Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Uxío García Barreiro: Cronista Oficial de Moaña

García Barreiro –en primero plano de azul escuro– acompañado da corporación, familiares e amigos.

Manuel Uxío García Barreiro, “incansable” investigador da historia de Moaña, é dende onte o primeiro Cronista Oficial do Concello, ao ser nomeado nun emotivo pleno extraordinario por toda a corporación. Todos os grupos, por aclamación, amosaron o agradecemento do pobo moañés ao labor de investigación e de divulgación que García Barreiro desenvolve dende sempre pero, sobre todo, despois de xubilarse á idade de 60 anos, traballando “con minuciosidade” nos arquivos parroquiais, no Arquivo Histórico Nacional de Madrid, no Arquivo Provincial ou no Diocesano de Santiago de Compostela entre outros.

Nado no ano 1947 no lugar do Cruceiro, a só 200 metros da igrexa románica de San Martiño sobre a que tanto investigou, Manuel Uxío completou, nun época difícil, o Bacharelato e os estudos de Máquinas na Escola Oficial de Náutica e Máquinas de Cádiz. Navegou ata os 26 anos, ata que pasou a mans dunha multinacional adicada á enerxía. Agora recibe esta honra nun acto no que estivo acompañado de amigos, familiares e outras personaxes destacadas na divulgación histórica en Moaña como Xosé Carlos Villaverde e os seus compañeiros da Agrupación Cultural Nós.

A proposta para este nomeamento partiu do concelleiro de XM, Javier Carro, quen, visiblemente emocionado, sinalou que “é un orgullo ter a Manuel Uxío como veciño” e engadiu que os seus estudos sobre o pasado da vila “fanme, como persoa, sentirme orgulloso do meu pasado”.

O investigador, coa alcaldesa, na mesa central do pleno de onte.

Polo BNG Odilo Barreiro leu a ordenanza de honores e considerou que “está redactada pensando en persoas como Manuel Uxío. Do que destacou “o seu compromiso coa lingua galega” e a súa “traxectoria vital converténdose nun home ilustrado pese a pasar etapas moi difíciles”.

Polo PP, Vicente Verdeal agradeceu o “traballo a prol de Moaña” do homenaxeado e polo PSOE, Marta Freire, salientou o “lado solidario de Manuel Uxío, que sempre colabora cos colexios, asociacións e co Concello” e deulle ás grazas por “permitir ás xeracións futuras coñecer a historia de Moaña”. A alcaldesa, Leticia Santos, entregoulle un escudo de Moaña e a edil de Turismo presentou, por sorpresa, o cartel de “Días de Mar”, que este ano inclúe parte das verbas da escritora Iria Collazo no prólogo dun libro do investigador.

Manuel Uxío co novo cartel de "Días de Mar", adicado á súa persoa.

“Esta honra representa un estímulo para proseguir neste camiño”

Manuel Uxío García Barreiro percorreu, ante un público que lle brindou numerosos aplausos, a súa traxectoria vital. “A miña afección pola historia de Moaña deu comezo cando era ben pequeno e escoitaba aos seminaristas falar sobre a igrexa de San Martiño”, comentou. Despois, percorreu as súas primeiras investigacións sobre o tímpano dese templo así como os seus libros comenzando por “Moaña no camiño do mar” (2006), sobre o 50ª aniversario do afundimento do pesqueiro “Ave del mar”. Manuel Uxío, colaborador activo de FARO, tivo lembranzas para os exalcaldes Xosé Manuel Millán e José Fervenza, e para toda a corporación actual con Leticia Santos á cabeza. “Esta honra representa para min un forte estímulo para proseguir no camiño apaixonante de investigar sobre o desenvolvemento das catro parroquias históricas de Moaña”.

Compartir el artículo

stats