Centro histórico da milenaria parroquia de San Martiño de Moaña

Os veciños levaban séculos asentados en varias aldeas desta entidade de poboación, que recibiu o nome actual no IX-X

Antiga reitoral ou pazo dos abades de Moaña.

Antiga reitoral ou pazo dos abades de Moaña. / Foto de Manuel Uxío

Manuel Uxío García Barreiro*

Desde mediados do século III en que os conquistadores romanos impuxeron o cristianismo en Galicia, a súa influenza foi decisiva nos cambios que ían chegar a través da romanización; deste xeito, tan pronto como os invasores suevos abrazaron a nova relixión, dividiron o territorio galego en parroquias dependentes das dioceses que ían fundando. Tales divisións quedaron reflexadas no denominado “Parroquial Suevo” do ano 569.

Daquela, os veciños xa estaban asentados en varias aldeas dunha importante entidade de poboación que, a partir do século IX – X, foi denominada Parroquia de San Martiño de Moaña; administrada, civil e relixiosamente, desde unha igrexa dependente do bispado de Iria Flavia.

Para emitir esta información, tivéronse en conta os restos arqueolóxicos atopados no Monte do Castro do Cruceiro, os sartegos antropomorfos altomedievais descubertos na Necrópole do adro do templo actual e, sobre todo, os datos dun documento do ano 1184, traducido ao galego polo catedrático de latín moañés Rodríguez Parada quen describe que, nese mesmo ano, trece antes do 1197, en que foi rematada a igrexa románica, xa existía unha parroquia que tiña que estar rexentada a través dunha pequena igrexa rural, do que non quedan restos arqueolóxicos seguros.

Antiga Casa da Taberna nunha foto recente e escaleira, hoxe desaparecida, que comunicaba o adro baixo con ela.

Antiga Casa da Taberna nunha foto recente e escaleira, hoxe desaparecida, que comunicaba o adro baixo con ela. / Foto de Manuel Uxío

Desde comezos, os rexedores, chamados posteriormente párrocos, convertéronse nos persoeiros máis importantes da parroquia. Por tal motivo, co obxecto de axudar ao seu sostemento, a unha primitiva reitoral rodeárona de varias terras e montes que aínda se coñecen, parte deles, como “Terras do Igrexario”.

O enorme poderío administrativo civil dos reitores de Moaña foi desaparecendo, paseniño a paseniño, a partir do ano 1836, en que se constituíu o primeiro Distrito Municipal en Meira, coa xuntanza das catro parroquias históricas que, na actualidade, compoñen o Concello de Moaña.

O enorme poderío dos reitores de Moaña foi desaparecendo a partir do 1836

Tendo en conta que os elementos máis representativos dos centros históricos deste tipo de parroquias, teñen como eixo as súas igrexas; no caso de Moaña disponse, na actualidade dun artístico monumento románico do século XII ao que lle engadiron un campanario, tres capelas e unha sancristía no XVIII; todo elo en estilo barroco.

Casas centenarias do núcleo histórico.

Casas centenarias do núcleo histórico. / Foto de Manuel Uxío

Partindo de tales antecedentes, non é estraño que os documentos centenarios investigados sinalen os camiños principais moañeses como, Camino de la iglesia de San Martin, excepto, o que vai desde o templo a Ermelo, mencionado como Camino al Priorato de Hermelo e, que, dos catro nomes co que foi coñecido o actual lugar onde está situada a igrexa: Moaña (antes da fundación da parroquia de San Martiño), Baldomar, Igrexario e Cruceiro, impere este último, debido á abundancia de cruzamentos de camiños que se construíron para comunicar o templo con todas as antigas aldeas de dita parroquia; aínda que, cabe a posibilidade de que se deba á posible construción dun viacrucis de cruceiros de pedra no século XVII.

Cumpre sinalar, pois, a importante evolución da freguesía histórica de Moaña que, pola abundancia das augas que baixaban do monte foise convertendo nunha potencia agrícola e gandeira que, segundo o “Catastro do Marqués da Ensenada” do ano 1752, dispuña de 454 casas e pouco máis de 1.800 habitantes; polo tanto, no cume das 11 freguesías que, nese ano, formaban parte da Xurisdición do Morrazo, con capital na vila de Cangas.

Casa terreña centenaria de tres volumes: cociña, sala e adega.

Casa terreña centenaria de tres volumes: cociña, sala e adega. / Foto de Manuel Uxío

Como é coñecido, unha parte do citado camiño milenario situado no actual lugar de O Cruceiro, conseguiu autorización de Patrimonio para cambiarlle un amplo tramo, asfaltado nos anos 60 do século XX; pois, por atoparse no centro histórico parroquial moañés, comunica cos seus elementos máis artísticos, históricos e monumentais.

