dos seus máis ilustres veciños.

Manuel Uxío García Barreiro faleceu aos 76 anos de idade e froito dunha enfermidade contra a que loitaba dende vai varios anos. Todos os grupos políticos da corporación moañesa mantiveron unha reunión onte pola tarde e decidiron decretar loito oficial ata o luns, coas bandeiras a media hasta.

Ao pouco de coñecerse a triste nova a alcaldesa, Leticia Santos, lamentou en nome de todo o Concello “o pasamento de Manuel Uxío, o noso Cronista Oficial. Un veciño que coas súas investigacións contribuíu ao descubrimento da nosa historia e do noso patrimonio. Que a terra lle sexa leve”, apuntou.

A corporación de Moaña decretou loito oficial ata o luns

García Barreiro naceu no 1947 no lugar do Cruceiro, en pleno núcleo orixinal de Moaña e pegado á igrexa románica sobre cuxa historia tanto investigou. Completou o Bacharelato e os estudos de Máquinas na Escola Oficial de Náutica e Máquinas de Cádiz. Ata os 26 anos estivo embarcado e navegando ata que comezou a traballar para unha multinacional adicada ás instalacións enerxéticas. Viviu unha parte da súa vida en Asturias ata regresar ao seu San Martiño natal.

Xunto ao cruceiro barroco do núcleo histórico moañés.

Xunto ao cruceiro barroco do núcleo histórico moañés. / Gonzalo Núñez

Ao longo da súa etapa como investigador, Manuel Uxío García Barreiro profundizou nas reformas e ampliacións da igrexa románica de San Martiño e trazou unha historia milenaria dese lugar. Con varias publicacións editadas, o Concello anunciou recentemente que en vindeiras datas editará un novo traballo que no seu caso será unha obra póstuma. Todo apunta a que levará o título de ‘Crónica da milenaria freguesía de Moaña’ e estará escrito a tres mans, pois lle acompañan o investigador e activista cultural Xosé Carlos Villaverde e o licenciado en Filosofía e Letras, José Benito Rodríguez Parada.

O investigador, caracterizado con roupa medieval, no centro da presentación da festa Moaña Antiqua.

O investigador, caracterizado con roupa medieval, no centro da presentación da festa Moaña Antiqua. / Gonzalo Núñez

O falecido foi tamén un prolífico colaborador de FARO de VIGO, publicando nas páxinas deste xornal varias das súas investigacións. A súa última colaboración, sobre o centro histórico da parroquia, foi publicada vai menos dun mes, o pasado 15 de outubro, cando Manuel Uxío se atopaba nun estado delicado de saúde.

Ademais da historia de San Martiño, o Cronista Oficial explicou en múltiples ocasións as consecuencias negativas que tivo a segregación da parroquia de O Carme a mediados do século XX. Tamén investigou e divulgou a historia das outras parroquias do municipio.

A réplica do tímpano do século XIII, inaugurada na rectoral no ano 2018.

A réplica do tímpano do século XIII, inaugurada na rectoral no ano 2018. / Julio Santos Álvarez

O seu compromiso co patrimonio moañés levouno a encabezar a reivindicación de que unha réplica do tímpano da igrexa románica, datado no século XIII, poida verse en Moaña. Ese día chegou no 2018. A peza orixinal está no Museo de Pontevedra e a súa réplica na antiga reitoral do núcleo histórico moañés.

Bandeiras a media hasta onte no Concello.

Bandeiras a media hasta onte no Concello. / FdV

Suscríbete para seguir leyendo