Música

Os mandamentos do celtic punk

Tecor Societário: "Ti que vas fazer?"

Os membrosde Tecor Societário.

Os membrosde Tecor Societário. / Cortesía dos artistas

V. Neira

Hai veces que lle cómpre pasear os sacros mandamentos do celtic punk pola realidade das corredoiras dunha recóndita aldea do noso país ou incluso, e se así o preferides, por algún dos barrios baixos dunha das nosas vilas máis senlleiras. Aquí pouco importa ser de costa ou de terra adentro pois abofé que nalgún territorio común, dígase coma bo e válido exemplo unha boa taberna desas de tute nas mesas do fondo, de rifas políticas de tres pesetas, de conversas sobre o fútbol de antes, e de emocional e polifónica entoación nas horas esas nas que o cartaz de “prohibido cantar” perde todo o seu sentido e vigor. Alí pode ser o lugar xusto e concreto para calar e escoitar como, entre as orellas, podemos mesturar nun fantástico e remexido estereo todos os argumentos chegados, dunha beira, con vellas cancións de Fuxan os ventos e, da outra, co xenio todo dunha desas bandas do punk do 77 que tanto solaz repartiron a golpe de raiba, distorsión e inconformismo.

Así será como, dentro da túa cabeza, resoen a bon seguro as pezas de Ti que vas fazer?, o novo disco dos Tecor Societário. Non busque ninguén aquí, xa que logo, nada diso que a moda dicta, nin moito menos escoitar moderneces coas que quedar de enteirado nas súas tertulias sobre músicas contemporáneas baixo a análise das últimas tendencias que pican os gurús desa radio de entendidos a marcar o pulso da festivalada toda, e tamén da galega. Aquí Tecor Societário decidiron de vez combinar temas propios e clásicos, revisitando cancións absolutamente atemporais como “Compañeiro Daniel”, de Suso Vaamonde, mentres que a nivel de son apostan de novo por unha contundencia que xa se aprecia desde os primeiros segundos da canción que lle dá nome ao disco. Combinando a crítica social directa co recoñecemento de figuras sinaladas dentro da historia da Galiza rebelde, tales como Joam Jesús Gonçalves, sobre o que trata “Lola” (adaptación do clásico galego “Palmira”, dedicado á galeguista Lola Mora).

Ares (batería), Cipri (baixo), Roi (acordeón), Iago (gaita) e Xabi (guitarra e voz) achégannos así oito novas cancións gravadas e mesturadas por José Aller en Marín, nos seus Garageland, e con elas o grupo continúa a percorrer camiño como unha das grandes ofertas do xénero no noso país e ademais acadando momentos memorables como ese “Vai por vós” no cal a gaita, o acordeón, a contundencia punk e mais unha lírica vitalista e rebelde pode poñerlle a pel de pita ao máis pintado. Son vinte e tres minutos de entrega que dan para coller enerxía e folgos a esgalla, pero tamén para darlle unha pensada a certas cousas e algunha reflexión de como está o mundo por este córner. Mais todo iso aínda, probablemente, facéndolle un bo pogo, incluso a soas, dentro da habitación na que esteas a escoitar, por máis que o realmente recomendable neste caso sería escoitalos en boa compañía e nun deses escenarios nos que os Tecor Societário serán quen de cargarnos as baterías a golpe de enerxía punk e moito amor polo noso.

Na imaxe grande: membros de Tecor Societário. Na pequena: a nova proposta de Cemento Musgo.  |  FOTOS: CORTESÍA DOS ARTISTAS

A nova proposta de Cemento Musgo. / Cortesía dos artistas

Cemento Musgo

Música, voz, letra e audiovisual: así se conforma Cemento Musgo, un novo proxecto artístico e creativo asinado polo MC dos Dios ke te Crew, asemade de ilustrador e recoñecido muralista, Sokram xunto co artista visual A. L Crego e o produtor parisino Coio. Este, o seu traballo de presentación, chega argumentado cun sólido soporte de once cancións e once videocreacións, todas elas á nosa disposición nas canles de YouTube e plataformas dixitais, e con toda a intención de sacarnos do noso sofá para inducirnos nun submundo cargado de matices e un discurso poético e crítico coa realidade social e ecolóxica actual.

Humidade, escuridade e liñas imposibles de delimitar entre paisaxes rurais e urbanas mesturan fíos e sensancións intensas sobre lenzos por momentos de certa apocalípse, redención e territorios nos que o verde, a auga, as sombras, o musgo e o terriblemente cotiá se dan a man nun mar de imaxes e palabras e doentes. Ninguén sae ben parado da autoanálise cando un se para a pensar no lugar que ocupa e no copartícipe que é de tanta desfeita. No fondo, igual se trata exactamente diso, de poñernos fronte a un espello, de facernos reflexionar un pouco e facernos entender que ata o musgo busca o seu ecosistema no máis frío dos formigóns.

Cemento Musgo fainos pensar pero tamén valerá, abofé, como berro exorcizador para que tres artistas boten fóra o que teñen dentro. Falamos desa idea da expresión persoal e interior na que posiblemente atopemos o máis auténtico do feito de crear. “Nesse curruncho, hai musgo fresco, com pingas de chuvia, recém caída e sobe um caracol, que se achega lentamente, cara arriba, deixa-lhe que siga”. Tamén hai azos e imprescindible chamada a rebeldía. Cemento Musgo propoñen darlle outra volta a todo e si, o futuro igual era isto.

Suscríbete para seguir leyendo