Encrucilladas máxicas

Ermida e Fonte das Neves de Buxantes, Dumbría

Capela das Neves, en San Pedro de Buxantes (Dumbría).

Capela das Neves, en San Pedro de Buxantes (Dumbría). / FdV

A vía romana que conducía ao cabo do mundo, atravesaba o concello de Dumbría, que hoxe segue sendo paso do Camiño Xacobeo de Fisterra. E moi preto dese final da Costa da Morte, San Pedro de Buxantes continúa coa súa tranquila vida rural, rodeada da beleza da súa contorna e do seu patrimonio cultural, coa ermida das Neves como punto de encontro de devotos e peregrinos. Situada nunha encrucillada de camiños, a súa Fonte Santa e mais a súa capela próxima foron dando sona ao lugar, en tempos cheo de bulicio pola súa feira e pola trasfega de camiñantes que alí se atopaban; uns, para gañaren o xubileu ao pé do Apóstolo Santiago; outros, para remataren a súa peregrinación na fin da terra. Cada 8 de setembro acolle unha coñecida e concorrida romaría en honra da Virxe, baixo o auspicio das Neves, unha das advocacións de María máis antigas.

A historia fala da existencia dun pequeno eremitorio e dunha fonte considerada milagreira. En tal enclave levantábase tamén un casarío que ofrecería hospedaxe aos peregrinos para descansaren e repoñeren forzas. As crónicas falan da realización dunha feira o terceiro domingo de cada mes que, co tempo, cambiaría de localización para celebrarse na veciña parroquia de Pereiriña, no concello de Cee. A Guerra da Independencia en 1809 arrasou parte das edificacións que había, quedando unicamente a ermida como punto de oración e encontro.

Encrucilladas 
máxicas

Cruceiro da Fonte Santa. / FdV

O templo, de estilo románico-neoclásico, construído sobre un eremitorio moi anterior, foi erixido a finais do século XV para experimentar unha remodelación en 1780. Consta dunha soa nave con tellado a dúas augas, presbiterio de planta rectangular, pequeno rosetón na fachada e espadana con dous arcos de medio punto. No muro exterior obsérvase un altar para as misas ao aire libre nos días de grandes concentracións relixiosas e as romarías.

Encrucilladas 
máxicas

Vista lateral da ermida. / FdV

Como na maioría das igrexas, a capela oriéntase leste-oeste, de tal forma que o solpor poña a súa cor dourada no interior do recinto sacro. Enriba do rosetón hai unha pequena xanela que, do mesmo xeito que noutras construcións, permite que no solsticio de verán os raios do sol se proxecten cada ano sobre o sagrario situado no altar maior. A tradición popular deu fama a este enclave polo seu poder espiritual e curativo que durante moitas décadas celebrou a súa festa da Virxe cada 5 de agosto. Era considerada avogada contra temporais e secas, protectora de mariñeiros e labradores e á súa festa acudían en multitudinaria peregrinación devotos de todas as idades chegados máis aló da comarca. Mais no 1923 a romaría pasou a celebrarse o 8 de setembro, día da Natividade da Virxe. Aínda hoxe, e durante todo o ano, son moitos os peregrinos que frecuentan o camiño e que deixan as súas ofrendas e oración no altar que existe na parte exterior da ermida.

Encrucilladas 
máxicas

Vista traseira da capela. / FdV

O enclave, rodeado de arboreda e silencio, é un lugar óptimo para facer un descanso e continuar aos confíns de Fisterra. Fronte ao santuario, alén do camiño que vén de Figueroa, é onde se atopa a Fonte Santa, que dá nome ao lugar, no pequeno val do Rego das Neves. A tradición reza que o 8 de setembro hai que facer o traxecto en silencio, asistir á misa e procesión e logo beber da auga milagrosa.

Na mesma parroquia pero noutro lugar, Grixa, atópase a igrexa de San Pedro de Buxantes, de estilo barroco, asentada sobre outra románica. É un dos templos máis fermosos da comarca pola súa calidade artística. Ademais das súas grandes dimensións, destaca pola esbeltez do seu campanario, obra do autor da Torre do Reloxo da catedral de Santiago, o arquitecto Domingos Antonio de Andrade. Conta cunha altura de case 22 metros e 35 escalinatas. No interior, ademais do seu xogo de bóvedas, destacan os seus retablos, tamén barrocos, e as súas dúas capelas, a do Rosario e a da Asunción.

Equilibrios imposibles

Todo o concello de Dumbría é un capricho da natureza, nunha terra de deuses percorrida polo monte Pindo e o seu singular río Xallas caendo ao mar en forma de magnífica fervenza. Na parroquia de Buxantes hai outra parada obrigada, a da Pedra Cabalgada, chamada así porque dous grandes moles graníticas montan unha sobre outra, desafiando a gravidade. Segundo os estudos, trátase dun magma que ascendeu á superficie da terra hai uns 300 millóns de anos, e ao arrefriarse transformouse en rochas. As pedras foron capaces de soportar todo tipo de inclemencias, desde treboadas a choiva, ventos intensos e movementos sísmicos. Teñen unha superficie mínima de apoio de medio metro que soporta un peso de máis de 150 toneladas.

A súa disposición en capas horizontais débese ao rozamento da mole cando ascendía á superficie desde os aproximadamente vinte e catro quilómetros de profundidade nos que estaba. Sobre a súa parte superior obsérvanse os efectos da erosión en forma de pías e pequenas concavidades. Toda a paisaxe de ao redor está dominada por afloramentos graníticos de diferentes formas, con lendas sobre todos eles. Algunha historia di que a Pedra Cabalgada pertence aos dominios dun xigante que habita na veciña aldea de Logoso, que dá nome a un castro do que quedan restos. É un lugar onde abundan outras pedras de formas singulares.

Suscríbete para seguir leyendo