Burguesas, obreiras e negras

Feminismo (III): Da unidade á ruptura

Folga das camiseiras (Nova York, 1910).

Folga das camiseiras (Nova York, 1910). / Arquivo

Alfredo Iglesias Diéguez

En 1838, nunha das súas Cartas sobre a igualdade dos sexos e a condición das mulleres, Sarah Grimké preguntábase “que podía facer a muller polos escravos se ela mesma se atopa baixo os pés do home?”, pondo o foco sobre a unidade de acción entre a loita pola abolición da escravitude e a loita pola igualdade de xénero. En 1869, nun debate sobre o dereito ao voto para os homes negros, Susan B. Anthony levantou o seu brazo dereito e exclamou: “Miren isto todos vostedes. E escóitenme, xuro que me cortarei este brazo dereito meu antes de traballar por ou demandar o voto para os negros e non para as mulleres”, no que “negros” significaba exclusivamente homes negros e “mulleres” significaba exclusivamente mulleres brancas. En só trinta anos, mulleres que compartiran unha mesma loita pola igualdade até o ano 1848, tomaran camiños opostos.

1869: o feminismo branco e burgués toma forma: No ano 1869 o movemento feminista branco e burgués agrupouse arredor da Asociación Nacional para o Sufraxio da Muller, dirixida por Susan B. Anthony e Elizabeth Cady Stanton, que se opuñan abertamente á aprobación da 15ª emenda. Fronte esa asociación, a Asociación polo Sufraxio da Muller, fundada por mulleres como Lucy Stone, defendía a necesidade de conquistar primeiro o dereito ao voto de todos os homes -incluídos os negros-, para inmediatamente despois seguir loitando polo dereito ao voto das mulleres, aínda que existía unha clara vontade de excluír as mulleres negras. O feito de que o eixo vertebrador en ambos os casos fose un feminismo branco, confírmao a fusión de ambas organizacións na Asociación Nacional Americana polo Sufraxio da Muller en 1890.

Así, nun momento en que se estaba a finalizar o ciclo revolucionario da burguesía liberal e arranca a fase imperialista do capitalismo, as mulleres brancas e burguesas priorizan, ante as mulleres racializadas e obreiras e fronte a discursos como o de Nóvoa Santos n’ A indixencia espiritual da muller (1908) -no que relegaba a esta a un papel subordinado ao home-, a cuestión do dereito ao voto e da igualdade civil, tanto no matrimonio como na incorporación da muller ao mundo da educación e profesional liberal. Velaí están os casos de Concepción Arenal, autora da Muller do porvir (1869), publicado no momento en que se estaba a debater a lei do matrimonio civil que condenaba as mulleres á subordinación do home; Emmeline Pankhurst no Reino Unido, Hubertine Auclert en Francia, Anna Maria Mozzoni en Italia ou Minna Cauer en Alemaña, que xogaron un papel determinante na conquista dos dereitos das mulleres dende a perspectiva da burguesía radicalizada.

De esqueda a dereita: Sarah Grimké, Soujourner Truth e Concepción Arenal.

De esqueda a dereita: Sarah Grimké, Soujourner Truth e Concepción Arenal. / Arquivo

As mulleres negras

Anos antes de que as irmás Grimké -brancas e dunha familia escravista do Sur- asumisen a súa condición de mulleres oprimidas, Maria Stewart, unha muller negra nacida libre en Connecticut, xa denunciaba nos seus discursos pronunciados en 1831 e 1832 a escravitude e animaba os negros e as mulleres a que loitasen contra a opresión do home branco, aínda que os seus discursos pasaron desapercibidos para as mulleres brancas.

No ano 1851, o mesmo no que Harriet Beecher Stowe denunciaba a escravitude, Soujourner Truth, unha escrava emancipada, tivo que facer fronte ao racismo das mulleres -e dos homes- que asistían á Convención feminista de Akron, na que pronunciou o famoso discurso Acaso non son unha muller?, malia ser a única de todas as alí presentes que podía afirmar “arei, sementei e colectei o mesmo que os homes, sen que ningún o fixera mellor”, fronte ao público masculino que sostiña que as mulleres eran inferiores en todo aos homes.

En tanto que a abolición da escravitude non supuxo o remate do racismo, reafirmado tras do Compromiso de 1877, base do segregacionismo racial dos EEUU, as mulleres negras, lideradas por Ida B. Wells-Barnett e a promotora do ferrocarril subterráneo, Harriet Tubman, organizáronse a partir do ano 1896 na Asociación Nacional para Mulleres de Cor, que alén de loitaren polo dereito ao voto e a igualdade civil, ebfrontaba contra o racismo e as marxinación e maz a exclusión da poboación afrodescendente.

O pan e as rosas

As mulleres das clases populares sempre adquiriron un compromiso radical coas loitas revolucionarias: velaí está a marcha -decisiva- das mulleres de París sobre Versalles os días 5 e 6 de outubro de 1789 ou a participación activa, baixo o liderado da anarquista Louise Michel, na comuna de París en 1871; porén, non foi até comezos do século XX que comezaron organizarse en asociacións de mulleres obreiras. Efectivamente, a Insurrección das 20.000, unha folga protagonizada pola mulleres das fábricas téxtiles de Nova York que liderou Clara Lemlich en febreiro de 1910 e na que as demandas eran aumento de salarios, redución da xornada laboral, mellora das condicións de vida e de traballo, eliminación do traballo infantil e dereito ao voto, foi un exemplo que seguiron milleiros de obreiras de todo o mundo, tamén as traballadoras do mar da ría de Vigo ou do téxtil de Petrogrado, que coa folga que protagonizaron o 23 de febreiro de 1917 puxeron en marcha a Revolución rusa. No transcurso desas manifestacións as mulleres difundiron un lema cargado de simbolismo: pan e rosas, no que o pan representaba a seguridade económica e as rosas a mellora da calidade de vida, unha consigna que poetizada por James Oppenheim rematou como unha das cancións máis populares do movemento obreiro e feminista.

Suscríbete para seguir leyendo