Efectivamente nada máis comezar un treito do camiño que baixa de Ermelo, unha fermosa reitoral construída como pazo dos abades ou pazo abacial, nos séculos XVI e XVII deixa paso ao Monte do Castro do Cruceiro onde se atopou cerámica castrexa e tégulas (tellas) romanas, posiblemente do século Iº que amosan a estancia dun pobo galaico – romano, que debería formar parte dun estudo amplo, serio e rigoroso.

Fronte á antiga reitoral, reconvertida en Escola Municipal de Música, atópase un fermoso palacete rematado no ano 1866, denominado “Casa das Señoritas” que mandou erguer o derradeiro párroco procedente do Pazo do Rosal, D. Gregorio Benito Saavedra Román. Baixando polo camiño, encóntrase a igrexa románico barroca dos séculos XII e XVIII en cuxo adro achegado permanece soterrada unha necrópole alto medieval, correctamente sinalizada onde se sitúan, a lo menos, dous sartegos antropomorfos, labrados na rocha, un deles bastante deteriorado, ao que hai que engadir outro, exento, transportado cara á antiga horta da citada reitoral, onde, foi reconvertido en lavadoiro nos anos 50 do século XX.

Capitel, posiblemente prerrománico, que soporta a pía de auga bendicida do século XVI.

Capitel, posiblemente prerrománico, que soporta a pía de auga bendicida do século XVI. / Foto de Manuel Uxío

As dúas escaleiras de pedra que separaban ambos adros, remataban en cadansúa “gradicela” pétrea que evitaban o paso de animais dende o sagrado adro alto ata o profano adro baixo; na actualidade unicamente se conserva a situada fronte a porta “da travesa” suroccidental; unha das máis artísticas de Galicia.

A misión profana do adro baixo consistía, nun primeiro lugar en que, ata comezos do século XXI, era o lugar en que se celebraban as moitas festas coas que, nos comezos, ao son dun gaiteiro, logo dun grupo de catro, incluído bombo e tamboril e, a partir do ano 1874 de bandas de música e orquestras, honrábanse a varios santos cuxas imaxes estaban expostas no interior da igrexa. No adro baixo, tamén se organizaban as xuntanzas semanais dos veciños varóns e mulleres viúvas, presididas por un rexedor e un alcalde pedáneo, dependentes da vila de Cangas, cuxas conclusións eran pregoadas polos párrocos nas misas populares dominicais. Débese ter en conta que case todas as mulleres e unha importante cantidade de homes eran analfabetos antes do século XX. Tamén cumpre considerar que os domingos e festivos, todos os moañeses tiñan a obriga de escoitar misa na parroquial de San Martiño.

Gradicela destinada a impedir o paso de animais dun adro a outro.

Gradicela destinada a impedir o paso de animais dun adro a outro. / Foto de Manuel Uxío

Aínda se conserva a que foi denominada “Taberna da Igrexa” que nos comezos era terreña e, a partir do século XIX, dun andar, bautizada co nome de “Casa da Taberna” ; a ela dirixíanse varios veciños despois das citadas xuntanzas dominicais, a través dunha curta escaleira, que foi botada abaixo nos comezos do século XXI.

Logo, o camiño bifúrcase en dous traxectos; un deles rodea o exterior do adro baixo para dirixirse á Casanova e Redomuíño e, o outro, presidido polo pequeno cruceiro da Soidade, do século XVII, baixa ata o monumental das Angustías, do XIX, atribuído a José Cerviño e situado na pequena praza onde se atopaba inicialmente o da Soidade.

Rafael O Quinto, anos 50.

Rafael O Quinto, anos 50. / Cedida por Rafael Budiño

Desta mesma praza, un portalón que dispuña de dúas portas, a través dun camiño rústico, posiblemente medieval, deu paso a unha grande finca de 25 ferrados que, no século XVIII, nomeábase “Campo do Lagar”, propiedade do Pazo do Rosal. O curioso e que tanto o camiño orixinario como o centenario lagar e os postes que o delimitan, aínda se conservan.

Coincidindo coas desamortizacións e redencións forais do século XIX, o Campo do Lagar foi vendido a varios veciños da zona; algúns deles mercaron a parte cercada que o comunicaba co camiño que subía á igrexa onde construíron as fermosas casas centenarias dun andar, situadas fronte a outras orixinariamente terreñas.

*Historiador local y cronista oficial de Moaña.

Suscríbete para seguir leyendo