Banda deseñada

"El buen ciudadano" e as disonancias

A nova viaxe surrealista de Andrés Magán

Viñeta de "El buen ciudadano" (2024), orixinal do artista vigués Andrés Magán.

Viñeta de "El buen ciudadano" (2024), orixinal do artista vigués Andrés Magán. / Instagram

Raquel López

O pasado 19 de febreiro publicouse El buen ciudadano, a segunda novela gráfica do artista Andrés Magán (Vigo, 1989), editada no selo catalán Apa-Apa Cómics.

El buen ciudadano presenta a Juan M., un cidadán exemplar, aburrido e solitario, antagonista tenro de manual, que xestiona unha librería de segunda man en liña, Libros Anticuo. Un día recibe un encargo que trastorna a súa plácida e monótona existencia. De camiño a correos para o envío dun pedido, a realidade empeza a deformarse e o onirismo empeza a ser a norma. É o comezo dunha serie de eventos inesperados, personaxes estraños e situacións extremas. Unha viaxe lynchana a través de terrores cotiáns: o desexo e o pánico polos outros, as xestións, a saturación de información, a hipocondría, a fantasía e o fracaso… En definitiva, o mellor alimento para os pesadelos. Pero movido pola súa habitual dilixencia, Juan M. quere cumprir co seu traballo ata o final e embárcase nunha viaxe espiritual surrealista, acompañado por xardineiros, cowboys, paxaros sensibles e ata San Juan da Cruz.

El buen ciudadano 
e as disonancias

Viñeta de "El buen ciudadano". / Instagram

Unha nova entrega do que mellor sabe facer Magán: xogar coas disonancias. Surrealismo onírico, alegórico e enxeñoso, a través da experimentación formal con fórmula lixeiramente posmodernista, a do protagonista atrapado a pesar de si mesmo nunha cadea de eventos aleatorios sobre os que non ten control pero que, dalgunha forma, non pode evitar e que parece, sen existir unha causalidade directa, que emanan del.

Cunha composición de páxina básica e sinxela e un estilo gráfico lineal en branco e negro de BD máis clásica, con moito menos peso que en obras anteriores apoiadas na cor e a forma, o autor cede o espazo a toda a artillería de recursos que saca da manga: metamorfose de personaxes, cambios de perspectiva, uso poético e libre das dimensións… todo iso sen desviarse da historia, que se dispersa e se expande pero nunca se perde; deixando claro que o cómic, alomenos os seus, non teñen por que aterse ás regras da realidade, o que resulta nunha historia estimulante e rítmica pero tamén reflexiva.

Nas diferentes imaxes: viñetas da BD El buen ciudadano (2024), orixinal do artista vigués Andrés Magán.  |  FOTOS:  INSTAGRAM

Outra das ilustracións da banda deseñada de Andrés Magán. / Instagram

Traxectoria

Andrés Magán, debuxante, deseñador e músico, estudou Belas Artes. A súa obra foi exposta en Vigo, Madrid, Barcelona, Nova York e Portland. Coeditou Firecream con outros artistas durante algúns anos. Colaborou co magazine "š!" da editorial letona kuš! e publicou algunha historia curta con Edicións Valentes. En 2014, aparece na editorial Fosfatina, Griza Zono e en 2017 publica a súa primera novela con Apa-Apa, Fragmentos seleccionados. En 2020 logra o galardón na modalidade infantil e xuvenil do XV Premio Castelao de 2020 con As aventuras de Passer P. Malta, publicado en castelán por Bang Ediciones no 2022.

Xunto coa tamén artista Begoña García-Alén (Pontevedra, 1989) crea a editorial Noche Líquida, que nace como alternativa á autoedición coa intención e determinación de publicar pequenas obras de artistas de varios ámbitos, non soamente gráficos, que non atopan espazo noutras líneas editoriais. Están interesados no proceso de creación e nas formas de expresión creativa que pode ter un artista máis aló do seu “campo habitual”. Aínda que se trata dun proxecto cunha magnitude inicial reducida, os seus creadores madúrano sen présa e con mimo.

"O Papagaio", xornal gráfico para a xente miúda

Andrés Magán é unha das moitas persoas que colaboran en "O Papagaio", un xornal gráfico para a xente miúda; xornal cheo de colaboracións interesantes da talla de Anémona del Río, Julia Lago, Lorenzo Montatore, Bea Lema ou Javi de Castro, entre moitas outras e outros. "O Papagaio" foi creado en 2016 por Abraham Carreiro (Vigo, 1981), editor e debuxante, baixo o impulso do seu propio selo editorial Moito Conto. Xuntando a paixón polo xornalismo, a divulgación e o debuxo, e tras moitos anos de experiencia coa infancia en centros educativos, nace unha publicación destinada aos máis pequenos que defende o dereito que estes teñen a informarse. Case mensual, con dezaseis páxinas a toda cor -que inclúen temas de actualidade, pero que adica unha atención moi especial á ciencia, tecnoloxía, ecoloxía, historia, arte e cultura, co debuxo e a banda deseñada como principal medio de comunicación- "O Papagaio" devén unha iniciativa fantástica na que conflúen formación, información, lingua e divertimento e que, tras oito anos, mantén e prodiga uns valores claros: unha infancia con dereitos, agarimo pola natureza, igualdade e en galego e dende Galicia. Pódese atopar en bibliotecas e centros de ensino e a través de suscripción individual.

Suscríbete para seguir leyendo